----

O Consello da Cultura Galega inaugura mañá en Nova York a exposición “As benvidas”

“As benvidas” é o título da nova exposición que o Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura mañá na sociedade neoiorquina “La Nacional. The Spanish benevolent”. A cita contará coa presenza de María Xosé Porteiro, membro da Comisión Executiva do CCG; o cónsul para asuntos culturais, Juan José Herrera, e os comisarios da mostra, James D. Fernández e Luis Argeo. A exposición documenta a amarga alegría das chegadas a través dos arquivos familiares dos descendentes dos emigrantes españoles en EE. UU. Serve de contrapunto da exposición “Os adeuses”, que o CCG inaugurou en febreiro e que acaba de ser incluída na programación da Semana do Patrimonio Inmigrante que organiza o goberno da cidade de Nova York.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“As benvidas” é unha mostra de pequeno tamaño comisariada por James D. Fernández e Luis Argeo que escolma un traballo de case dez anos de dixitalización dos arquivos familiares dos descendentes españoles en EE. UU. Nela inclúen fotografías, documentos persoais e materiais que contribúen a perfilar a mestura de sentimentos encontrados dos emigrantes no momento da chegada aos Estados Unidos. A mostra está dividida en cinco apartados: “Non deixes de buscar ao tío Andrés, que xa sabe que chegas...”, “Lembra: o traballo e a economía, a maior lotería...”; “Apoiádevos os uns aos outros...”, “Non nos olvides” e “Volverás?”.

A exposición funciona como contrapunto doutra exposición, “Os adeuses”, que documenta os últimos momentos da emigración galega a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí e que está aberta no Museo das Migracións de Ellis Island. Precisamente esta última exposición acaba de ser incluída dentro da programación de actividades da Semana do Patrimonio Inmigrante (do 16 ao 22 de abril), que organiza o goberno da cidade de Nova York e que inclúe 75 eventos e máis de cen actividades.

O punto de partida: “Os adeuses”
No Museo das Migracións de Ellis Island está unha versión da exposición “Os adeuses”, composta por 50 imaxes divididas en tres seccións: “A partida”, centrada nos retratos dos emigrantes a piques de marchar; “A chegada”, na que se amosan os encontros dos retornados, e o “Santa María”, que toma o nome do coñecido transatlántico portugués secuestrado polo Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) no 1961. Nesta parte pódese seguir a ollada dos secuestrados e mais dos seus familiares cando se atopan no porto de Vigo.

A maior parte destas imaxes permaneceran inéditas e supoñen unha primeira achega ao arquivo fotográfico de Alberto Martí, composto por millóns de negativos, froito de anos de traballo.

Esta mostra exhíbese en Nova York despois de itinerar por numerosos países como Brasil, Portugal, Arxentina e diferentes espazos en Galicia e está previsto que nos próximos meses se poidan anunciar novos destinos.

Outras noticias que te poden interesar: