Dionisia “Nisa” López Amado
Cedeira, A Coruña, 8/ 2/1928 - Bos Aires, 29/11/2008Autoría: Micaela Fernández Darriba
Activista polos dereitos humanos e contra os crimes da última ditadura arxentina. Integrante da asociación Nais de Praza de Maio
Dionisia López Amado, alcumada “A Galega da zona norte” ou simplemente “Nisa”, naceu o 8 febreiro de 1928 en Cedeira (A Coruña). A súa nenez estivo marcada pola precariedade económica e o suicidio do seu pai. A beleza do mar e os xogos da infancia na praia son parte dos recordos felices da súa Galicia. Tiña só oito anos cando comezou a guerra. Varios dos integrantes da súa familia sufriron represalias e foron fusilados durante o réxime franquista. Dionisia rememora nunha reportaxe que o seu espazo de recreo fora nada menos que un campo de concentración. A praia da súa vila transformárase nun eido de pesadelo e espanto. As lembranzas de Nisa tamén a interpelan. Ela comprende co tempo que sempre foi sensíbel ao sufrimento humano. Conta que a súa avoa envolvíalle o pan nun pano para que o pasase por baixo do aramado onde se atopaban os prisioneiros daquel campo.
Pasou a súa adolescencia e xuventude entre festas populares e relixiosas, agullas de coser e libros escapulidos da censura. Experimentaba, como tantos e tantas, o temor a outra guerra ou que a ditadura actuase con máis violencia e crueldade ante o mínimo acto de rebeldía.
Segundo un apartado da súa certificación de nacemento:
contrajo matrimonio el 3 de febrero de 1951 en el Ferrol del Caudillo con Marino José Díaz Pita. O 5 de febreiro de 1952 nacía Antonio, o seu primeiro fillo. O seu nome foi unha homenaxe ao poeta Antonio Machado. Cinco meses despois, Dionisia, o seu home e o seu bebé viaxaban á Arxentina para comezar unha nova vida. O terror que instaurou a ditadura franquista, a pobreza e a falta de liberdade expulsaban a homes e mulleres cara a terras remotas. O da familia de Dionisia foi un exilio quizais máis meditado, sen a obriga de fuxir para salvar a vida, porén, un exilio, malia non teren conciencia diso ou non podelo pór en palabras.
Alugaron unha casiña humilde no Delta do Tigre: "Canto chorei nesa illa! Botaba todo en falla!", lembraba Dionisia. Ao pouco tempo empregouse como modista nunha fábrica téxtil. Daquela chegaría a súa segunda filla, Rosaura, e a separación do seu home. A Galega, gustaba que a chamasen así, non se rendía facilmente. Cosía, bordaba, zurcía e amañaba a roupa que fixese falta.
Así pasaron os anos, a morriña e os recordos da infancia e de Galicia; atoparía un novo amor e tamén a traxedia doutra ditadura. A Arxentina era un país puxante, cheo de riquezas e á vez, de desigualdades sociais. En 1955 un golpe de Estado,
A revolución liberadora, puxo fin a outro goberno elixido polo pobo. De novo a acción militar impúñase na vida cotiá: os bombardeos, as represalias, as censuras, as listas negras, as premas ilegais puñan freo á liberdade das persoas.
Porén, nin este feito rebautizado como
A revolución fusiladoraagoiraría os tráxicos anos vindeiros. O 24 de marzo de 1976 un golpe militar poría fin ao goberno de María Estela Martínez, viúva de Perón, e daría paso ao que se coñeceu como Proceso de Reorganización Nacional, que impuxo o terrorismo de Estado e o secuestro, a tortura, o asasinato e a desaparición de 30.000 homes, mulleres e bebés.
En maio de 1976 o seu fillo Antonio Adolfo Díaz López e a súa nora Stella Maris Riganti eran secuestrados por un
grupo de tarefas. Tiñan vinte e catro anos, a idade coa que Dionisia casara. Antonio era fotógrafo e Stella Maris enfermeira. Pertencían ao Partido Revolucionario dos Traballadores (PRT).
"A meu fillo levárono porque facía traballo social nas Villas Miseria. Eu non me podo mover polo odio, non podería facer nada do que lle fixeron a Antonio. O que nunca farei será esquecer. Até o día da miña morte seguirei loitando, porque podo chorar, mais non hei quedar paralizada."
Dende aquel día Nisa xa non foi a mesma, volveu nacer como outra nova, unha que emprendería sen dubidalo unha loita corpo a corpo pola verdade, pola aparición con vida do seu fillo e a súa nora e a restitución dos dereitos humanos no país. Uniuse a un grupo de mulleres que tamén buscaban fillos e fillas detidas e desaparecidas. Sin se decatar, ía formar parte daquela postal de mulleres que darían milleiros de voltas á Praza de Maio e conmoverían ao mundo reclamando os seus familiares:
"Convertinme nunha das primeiras Nais de Praza de Maio, co meu pano branco e a miña dor ao lombo."
Xunto a outras mulleres percorreu as prisións, os cuarteis, os hospitais e os tanatorios sen atopar resposta.
En 1977, un dobre axente infiltrouse nas filas das Nais de Praza Maio; logo foron secuestradas as súas compañeiras Azucena Villaflor, Esther Ballestrino de Careaga, María Ponce de Bianco e as monxas francesas Alice Domon e Léonie Duquet. Dionisia experimentara ese día un malestar físico que lle impediu asistir a unha cita da que seguramente non regresaría.
"Cando chega o 24 de marzo cámbiame a saúde. Vólvome moito máis sensíbel cando lembro o meu fillo, do que xa hai moito tempo que non teño esperanza de atopar vivo. Non creo que haxa nada semellante a que che desapareza un ser querido."
Dende 1977 até a súa morte Nisa foi titular da Comisión de Familiares de Desaparecidos Españois, presidiu de xeito honorario a Comisión pola Memoria, a Verdade e a Xustiza da Zona Norte do Gran Bos Aires e militou na organización da diáspora do Bloque Nacionalista Galego. Herbas de Prata outorgoulle o 8 de marzo de 2007 a distinción “Rosalía de Castro”. Débora Campos di dela:
"Dionisia López Amado falaba con enerxía e sorría con picardía. Cantaba con ledicia e non era estraño vela bailar nos actos e festas da colectividade galega en Bos Aires. Amiga, confidente, nai de todos e avoa dos máis novos. Dionisia foi unha homenaxe á vida ao longo de 80 anos. E vivirá, dende logo, máis alá das circunstancias do seu corpo. Porque a vida é moito máis cunha chea de órganos. É un compromiso."
O 29 de novembro de 2008 faleceu deixando atrás historias, anécdotas, soños, pesadelos e un inmenso legado para Galiza, para a Arxentina e para o resto da humanidade.
Agradecementos
Débora Campos, Luz Darriba, Gustavo Molfino, Mónica Hasenberg (Archivo Hasenberg-Quaretti), Patricia Alonso, Archivo Familia Tilsa Albani, Xulgado de Paz de Cedeira.
Como citar: Fernández Darriba, Micaela : Dionisia “Nisa” López Amado. Publicado o 24/2/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27436. Recuperado o 30/04/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Conversa de Nisa López con Víctor Freixanes. Ver Documento. Artigo
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Nova do pasamento de Dionisia López en La Voz de Galicia. Ver Documento. Artigo
Fonte: lavozdegalicia.es
Artigo sobre Dionisia López. Ver Documento. Artigo
Fonte: pagina12.com
Nova do pasamento de Dionisia López en Vieiros. Ver Documento. Artigo
Fonte: vieiros.com
Nova do pasamento de Dionisia López en La Nación. Ver Documento. Artigo
Fonte: lanacion.com