NOTICIA

----

Un acordo coa Fundación Penzol posibilitará a dixitalización do epistolario do fondo Ramón Otero Pedrayo

Son máis de 6.500 cartas escritas por diferentes interlocutores e dirixidos a Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976). Documentos imprescindibles para entender a traxectoria persoal e intelectual do escritor de Trasalba que repousaban na Fundación Penzol en Vigo. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, veñen de asinar un protocolo de colaboración para a dixitalización e difusión pública dese material.

Francisco Fernández del Riego, Domingo García Sabell e Ramón Piñeiro son os principais destinatarios de todo o arquivo persoal que se garda na Fundación Penzol. Cartas, telegramas, tarxetas postais e borradores que repousaban espallada en preto de tres mil expedientes diferentes sen ordenar cronoloxicamente e que dan conta da longa vida de Otero. O acordo asinado entre ambas entidades permite a súa dixitalización, etiquetaxe e posterior difusión a través dos sitios webs de ambas entidades.

Este acordo permitirá que a cidadanía coñeza de primeira man as cartas que Otero Pedrayo recibiu na súa casa de Trasalba e que pasaron á Fundación Penzol á morte do poligrafo. Nelas non está a correspondencia familiar, que xa fora editara en parte pola editorial Galaxia, pero si o fondo que inclúe as cartas dos seus interlocutores que van desde Castelao, quen consideraba a Pedrayo como o seu “verdadeiro irmán”, ata as máis novas xeracións e o intelectuais portugueses. Entre elas destaca a emotiva carta persoal que Castelao lle envía a Otero Pedrayo desde Badajoz, ou, entre outras, a carta de Risco na que lle conta que Ánxel Casal comprara unha imprenta coa que comeza o seu proxecto empresarial no ámbito da edición.

As cartas que se dixitalicen no marco deste proxecto, incorporaranse ás preto de trescentas misivas do polígrafo ourensá que xa están a disposición da cidadanía no web do Consello da Cultura Galega a raíz da dixitalizaicón dos epistolarios doutras personalidades como Antonio Fraguas, Ricardo Carballo Calero u Lois Tobío, nomeadamente.

O proxecto Epístola
En 2014, o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o seu proxecto Epístola. A iniciativa inseríase no marco da Colección Arquivos Particulares, que estaba constituído por máis de 25.000 documentos (cartas, postais, tarxetas de visita, manifestos, apuntamentos...) orixinais ou copias. O proxecto, que segue criterios arquivísticos, naceu para ofrecer á cidadanía a correspondencia de figuras senlleiras da nosa cultura. Posibilítase así un mellor coñecemento de remitentes e de destinatarios, ao tempo que se abren novas perspectivas de coñecemento sobre a época da escritura e os seus contextos, e facilita a comprobación de datos e de circunstancias. No marco desta iniciativa púxose en rede unha importante colección de arquivos persoais, que arrincou con Luís Seoane e se incorporou con Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío, Carballo Calero, Antonio Fraguas, Emilia Pardo Bazán ou Rosalía de Castro, entre outras figuras.