A ESMAE de Porto súmase á nova edición de Dramaturxias Itinerantes que comeza mañá

O Teatro Helena Sá e Costa de Porto abre mañá unha nova xeira de “Dramaturxias itinerantes/Dramaturgias itinerantes”, o programa do Consello da Cultura Galega (CCG), o Instituto Camões-Centro Cultural Português de Vigo e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) para visiblizar a escrita teatral máis contemporánea de Galicia e de Portugal. As dramaturgas Rita Pinheiro (Porto, 1985) e Laura Porto (Covelo, 1992) son as protagonistas desta edición que se desenvolve mañá martes en Porto (19:00 hora local) e o xoves en Vigo (ESAD, 17:00 horas). A novidade desta edición está na incorporación ao proxecto da Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE). Os textos que se van representar xa se poden consultar en forma de publicación no web do CCG.

O proxecto do CCG e o Camoes e a ESAD desenvolve esta semana unha nova sesión do seu programa. A primeira volta terá lugar no Teatro Helena Sá e Costa de Porto, espazo vencellado á ESMAE, que se suma a esta iniciativa para visibilizar novas voces dramáticas. O xoves repítese en Vigo (nas instalacións da ESAD ás 17:00 horas).

O programa
Esta edición do programa repite formato. Dunha banda está Rita Pinheiro, que presenta “Camaleoa. Do corpo a manifesto” que poñerá en escena a propia dramaturga e fala da adaptación do corpo como espazo para se camuflar, mediante o ambiente onde se encontra o seu estado emocional. Trátase dun espectáculo orixinal froito dunha longa investigación. Da outra está “Reino da extinción” texto da galega Laura Porto que representarán Ainara Dalmau, Laura García, Dani Lago e Uxía Ocaña. Esta proposta cruza as perspectivas de catro personaxes anónimas procedentes de diferentes épocas da Historia galega, que tras morrer son enviadas a un Alén moi particular, que en realidade é o Purgatorio. Para transcender deben chegar a entenderse, e colaborar na resolución dun enigma absurdo que as enfronta, en realidade, consigo mesmas, coa insidiosa autopercepción de perfección moral que as atrapa no inmobilismo e que, ao crebar, pon a proba a súa idea do que significa ser galegas, vivir en Galicia e falar galego. Tres das personaxes son a sublimación das épocas máis icónicas da Historia galega: a Prehistoria, o Medievo e os Séculos Escuros, mais non se constrúen en base ao realismo histórico senón en base á percepción mítica, moitas veces estereotipada, que as galegas temos da nosa propia Historia. A cuarta personaxe procede do futuro inmediato, no que a apocalipse cultural semella próxima, mais as dores e soños da súa comunidade seguen a ser as mesmas que hai séculos.

As autoras
Como é marca do programa, as dramaturgas seleccionadas nesta edición son autoras novas. Rita Pinheiro naceu en Porto, iniciouse no mundo das artes no Balleteatro no ano 2000. Desde o seu debut, participou en numerosos espectáculos, entre os que destacan a representación Xarxa 25, de La Fura del Baus, no festival Imaginarius e a obra Os últimos días de humanidade posta en escena por Nuno Carinhas e Nuno M. Cardoso. Ten feito incursións destacadas na cinematografía e desde 2013 forma parte de varios proxectos musicais como cantante, sendo o proxecto Rita Light ao que máis se dedicou. Desenvólvese entre o traballo de artista, creadora e docente e remata o Máster en Artes Escénicas, Interpretación e Dirección Artística na ESMAE.

Laura Porto estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e titulouse en Arte Dramática no ano 2019, na especialidade de Dramaturxia. A súa primeira peza, Sen orquestra, estreouse no ano 2018 no marco do festival Son de Muller. No ano 2019 traballou como axudante de dirección e deseñadora de espazo sonoro a carón de Marián Bañobre, na compañía Olivas Negras, durante a montaxe da peza 12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva. No 2020, acompaña como dramaturga e directora á compañía Amorod(i)o Teatro no seu primeiro espectáculo, Reino da extinción, estreado o pasado mes de outubro. Actualmente combina o seu traballo como dramaturga co de docente de escrita teatral. Un dos seus textos, O senso da floración, vén de ser publicado no volume colectivo Dramaturxia galega actual II, editado por ÁFERIA.

Dramaturxias itinerantes
En 2019, o Consello da Cultura Galega, o Instituto Camões-Centro Cultural Português de Vigo e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia puxeron en marcha este ciclo que ten como obxectivo promover un mellor coñecemento mutuo da escrita teatral máis contemporánea de Galicia e Portugal. O proxecto pon o foco nas novas xeracións de profesionais das artes escénicas que se están a formar nas nosas escolas, e na dramaturxia de autoría feminina, coa vontade de rescatar esta da invisibilidade e de poñer en valor todo o seu potencial renovador. Participaron en edicións anteriores Patrícia Portela e AveLina Pérez, Ana Carreira e Joana Craveiro, Clara Gayo e Cláudia Lucas Chéu.

Outras noticias que che poden interesar