NOTICIA

----

O Consello da Cultura presenta o “Dicionario enciclopédico de termos escénicos”

Acoutación, agol, analepse, madrigal, theatron.... son só algúns dos 300 termos que recolle o “Dicionario enciclopédico de termos escénicos”, unha proposta investigadora e normalizadora referida ao teatro pero tamén ás outras artes escénicas. O proxecto foi presentado esta mañá en rolda de prensa por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), quen destacou que forma parte dunha estratexia da institución de fornecer de ferramentas para os profesionais arredor da cultura galega. Canda el estaban Dolores Vilavedra, membro da Comisión Executiva, mais Inma López Silva e Roberto Pascual, como membros do proxecto. Todos eles destacaron a necesidade e a pertinencia desta obra, que constitúe un fito no teatro galego. O dicionario xa se pode consultar desde o web do CCG.
O Consello da Cultura presenta o “Dicionario enciclopédico de termos escénicos”

“Se a creación da Escola Superior de Artes Escénicas de Galicia foi un gran fito para o teatro galego, creo que a presentación desta proposta constitúe en si mesmo outro fito” apuntou Dolores Vilavedra, membro da Comisión Executiva e coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación. Ademais, Inma López Silva explicou que hoxe se presentaba “o comezo dun proxecto que conta con 300 termos pero que pretende chegar aos mil”. Así mesmo, avanzou que a proposta naceu “da percepción dunha necesidade, que nos amosaba que faltaba unha terminoloxía feita en lingua galega e faltaba unha obra de consulta para achegarnos a certos termos”.

O proxecto
As 300 entradas que conforman o “Dicionario enciclopédico de termos escénicos” inclúen descricións, gráficos e fotografías agrupadas en dez categorías: teoría, literatura dramática, historia, escenografía, pedagoxía, dirección de escena, dramaturxia, interpretación, socioloxía e pedagoxía. O proxecto inclúe material que foi achegado polas propias compañías do sector escénico e do Centro Dramático Galego.
Inma López Silva é a directora do proxecto e xunto con Roberto Pascual redactaron as entradas desta iniciativa. Canda eles, Diego Valeiras foi o encargado de elaborar algúns dos infográficos.

A directora explicou que o proxecto conta con varias particularidades. En primeiro lugar, que en cada entrada se aborda unha reflexión teórico-teatral. En segundo lugar, está elaborado cunha linguaxe inclusiva. Ademais, inclúe termos que non abordou ningunha iniciativa semellante anterior e conta cunha bibliografía que permite afondar noutros conceptos. Por outra parte, tamén quixo destacar que a natureza web deste proxecto permite tamén unha navegación interior por conceptos, que ofrece ter unha maior visión relacional do contido que nel se mostra. Por todos estes motivos, considera que é un proxecto que se fai por primeira vez en Galicia e posiblemente tamén a nivel europeo.