Un especial achega documentación inédita sobre Urbano Feijoo

Urbano Feijoo Sotomayor (1808-1898) foi un empresario e político galego que promoveu a creación dun plan de colonización que facilitase, en termos xurídicos, económicos, filantrópicos e prácticos a chegada a Cuba de galegos. O operativo foi moi coñecido polo trato denigrante dispensado aos traballadores. A documentación deste episodio, tan dramático como fundamental para a colectividade galega asentada en Cuba, pódese consultar no especial sobre Urbano Feijoo que acaba elaborar o Arquivo da Emigración Galega (AEG), centro dependente do Consello da Cultura Galega. Nel pódense consultar os documentos orixinais, a súa transcrición, así como outros recursos que permiten afondar na controvertida figura de Feijoo.

En marzo de 2021 chegaba ao Arquivo da Emigración da Galega (AEG), con intermediación da Secretaría Xeral da Emigración, unha doazón do profesor Luis T. González del Valle con documentación importante sobre as expedición. Parte desa documentación, coa súa correspondente transcrición, forma parte dos materiais que se inclúen no especial que completa outros recursos que xa custodiaba o AEG relativos ás expedicións organizadas para fornecer de man de obra barata ás numerosas plantacións de azucre e café, dos que a illa era un dos principais produtores a nivel mundial.

O especial incorpora tamén dous artigos. Un é unha biografía escrita pola coñecida novelista histórica, Elisa Vázquez de Gey, gran coñecedora da súa figura e da vida cotiá e política da vida colonial da illa de Cuba. O outro é un artigo da Profesora Ascensión Cambrón, grande experta sobre a época colonial na illa de Cuba e dos movementos sociais e políticos do momento.

Ademais, pódese consultar a obra dixitalizada “Isla de Cuba. Inmigración de trabajadores españoles”. Memoria escrita por Urbano Feijoo Sotomayor para xustificar e divulgar o seu proxecto para a contratación de colonos galegos para a illa de Cuba. Para tal fin creou a Compañía Patriótico-Mercantil. No texto aparecen especificadas as condicións laborais, dereitos e deberes que terían estes traballadores durante a súa estancia na illa.

A doazón recibida en 2021
A listaxe de 139 colonos galegos contratados pola empresa de inmigración de Urbano Feijóo Sotomayor é un atípico documento que se integra dentro do fondo que acaba de recibir o Arquivo da Emigración Galega do CCG. Contén información (os nomes dos buques nos que foron transportados, información sobre o servizo militar, orixe dentro de Cuba, número que lle foi asignado….) de parte dos preto de 2000 galegos que foron levados a Cuba no marco do plan de colonización promovido por Urbano Feijóo e que rematou dous anos despois cun grande escándalo polo trato denigrante que sufriron. A listaxe dos colonos é un dos catorce documentos que conforman o fondo doado ao CCG e que suman un total de 92 páxinas que axudan a entender non só a controvertida figura de Urbano Feijóo senón tamén unha época concreta da historia de Cuba. Tamén hai información sobre a débeda contraída por Feijóo Sotomayor na contratación de traballadores galegos e os termos en que sería saldada. Estes documentos amosan a implicación que Feijóo Sotomayor tivo no paupérrimo trato dispensado aos colonos galegos. A documentación cedida por González del Valle ao Arquivo da Emigración Galega provén de anticuarios e poxas. Luis Tomás González del Valle Río (Santa Clara, Cuba, 1946) é catedrático emérito de Literatura Española e Hispanoamericana da Universidade de Temple (Filadelfia, Pensilvania), foi director do Departamento de Español e Portugués desta universidade entre 2007 e 2014. É un recoñecido hispanista que desenvolveu un amplo labor como editor e como autor.

Sobre Urbano Feijóo
Urbano Feijóo Sotomayor naceu en Coles e morreu en Viana do Bolo. Foi un controvertido empresario que tamén fixo carreira política, xa que foi deputado no Congreso por Ourense e polo distrito de Matanzas en Cuba. Como membro da Junta de Población Blanca, elaborou, co apoio do capitán xeneral da illa, Valentín Cañedo, unha Memoria que contiña o proxecto de trasladar galegos a Cuba con dous obxectivos declarados: “socorrer a los desgraciados gallegos” e “contribuir a la agricultura y al aumento de la población blanca de la isla”. Fundamentando a súa actuación no seu amor a ambos os dous países, ofrécelles aos emigrantes galegos un contrato por cinco anos para traballar na illa, con boas condicións laborais e de vida, facéndose cargo dos gastos de aclimatación e asegurando o seu retorno ao fogar ao cabo dese tempo. Presentou a empresa como un proxecto filantrópico e chegou a publicar un folleto co título de “Isla de Cuba: Inmigración de trabajadores españoles”. A cambio el recibiría unha subvención do Goberno da illa para sufragar os gastos das viaxes, ademais de varias concesións na construción do ferrocarril cubano. En 1853 fúndase a Compañía Patriótica Mercantil, encargada de contratar e xestionar a chegada dos galegos á illa. En marzo de 1854 arriban á Habana os primeiros 314 traballadores galegos na fragata Villa de Neda. En seis meses realizáronse oito expedicións dende Galicia a Cuba, coa chegada dun total de 1744 emigrantes galegos. Pero a realidade foi moi diferente: os contratos asinados por estes traballadores eran totalmente lesivos para os seus intereses e as condicións en que vivían eran infrahumanas. Ante o escándalo por esta situación, Feijóo cobrou as subvencións concedidas e marchou da illa, para finalmente instalarse en Madrid no seu posto de deputado nas Cortes. Houbo un proceso xudicial, pero a empresa foi disolta e Urbano Feijóo Sotomayor saíu libre de cargos.

Arquivo da Emigración Galega (AEG)
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.