Un duelo musical a partir das Cantigas de Santa Maria gaña a game jam “Afonso X e Galicia”

O xurado da game jam "Afonso X e Galicia" declarou por unanimidade gañador o xogo “O mester”, presentado por Carlos Balado e Pablo García de los Salmones. O videoxogo parte da tradición musical das Cantigas de Santa María, e propón duelos musicais cos personaxes das ilustracions do Códice. A entrega do premio, dotado con 250 euros en metálico, terá lugar o venres 16 de abril.

“O noso xogo é unha especie de Simon dice cunha volta de torca” afirma Carlos Balado, creador xunto con Pablo García de los Salmones do xogo “O mester”. Explica que “é un xogo musical cos personaxes que saen nas “Cantigas de Santa María” no que queríamos que as ilustracións cobrasen vida”. Na súa decisión, os membros do xurado destacaron que o proxecto “conta con ambientación musical e visual moi coidada e toques humorísticos que o converten nunha proposta atractiva que permite amosar o potencial das Cantigas de Santa María para seren incorporados a formatos e linguaxes do presente”.

Os gañadores
Pablo García de los Salmones (Santander, 25 anos) estudou Enxeñaría en Informática na Universidade de Cantabria e estudou Psicoloxía na UNED. Ten experiencia laboral en estudos de videoxogos e consultoría. Actualmente está a piques de rematar o Máster en Deseño, Desenvolvemento e Marketing de Videoxogos na Universidade da Coruña.
Carlos Balado Sánchez (Vigo, 29 anos). Estudou Enxeñaría en Telecomunicacións con mención en Telemática na Universidade de Vigo. Ten experiencia no ámbito docente e de traballo e actualmente está a ultimar, na rama artística, o Máster en Deseño, Desenvolvemento e Marketing de Videoxogos na Universidade da Coruña. Recibiu o premio INCUVI-Emprende por unha idea de proxecto relacionada con videoxogos móbiles.

Game jam
Ao fio da exposición “Afonso X e Galicia” o Consello da Cultura Galega convocou, en colaboración coa Asociación Galega do Videoxogo, un encontro virtual de desenvolvedores para difundir este legado cultural entre o público novo a través de novos soportes e linguaxes. Ademais do xogo gañador tamén se recibiron outras dúas propostas: “Decimus”, de Xogon e Xurxo Diz, que se trata dun xogo de dados, e “Alfonso X y las cuatro cantigas”, de macanaDEV, un xogo de plataformas en 2D. A entrega do premio será o venres 16 de abril ás 17 horas na exposición "Afonso X e Galicia", na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.

O xurado, formado por profesionais e académicos relacionados co sector do videoxogo e os contidos interactivos, valorou a orixinalidade e adecuación ao tema. Os membros eran Luz Castro Pena, profesora da Universidade da Coruña, directiva de Videoxogo.gal, desenvolvedora de videoxogos e socia de imaxin|software; o xornalista Carlos Pereiro, membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e editor da revista Morcego; e Manuel Gago, xornalista, profesor asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago e director de culturagalega.gal, a plataforma de divulgación do Consello da Cultura Galega.

A exposición
“Afonso X e Galicia”, a última aposta expositiva do CCG, presenta o Rei Sabio como un monarca que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos políticos e contradicións persoais, que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo. O relato mostra un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, que enxalza a figura de Santa María e que entra en conflito co cabido compostelán. Tamén afonda na visión de universalidade do Rei Sabio no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de/a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica. A isto engádese a conexión política do proxecto real con todos os campos da cultura, é dicir, a «utilización» do proxecto cultural con obxectivos políticos, combinando diversos sistemas ideolóxicos para un mesmo fin: a consolidación e xustificación dun proxecto político centrado na persoa do monarca.

O relato expositivo non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinar con cinco bloques temáticos. A entrada sitúa o personaxe Afonso X na súa dimensión máis humana. Unha vez dentro, o segundo espazo está destinado a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. O terceiro espazo recrea o obradoiro onde os manuscritos e as miniaturas cobran o protagonismo presentando o seu labor científico, histórico e cultural. De seguido, o cuarto espazo está dedicado á zona da música e dos instrumentos medievais con reproducións chegadas de diferentes obradoiros. Desde aí accédese ao espazo central onde as Cantigas de Santa Maria relacionadas con Galicia se presentan simultaneamente en seis pantallas aéreas, a modo de constelacións, facendo un aceno ao mundo da astroloxía e astronomía, tan importante para o monarca. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través de imaxes do Códice Rico das Cantigas.
A exposición está aberta ao público en Santiago de Compostela ata o 24 de abril, e a partir de aí inicia un período de itinerancia. A primeira das súas paradas será Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel.