Na véspera do Día da Liberade da Prensa recuperamos o contexto do nacemento dos primeiros diarios galegos

O día 1 de maio do ano 1800 nacía a primeira cabeceira galega, El Catón Compostelano. O día 2 de maio de 1808 prodúcese en Madrid o levantamento contra os franceses e foi, precisamente, ao abeiro da Guerra da Independencia cando nacen os primeiros diarios galegos: o Diario de Santiago e o Diario da Coruña, ambos en xuño de 1808. O día 3 de maio a Unesco é recoñecido pola Unesco como Día Mundial da Liberdade de Prensa. Este sumatorio de efemérides convídanos a volver a ollada ás edicións facsímiles, coordinadas por Xosé López, das primeiras cabeceiras galegas e os seus estudos críticos e que foron editadas polo Consello da Cultura Galega a inicios do século XXI.
Na véspera do Día da Liberade da Prensa recuperamos o contexto do nacemento dos primeiros diarios galegos

Así, no ano 2000, hai agora vinte anos, o Consello da Cultura Galega celebrababa a aparición do xornalismo en Galicia coa reprodución facsimilar do seu primeiro fito: El Catón Compostelano, publicado na sobranceira imprenta compostelá da viúva de Frayz no primeiro de maio de 1800 por Valle-Ynclán. Esta cabeceira supuxo un fito na Galicia do seu tempo. A través do estudo das súas páxinas pódese descubrir que serviu para fomentar a reflexión e o debate. Non deixa de ser atractivo, tamén, coñecer o punto de vista de Valle-Ynclán sobre temas como as linguas, a súa relación co poder, a posición da muller ou sobre a diferenza masculinidade/femineidade.

A través de El Catón Compostelano, Galicia decidiuse a empregar un soporte novo de comunicación, que xa coñecía polas publicacións periódicas estranxeiras que entraban a través do porto da Coruña. No ano 2008, e co gallo tamén do seu bicentenario, localizábanse e editábanse os exemplares do Diario de Santiago, Diario de la Coruña, Telégrafo Político y Literario de la Coruña, Apéndice al Primitivo Diario de Santiago e Gazeta de la Coruña (nacidos a mediados de 1808 e cesados coa chegada dos franceses a Galicia en xaneiro de 1809). Polo seu interese, incluíuse a chamada Gazeta francesa –en realidade continuación da Gazeta de la Coruña, baixo o mesmo título pero con espírito afrancesado–, vixente entre xaneiro e xuño de 1809 e con periodicidade bisemanal. Esta edición facsimilar realizada polo CCG abrangue, pois, un ano de apaixonante historia xornalística dende a data de nacemento dos diarios ata a expulsión dos franceses de Galicia. Podes consultar aquí estes papés públicos e coñecer algo máis da interesante historia do nacemento dos medios galegos.

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.
Número de El Catón Compostelano (Discurso XII) non incluído na edición facsímil
Extraído do exemplar conservado na Biblioteca do Seminario Maior do “Divino Maestro” de Ourense