NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega reforza a súa vertente dixital para poñer a disposición do público contidos culturais

Información da actualidade cultural, difusión do seu fondo documental (recursos sonoros, epistolarios, materiais dixitalizados sobre patrimonio, emigración ou lingua, entre outras temáticas), primeiras aproximacións estatísticas sobre o impacto do coronavirus no tecido cultural.... son algúns ámbitos nos que traballa o Consello da Cultura Galega (CCG) estes días para pór a disposición do público contidos culturais galegos e en galego. A semana pasada a institución procedeu á necesaria suspensión e adiamento da súa actividade presencial do mes de marzo para conter a pandemia do coronavirus e decidiu reforzar a difusión dixital. Nos vindeiros días, a través das webs corporativas (consellodacultura.gal e culturaglega.gal) e das redes sociais, difundiranse novos contidos (publicacións, especiais, proxectos...) e adaptaranse para a rede algúns dos formatos co obxectivo de ofertar á cidadanía novos contidos culturais.

En virtude das recomendacións das autoridades competentes, o Consello da Cultura Galega suspendeu a actividade presencial da institución. Iso traduciuse na cancelación dos eventos previstos no mes de marzo como xornadas, presentacións, reunións de traballo e roldas de prensa. Con todo, a institución decidiu reforzar a difusión dixital, un dos piares da institución desde hai máis de dúas décadas. Isto tradúcese en potenciar, durante as vindeiras semanas e co ánimo de incrementar a oferta de contidos culturais para a cidadanía, a visibilidade do traballo de fondo, de dixitalización e posta en valor de materiais relevantes para a cultura galega en diferentes ámbitos; a publicación de informes e outros documentos informativos; ou a adaptación para a rede dalgunas das iniciativas que deixaron de ofrecerse en formato presencial.

Liñas de acción
Unha das áreas de traballo máis coñecidas da institución pasa pola realización de xornadas presenciais. No marco desta liña, esta semana difundirase material complementario de dúas xornadas celebradas nas últimas semanas. Unha delas é O estado da danza a debate, que facilitou unha vía de diálogo entre os profesionais das artes do movemento e a administración tralas discrepancias derivadas da reforma do estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). A partir de mañá poderase ver material audiovisual con entrevistas a profesionais do sector, como Quique Peón ou Manuel Vieites, a cargo de axentes da cultura e recoñecidos xornalistas; ademais, ofrecerase un documento de conclusións asinado polas dúas coordinadoras das xornadas, Natalia Balseiro e Dolores Vilavedra. Tamén se difundirá o documento de conclusións que sintetiza os debates da xornada Cultura do mecenado, que permitiu reunir a Santiago a figuras como David Chipperfield, os representantes da Fundación Carasso, fundada polo creador de Danone, ou o presidente da Fundacion Barrié. Este documento foi elaborado por Fran Quiroga e María Xosé Porteiro e pon os ollos na importancia do mecenado para eventos futuros como o Xacobeo.
A maior parte destas actividades retransmítense en directo desde a nosa canle de youtube. Convén lembrar que desde esta rede social e desde a web corporativa se facilita o acceso a preto de 1.500 vídeos agrupados en máis de 200 listaxes de reprodución, pezas que recollen o testemuño de figuras representativas da cultura actual e que se poden escoitar libremente.

Continuará operativo o portal de divulgación cultural Culturagalega.gal que desde o ano 2000 ofrece continuadamente información sobre a actualidade cultural. O equipo continúa a traballar para dar conta tanto das cancelacións que afectan a este sector coma das diferentes iniciativas que están a agromar para superar esta situación.

Unha parte destacada da acción da institución está relacionada coa función de asesoría e de elaboración de informes. Desde o Observatorio da Cultura Galega estase a traballar na elaboración dun informe preliminar que fará unha primeira prospección dos efectos económicos do coronavirus para o ámbito cultural.

Con respecto das publicacións, o Consello da Cultura Galega conta agora mesmo cun repositorio dixital que pon a disposición do público máis de catrocentos títulos de libre descarga de temáticas que van desde a ciencia ata a igualdade, pasando pola antropoloxía, emigración, lingua, literatura ou filosofía. Entre eles hai títulos como Ese lugar de donde me llaman que compila as contribucións do congreso que analizou a figura do excepcional xornalista e escritor Lino Novás ou o catálogo de exposicións como Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura. Nas próximas semanas iremos dando noticia puntual de novas publicacións en diferentes liñas temáticas.
Con respecto á dispoñibilización de fondos documentais, subiranse novos exemplares dixitalizados do semanario “A Nosa Terra”, unha iniciativa que se sitúa na área de dixitalización de cabeceiras representativas da cultura galega. No ámbito sonoro destaca a difusión do patrimonio sonoro dixitalizado en pedra, “Proxecto Lousas” que permite, por exemplo, escoitar a primeira gravación sonora galega que se conserva, a do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra, de 1904 e que incorporará novos contidos proximamente.

Na liña doutras institucións culturais, o Consello da Cultura Galega visibilizará a súa colección de exposicións, que permite acceder desde a casa aos paneis de mostras recentes como Inventio mundi, que recolle a contribución galega ás expedicións oceánicas entre os séculos XV e XVIII, ou a mostra de fotografías Os adeuses, que documenta os últimos momentos da emigración galega en barco cara á América. En total, pódese acceder virtualmente a 21 títulos que abranguen temáticas moi dispares.