NOTICIA

----

A presidenta do Consello da Cultura Galega asiste a un encontro na Fundación Curros Enríquez

Este 15 de setembro cumpríanse 170 anos do nacemento de Manuel Curros Enríquez. Con ocasión desta efeméride, a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, trasladouse á fundación do escritor para participar nunha xuntanza cos membros desta entidade. No marco da reunión tivo lugar un encontro coas rapazas que participaron no vídeo en que se recita o poema que Curros escribiu sobre a chegada do Ferrocarril a Galicia hai 140 anos.



O Consello da Cultura Galega celebrou o pasado 8 de setembro unha actividade para poñer o foco na importancia do patrimonio ferroviario cando se cumpren, entre outras efemérides, 140 anos da chegada do ferrocarril a Galicia. A actividade motivou que a Fundación Curros Enríquez colaborase con esta cita cun audiovisual no que un grupo de nenas de Celanova recitaba “Na chegada a Ourense da primeira locomotora”, o poema que o escritor escribiu sobre este acontecemento. A presidenta aproveitou o encontro para entregarlles un pequeno obsequio ás nenas participantes neste proxecto. No acto estiveron presentes o presidente da Fundación Curros Enríquez e Alcalde de Celanova, Antonio Puga, así como os participantes no audiovisual. Dunha banda estaban as nenas que realizaron as declamacións (Iria Moreiro, Elba Vázquez, Clara Todea e Moraima Santalices) e da outra, as perosas que o fixeron posible: a directora das lecturas, Camila Álvarez Rivero, e o encargado da creación e direción audiovisual, Adolfo Fernández Piñeiro. Tamén estiveron presentes Marcelino Fernández, xerente do Consello da Cultura Galega, e Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez.

Esta actividade insírese cunha liña de traballo do Consello da Cultura Galega que fomenta unha colaboración estreita con outras entidades e institucións culturais.