Aberta a inscrición para as visitas guiadas á exposición ‘Alba de Gloria. Unha experiencia” do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega abre hoxe o prazo de inscrición para as visitas á súa exposición “Alba de Gloria. Unha experiencia”, comentadas polo seu comisario, Manuel Gago. A mostra, que recrea o último gran discurso de Castelao, contará con tres percorridos que terán lugar o 23 de novembro, o 13 de decembro e o 17 de xaneiro. Estas visitas forman parte do programa de difusión desta mostra que se complementa con visitas para escolares. A exposición está aberta en San Domingos de Bonaval ata o 3 de febreiro.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

As visitas guiadas co comisario da mostra son gratuítas e realizaranse os días 23 de novembro, 13 de decembro e 17 de xaneiro, en dúas quendas, ás 16.30 e ás 18:00 horas. Cada unha das visitas conta unicamente con dez prazas, para facilitar o acceso e o uso da experiencia de realidade virtual. É precisa a inscrición previa no web: http://consellodacultura.gal/especiais/alba-de-gloria/ e a confirmación da reserva por parte do Consello da Cultura Galega.

Programa didáctico
A maiores, a exposición conta cun programa de visitas gratuítas para escolas e colectivos de adultos, que se pode solicitar no correo albadegloria@consellodacultura.gal ou no teléfono móbil 685860773. Corenta centros educativos de Galicia xa solicitaron participar no programa, e traballan cos escolares ao redor do discurso, a figura de Castelao e o relato da historia de Galicia.

O discurso
“Alba de Gloria” foi o derradeiro gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Tivo lugar no festival do Centro Galego realizado no teatro Argentino co gallo do Día de Galiza, un 25 de xullo de 1948. Trátase dunha alocución que enumera as grandes figuras da cultura galega. Arrinca coa figura de Prisciliano, ao que Castelao chama o “heresiarca decapitado”, e remata co “Gran Don Ramón (Valle-Inclán)”. “Engadimos unha figura máis, a de Alexandre Bóveda (sito na mostra diante do sepulcro de Castelao en conexión coa amizade que os unía), para completar esa gran listaxe”, apuntou o comisario no marco da rolda de presentación. En total son sesenta e cinco figuras e persoeiros que se enumeran conformando un dos grandes mitos populares como é o da Santa Compaña. Nesa nómina de personaxes figuran nomes recoñecidos como Alfredo Brañas, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Diego Xelmírez, xunto con outros como Benito Vicetto, Alberto García Ferreiro ou san Dámaso. O discurso, tendo en conta que Castelao era pintor, goza dunha gran plasticidade e riqueza, plasmadas na imaxe e na simboloxía que ten cada figura, de tal xeito que constitúe unha obra cimeira da lingua galega.

A mostra
A mostra, visitable en San Domingos de Bonaval ata o 3 de febreiro de 2019, ten unha parte central que é a Experiencia, na que o visitante a través dunhas gafas de realidade virtual pode entrar no mundo imaxinario de Alba de Gloria da man do propio Castelao. Canda ela hai outros apartados que permiten coñecer a relevancia do contexto e do discurso en maior profundidade.

O Labirinto reproduce as figuras que Castelao cita na súa alocución e na que se perfila un posible panteón nacional de Galicia. Unha relación da historia de Galicia coa forma do mito máis popular do imaxinario galego como é a Santa Compaña.

A Sala das Palabras é un apartado que permite escoitar unha lectura dramatizada da alocución e mergullarse nos discursos da época. Preténdese, deste xeito, contextualizar as palabras de Castelao e trasladar a significación que tiña naquel contexto un discurso. A exposición ofrece fragmentos de alocucións de Maruxa Boga, Ramón Suárez Picallo, Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego.

A Árbore das Historias plasma de xeito gráfico os grandes relatos que foron emerxendo para definir ata hoxe a identidade histórica galega.
Ademais, tamén ten unha parte que permite ver a xenealoxía do propio discurso “Alba de Gloria” que Castelao foi tecendo co paso do tempo, coas variantes que foi incorporando ou eliminando. Hai tamén unha contextualización histórica e un infográfico interactivo de big data para poder coñecer a evolución da presenza en textos escritos de grandes figuras da historia que pasaron a forma parte do imaxinario e a identidade do país.

Hai oco tamén para que a cidadanía deixe a súa achega, xa que lles pedimos aos visitantes que fagan a súa achega e nos conten os que consideran que deberían formar parte desde posible Panteón de galegos ilustres.