A convocatoria do Institut Ramón Llull, co apoio do CCG e o Etxpare, está encamiñada a que os tradutores seleccionados que pasen unha estadía dunha semana (do 1 ao 8 de abril de 2022) na residencia na Faberllull Olot Residència d’Arts, Ciènces i Humanitats de Catalunya. A convocatoria busca xerar un espazo de traballo, inspiración e intercambio e estará organizado en dous bloques: un colectivo que priorizará o intercambio entre os residentes e onde se desenvolverán encontros con outros tradutores e autores que servirán de inspiración; e outro individual destinado a que cada residente poida desenvolver o seu proxecto de tradución. Ademais, a participación na residencia abre a posibilidade de intervir nun festival literario que se realizará nas tres zonas de influencia dos organizadores.
A convocatoria cubre os gastos de desprazamento ata a residencia, aloxamento e media pensión e unha axuda de custo de 350 euros. O prazo de presentación de candidaturas remata o 15 de novembro e as persoas candidatas teñen que ser tradutores de poesía de lingua catalá, galega e vasca a polo menos unha destas linguas. Ademais, deberán ter, como mínimo, obra publicada en formato libro ou nunha revista literaria. Os resultados comunicaranse a partir do 15 de decembro de 2021 de maneira individual ás persoas seleccionadas e a través dos sitios web das tres institucións implicadas.


