NOTICIA

----

Cibrán Santamarina escolma vídeos sobre física na nova entrega de Proxector

“Escolma para ver e escoitar física” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta ocasión trátase dun Proxector de autor que reúne unha ducia de recursos audiovisuais na ollada de Cibrán Santamarina Ríos, director do Departamento de Física de Partículas da USC.

Nesta escolma de dez vídeos Cibrán Santamarina amosa contidos accesibles e completos, guiados pola paixón dos seus autores e autoras. Arrinca cunha charla divulgativa na que Alejandro Vilar López, investigador predoutoral do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) , nos fala da determinante contribución científica de Stephen Hawking, probablemente o físico teórico máis popular dos últimos 50 anos, ao estudo das orixes do Universo.

Tamén ofrece o video co que María Caseiro e Juan García gañaron o V Concurso de Comunicación Científica do IGFAE, organido en 2022 polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías. Nel explican cales son as necesidades tecnolóxicas do CERN (o Consello Europeo para a Investigación Nuclear), no que se refire á cantidade de datos que producen os experimentos e como iso ten que ser procesado e almacenado cos sistemas de computación dispoñibles.

Outra das pezas é de Darío Lago e forma parte da serie "O amencer do cosmos", realizada coa finalidade de divulgar as orixes do Universo e nel explica que, na aparente escuridade da noite, se agocha a luz máis antiga do Universo.

Na súa escolla tamén hai espazo para a contribución das galegas á ciencia. É sobre Antonia Ferrín Moreiras (Ourense, 1914 – Santiago de Compostela, 2009) que pasou á historia por ser a primeira astrónoma galega e a primeira muller en España en presentar unha tese doutoral na área da astronomía.

A conversa coa astrofísica Jocelyn Bell (Irlanda do Norte, 1943), a quen lle debemos o descubrimento dos púlsares: estrelas de neutróns en rápida rotación que emiten radiacións moi intensas a intervalos regulares; ou a hipótese Nebular son outros dos contidos que se poden ver nesta escolma feita por Cibrán Santamarina.


O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.