Un especial web difunde material inédito que documenta a historia das esculturas mateanas

Non son só as esculturas que o Mestre Mateo deseñou para as entradas exteriores do Pórtico da Gloria e que se separaron do seu espazo orixinal polas modificacións posteriores da fachada da Catedral. Son tamén un espello da evolución política, histórica e cultural de Galicia, e mais un reflexo do esforzo de figuras fundamentais para a cultura galega na concepción de país e na defensa do noso patrimonio, como Fermín Bouza Brey, Manuel Chamoso Lamas, Xosé Filgueira Valverde e Xesús Carro. O Consello da Cultura Galega pon a disposición do público un especial web, “Os profetas do Pórtico e a cultura galega. Unha viaxe que non cesa”, que contén unha extensa documentación histórica que permite trazar a traxectoria, desde a súa creación ata o presente, de cinco esculturas da fachada do Pórtico da Gloria: as efixies dos profetas Enoc, Elías, Ezequiel e Xeremías, e a figura de Santiago cabaleiro.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Son obras maxistrais da arte universal pero tamén teñen un valor simbólico e material incalculable para a cultura galega. Como parte dos seus estudos sobre o Pórtico da Gloria, nomeadamente a reconstrución da súa fachada exterior, Francisco Prado-Vilar, doutor pola universidade de Harvard e investigador do Real Colexio Complutense de Harvard, realizou un traballo exhaustivo de investigación arquivística que permite trazar o percorrido destas cinco esculturas. Unha viaxe que, en palabras de Prado-Vilar, “reflexa a evolución política e cultural de Galicia no século XX e que nos permite escoitar as conversas íntimas entre Filgueira Valverde e Sánchez Cantón sobre como concibían a grandeza do Museo de Pontevedra; como Chamoso Lamas facía o que podía para protexer o legado monumental do que era máximo responsable; ou como Xesús Carro ou Fermín Bouza Brey, represaliado no franquismo, tentaban manterse firmes no seu compromiso galeguista e na salvagarda do patrimonio do noso país”. Con esta documentación poden acadarse varios niveis de lectura, desde as relacións de amizade entre figuras cruciais da cultura galega, a concepción do patrimonio e a idea do país, ata o declive dunha nobreza secular (a dos condes de Ximonde que se ven obrigados a vender o seu patrimonio), mesturadas polos avatares políticos e poñendo de relevo o crucial labor dos arquivos para custodiar e preservar a nosa memoria.

Consulta o especial "Os profetas do Pórtico e a cultura galega. Unha viaxe que non cesa"


Este especial ofrece documentación inédita de moi diferente formato: expedientes administrativos, cartas persoais, fotografías ou manuscritos que repousaban en diferentes arquivos (Arquivo de Galicia, arquivo do Museo Arqueolóxico Nacional, Arquivo Xeral da Administración, Arquivo da Universidade de Harvard...). Entre eses materiais destacan as cartas de Chamoso Lamas, “Comisario da Primeira Zona de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional”, un dos máximos responsables do patrimonio en Galicia, pois permiten trazar a traxectoria descoñecida de algunhas das pezas; as cartas entre Xosé Filgueira Valverde e Sánchez Cantón, que poñen en evidencia as intencións das autoridades franquistas do concello de Santiago de ceder dúas esculturas ao ditador, así como o proceso de adquisición para o Museo de Pontevedra das esculturas de Enoc e Elías á Condesa de Ximonde en 1955; ou a mediación do xurista, historiador e arqueólogo Fermín Bouza Brey para que o Museo Arqueológico Nacional comprase o lote coas cinco esculturas aos condes de Ximonde en 1946. Destacan tamén as fotografías chegadas de arquivos privados de Alemaña e Estados Unidos, que proban as procedencias e localizacións destas esculturas.

O percorrido das esculturas
A historia desta viaxe arrinca no mandato do arcebispo Alonso III de Fonseca, que mandou construír o claustro renacentista e a reforma da fachada occidental. Isto supuxo o peche do nártice do Pórtico da Gloria, a instalación das portas nas tres entradas exteriores e a retirada de tres parellas de esculturas: as efixies dos reis de Israel, David e Salomón, que se recolocaron no peitoril da terraza á que se accedía pola escalinata; as figuras de Enoc e Elías que, como testemuñas da Apocalipse, anunciaban a inminencia da Fin dos Tempos; e os profetas do exilio, Ezequiel e Xeremías, que chamaban ao arrepentimento e á rexeneración como anticipos das condenas do xuízo final.

As catro últimas e a de Santiago cabaleiro foron parar aos xardíns do actual Pazo de Fonseca, o edificio construído por iniciativa do mesmo arcebispo. A finais do século XVIII trasladáronas ao Pazo de Ximonde, en Vedra, onde repousaron ata a celebración da Exposición Rexional Galega de 1909. Coa celebración desa mostra produciuse o primeiro grande inventario monumental de Galicia, que aparece no especial como a “Ficha de préstamo das esculturas do Conde de Ximonde para a exposición”. Ao peche desta mostra tres das esculturas (Enoc, Elías e o Santiago cabaleiro) ficaron no patio do Colexio de San Clemente.

Outra data clave que fixa o especial é 1946, cando se produciu o primeiro intento falido de compra do lote coas cinco esculturas ao conde de Ximonde por parte do Museo Arqueolóxico Nacional, como proban as cartas inéditas de Fermín Bouza-Brey. As esculturas corren sortes desiguais. Elías e Enoc, tal e como queda probado documentalmente, acaban no Museo de Pontevedra por xestión de Filgueira Valverde e de Sánchez Cantón. Pola contra, Ezequiel e Xeremías, vendidas polo Conde de Ximonde ao Concello de Santiago en 1948, tralo falido intento de venda ao Museo Arqueolóxico Nacional, inician un camiño incerto que se explica a través de imaxes do NO-DO, recortes de prensa, cartas persoais e o catálogo da Exposición Internacional de Arte Románica do ano 1961, que as rotula, por primeira vez, como “Propiedad de S. E. el Jefe del Estado”. No especial pódense ver as cartas entre Manuel Chamoso Lamas, Evaristo Martín, Gratiniano Nieto Gallo e Joan Ainaud de Lasarte que revelan a “intrahistoria desa fraude perpetrada a instancias dos administradores de Franco”. A partir de aí a documentación presentada incide na ausencia de información referida a esas pezas como propiedade dos Franco e remata no incendio do Pazo de Meirás, cando, nas mencións da prensa coas perdas dese suceso, as esculturas aparecen completamente esluídas.

Consulta o especial "Os profetas do Pórtico e a cultura galega. Unha viaxe que non cesa"