Carlos Biscaínho: “Esta obra evidencia o desexo de dignificar historias e personaxes populares e que dialoguen con outras dramaturxias do mundo”

Cada ano, o Consello da Cultura Galega celebra o Día das Letras coa reedición crítica dunha obra da figura homenaxeada. Nesta ocasión elixiuse un texto pouco coñecido de Ricardo Carballo Calero “Farsa das Zocas”, que amosa a faceta creativa pero temperá deste autor e que aglutina moitas características da súa personalidade e do seu legado. Entrevistamos a Carlos Caetano Biscainho, profesor da Universidade da Coruña e un especialista en estudos culturais aplicados ao teatro galego, para ver as características desta edición facsimilar.
Carlos Biscaínho: “Esta obra evidencia o desexo de dignificar historias e personaxes populares e que dialoguen con outras dramaturxias do mundo”

O CCG presenta unha obra descoñecida na extensa bibliografía do autor, que considera que podemos destacar do texto escollido?
O primeiro aspecto que podemos destacar da Farsa das zocas é que se trata dunha proposta de Carvalho Calero directamente vinculada coa práctica escénica –neste caso, o seu alumnado do Colexio Fingoi. Isto, como é lóxico, tamén vai condicionar de maneira importante o propio teor da peza.

Outra das características deste título teatral carvalhiano é que evidencia o desexo do seu autor de dignificar historias e personaxes populares e de poñelos a dialogar con outras dramaturxias do mundo. Neste caso, o propio Carvalho ten falado de trazos dramáticos tirados do teatro oriental que converxen cos brechtianos, como o feito de os personaxes se presentaren eles propios ao público. Isto converte a obra, por palabras do seu autor, nun teatro “tan primitivo que resulta moderno, e plausible sempre para o espectador verdadeiramente inxenuo ou verdadeiramente culto”.

Hai tamén unha vontade de dignificación da lingua popular, procurando a naturalidade ao mesmo tempo que a súa conversión en linguaxe literaria sublimada, segundo o modelo lingüístico do Seminario de Estudos Galegos. Lembremos, neste sentido, que Carvalho Calero empregaba as actividades dramáticas que organizaba en Fingoi para, entre outras cousas, pór o seu alumnado en contacto co galego real desfacendo prexuízos inmoblizantes relativos ás súas funcionalidades –nomeadamente o seu valor artístico.

E sobre esta edición en particular?
Na edición facsimilar realizada polo Consello da Cultura Galega cómpre salientar o feito de estar acompañada dun valioso apoio documental –nalgún caso inédito– que axuda a contextualizar a escrita e a recepción da Farsa das zocas.

En primeiro lugar, o texto que Carvalho Calero preparou para presentar a lectura dramatizada da peza realizada en 1966 por integrantes de Cantigas e Agarimos e mais O Galo na Delegación de Información e Turismo compostelá, nun acto en que tamén se leu Catuxa de Houlihan de Yeats. Nesta breve introdución, o autor expón as motivacións para a súa escrita e os elementos que desde o seu punto de vista axudaban a conferir á obra interese e modernidade.

A seguir, a transcrición da prolixa conferencia á volta da creación dramática da súa autoría ditada polo profesor na Coruña con motivo da presentación dos volumes dos Cadernos da Escola Dramática Galega. Este texto xa vira a luz en 1985 no número 56 da colección, mais desde entón non volvera ser editado un documento tan revelador para coñecermos o que Carvalho pensaba dos seus títulos teatrais.

Como especialista no campo teatral galego, que considera que achega Carballo Calero como autor teatral?
O primeiro grande argumento que converte a Carvalho nun autor relevante na historia do teatro galego é o feito de ter teimado na escrita dramática en galego e na súa representación escénica en momentos absolutamente adversos e afastado de redes sólidas de complicidade na recuperación da actividade dos palcos en lingua galega.
Outro dos grandes valores da dramaturxia carvalhiana represéntao o feito de esta servir de elo co movemento teatral galego anterior ao golpe de Estado, unha práctica absolutamente abortada e ocultada polo réxime fascista.

Relativamente á técnica e á temática, cómpre subliñar a vontade do dramaturgo de non deixar ninguén á marxe procurando que as propostas fosen de interese tanto para as persoas con menos cultura teatral como para aquelas coñecedoras de fórmulas escénicas innovadoras.