O Consello da Cultura Galega abordará o concepto de liberdade no Festival de Filosofía

“Libres. En serio???” este é o título do Festival de Filosofía que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG). A cita terá lugar os vindeiros días 25 e 26 de setembro en diferentes espazos de Santiago. Figuras como a sexóloga Valérie Tasso, a xornalista Lucía Taboada, o columnista Rafa Cabeleira e moitos outros nomes coñecidos reflexionarán sobre tinder e o poliamor, o fútbol e as series de televisión. Carme Adán é a coordinadora desta cita, que chega da man da Sección de Pensamento do CCG. Por mor da situación sanitaria actual, a capacidade é máis reducida do habitual e precísase inscrición previa, que se pode facer a través do sitio web consellodacultura.gal.

“Hai unha idea errónea de que a filosofía e o pensamento en xeral responden á imaxe do pensador de Rodin, da persoa illada en si mesma, pero pensar é compartir ideas, conceptos, experiencias mesmo en momentos lúdicos e isto é o que buscamos neste primeiro Festival de Filosofía”. Carme Adán, coordinadora da Sección de Pensamento do CCG, explica así como xorde esta cita, que se tivo que adaptar por mor da situación sanitaria actual. “Queriamos que o festival estivese na rúa pero, como o contexto non o permite, farémolo nun espazo máis convencional e poderase seguir en directo a través da rede”. A pandemia obrigou a reducir a capacidade e a facer unha inscrición individual por cada actividade. Para a coordinadora a situación actual é tamén un motivo de reflexión. “A todos nos preocupa moito como as redes crean o noso imaxinario colectivo e por iso o programa aborda polo miúdo o tema da liberdade. Hai un momento mellor para reflexionar sobre a liberdade en plena pandemia? Pregunta Carme Adán. O programa busca falar deste concepto poñendo o foco en tres aspectos concretos: series de televisión, o poliamor e o fútbol.
“O festival quere ser precisamente un espazo de diversión, por iso o formato combina mesas redondas con espectáculos” apunta Carme Adán acerca dunha cita que conta con tres mesas redondas e dous espectáculos.
Mesas redondas
A primeira das mesas conecta co auxe das series de televisión. “Son as series un consumo obrigado? Son arte ou o novo opio do pobo? Enganchadxs a unha personaxe para fuxir da vida? A escolla entre plataformas é a nosa liberdade? Significou a pandemia a consolidación dun novo modo de audiovisual? Son as persoas seriéfilas as espectadoras do futuro?” son algunhas das preguntas que se anticipan para o debate. Para falar disto estarán o director e guionista Pepe Coira e a directora de cine Sonia Méndez, coa moderación de África López Souto, profesora de Filosofía e membro da Sección de Pensamento do CCG.
A segunda das mesas ten como título “Tinder, poliamor e outras formas de amar” e introduce unha serie de preguntas para a reflexión: É posible unha ética do amor? As tecnoloxías mudaron tanto o noso xeito de amar? Que é iso do poliamor? E patriarcal o amor? Non hai (ou debería haber) un vencello entre amar e ser libres?. Inma López Silva, escritora e membro do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do CCG, moderará o diálogo entre a coñecida escritora e sexóloga Valérie Tasso e o director xeral de Galaxia Francisco Castro.
A terceira mesa do festival falará de fútbol. O debate buscará abrir a reflexión sobre tópicos moi frecuentes. “O fútbol libera ou adormece as masas? Cabe no fútbol a liberdade de opinión e expresión? É o fútbol un paradigma representativo da liberdade/identidade sexual? A relixión do século XXI é o fútbol? É o fútbol inimigo da cultura? A avogada laboralista e membro da Sección de Pensamento Celia Pereira modera un debate en que participa Lucía Taboada, xornalista e autora de “Como siempre, lo de siempre”, e Rafa Cabeleira, columnista deportivo e autor de “Alienación indebida”.

Os espectáculos
O festival programa, como peche de cada xornada, un espectáculo relacionado coa temática deste festival. “Son espectáculos para ver, desfrutar e pensar” asegura a coordinadora. O primeiro deles é “Los actos de la inercia” de Javier Martín e terá lugar o día 25 nas escaleiras da praza de San Martiño Pinario. Trátase dun solo de danza de Javier Martín con música en directo de Artur MPuga xerada co sintetizador modular. O encontro péchase cun debate co filósofo Brais Arribas a partir dos conceptos e metodoloxías postas en práctica.
O día 26 terá lugar “Té con Kant” de Inversa Teatro en San Domingos de Bonaval. Este espectáculo está escrito e dirixido por María Caparrini e Marta Pérez e interpretado por María Roja e Marta Pérez. É un proxecto experimental que conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica xogando co humor e a ironía para obter unha peza de teatro próxima ao formato de teatro-didáctico-conferencia. Ao remate, Carme Adán manterá un debate co público.

Cada espectáculo conta con 40 entradas que se poden reservar de balde desde hoxe venres a través de www.reservas.gal. En caso de choiva, as representacións realizaranse no Auditorio do Museo do Pobo Galego.

Sección de Pensamento
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega está coordinada por Carme Adán e ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Entre as actividades desta sección destaca o ciclo “Pensarmos”, que convoca cada cuarto xoves de mes a figuras relevantes do ámbito filosófico para repensar a actualidade. Ademais, no marco das actividades desta Sección está a revisión de personaxes destacados e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou Karl Marx.

Outras noticias que te poden interesar: