Carmen Díez Martín
A Coruña, 1912 - Madrid, 2015Autoría: Alejo Amoedo
Pianista e compositora apaixonada pola música e o piano
María del Carmen Díez Martín naceu o día 2 de xullo de 1912 na Coruña. Filla de Salvador Díez e Clara Martín, iníciase no piano aos tres anos de idade da man da súa tía e madriña, e tamén a súa primeira profesora, Carmen Díez. A finais de 1918 faise cargo da súa formación musical, en Lugo, Josefina García de Vergne, dando o primeiro concerto público aos seis anos no Círculo das Artes da cidade no que interpreta, entre outras obras, a Alborada Gallega de Pascual Veiga. En Monforte de Lemos, a onde se traslada a familia, recibe axuda, e supoñemos que formación, das monxas do convento das Clarisas que, en 1925, se fan cargo dos gastos de matrícula para a asistencia aos exames no conservatorio madrileño.
De novo instalada coa familia na Coruña, en 1935 viaxa a Madrid para perfeccionar os seus estudos pianísticos co catedrático de piano do conservatorio madrileño, especializado na música de cámara, Enrique Aroca Aguado, converténdose nunha das súas alumnas máis salientables.
En 1940 casa co violinista José Fernández García, co que tamén formaba dúo musical, na igrexa de Santa Lucía da Coruña. Cinco anos despois preséntanse ao Concurso Nacional de Música de Cámara (Premio Sonatas). O tribunal, composto por Conrado del Campo, Jesús Guridi, Antonio de las Heras, Federico Contreras e Javier Alfonso, outórgalle o primeiro premio. Ao ano seguinte volve presentarse, desta vez co violinista Juan Palau, e de novo obtén o primeiro posto.
Ao longo da súa vida ofreceu multitude de concertos como solista. Con orquestra, foi dirixida por mestres como Ataúlfo Argenta ou Rafael Frühbeck de Burgos. Acompañou a violinistas como Ida Haendel, Henryk Szeryng, Marie Claude Theuveny, José Luís García Asensio e Luis Antón. Colaborou, entre outras, coas cantantes Carmencita Colina, Rosario Granados, Ángeles Chamorro, Isabel Penagos, Victoria de los Ángeles, Pilar Lorengar ou Teresa Berganza. Subliñamos a súa colaboración co afamado tenor Miguel Fleta, ao que acompañou ata o seu falecemento ocorrido na Coruña en 1938, e a quen lle dedicou a composición para voz e piano Un recuerdo a Miguel Fleta. Triste despertar, unha marcha fúnebre con letra de Carmen Mirat, con quen o cantante casara en segundas nupcias
Foi membro fundadora do Trío Madrid e colaboradora habitual do Cuarteto Clásico de Madrid dende a súa constitución en 1945, formación coa que percorreu gran parte de España. Destacou como ensinante, desempeñando o seu maxisterio como catedrática no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Nesta institución ingresa como auxiliar de piano en 1945, gañando a oposición de catedrática en 1962 e exercendo ata que en 1982 se xubila con setenta anos. No seu intenso labor pedagóxico deixou destacados alumnos como Almudena Cano, Enrique García Asensio, Ana Guijarro ou Soledad Bordas.
Eu 1966, ao falecer Enrique Aroca, ocupa o seu lugar como pianista da Agrupación Nacional de Música de Cámara. A asociación estaba conformada por Antonio Gorostiaga, Javier Goicoechea, Pedro Meroño e Ricardo Vivó
No seu catálogo compositivo destacan os bailes, como o valse Baile azul dedicado á Asociación de Artistas da Coruña e interpretado, na súa estrea en 1935 no Teatro Rosalía de Castro, pola
Orquestina de la Sociedad de Profesores Músicosda Coruña. No mesmo ano, e no mesmo teatro, estrea o danzón-habanera Al compás del danzón, dedicado á Asociación da Prensa e interpretado pola Orquestina Coruñesa. Compón a zarzuela en tres actos e cadro final, sobre libro de Germán C. Crespo, titulada Honor por amor e a marcha one-step Linares Rivas, dedicada ao político e dramaturgo galego. Á súa terra natal dedícalle as obras De Galicia a Navarra, Gallegada y jota, os pasodobres Viva la Coruña, Jardines coruñeses, Alegría coruñesa e a melodía galega Lonxe d’o lar queridiño.
Xunto coa soprano Carmen Pérez Durias estreou en 1951, en Ourense e Madrid, as Doce canciones gallegas dedicadas a Antonio Fernández-Cid. Ao ano seguinte, preséntanas no Palau da Música de Barcelona e na inauguración da Sala Lluis Millet. Tamén estreou os Oito Lieder de Juan Antonio Moreno Fuentes, sobre textos de Rosalía de Castro, acompañando á soprano Carmen Pérez nun acto organizado pola Sociedad Filarmónica lucense, no Círculo das Artes, en 1954. En 1958 estreou as interesantes Veintidós Canciones sobre textos de poetas ourensáns, con motivo da inauguración do Conservatorio de Música de Ourense, en dúas conferencias-concertos que tiveron como protagonistas, á parte da pianista biografada, ao crítico Antonio Fernández-Cid e á cantante Isabel Garcisanz.
Participa no importante
Festival de la Canción Gallegade Pontevedra (1960-1967), proxecto nacido da inquietude artística do alcalde da cidade, Xosé Filgueira Valverde, acompañando ás sopranos Dolores Cava (1960), Teresa Tourné (1962) e Carmen Pérez (1964 e 1965), cantantes coas que tamén tivo a oportunidade de estrear obras de compositores portugueses como João Freitas, Joly Braga, Jorge Rosado, Cláudio Carneiro, Victor Macedo e Ruy Coelho.
En 1952 grava para Columbia, xunto á mezzosoprano Consuelo Rubio, as pezas Madre, unos ojuelos vi, de Eduard Toldrà e Saeta en forma de Salve a la Virgen de la Esperanza, de Joaquín Turina. Tamén grava para Odeón, coa soprano Teresa Tourné, Canciones Gallegas. Dedicadas a Antonio Fernández-Cid, traballo editado en dous volumes.
O 3 de xullo de 2012, ao cumprir os 100 anos, o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid rendeulle unha homenaxe en agradecemento ao seu labor e dedicación: púxoselle o seu nome á aula n.º 14 do centro e concedéuselle a Medalla de Ouro. En 2013 recibiu a Gran Cruz de la Orden del 2 de Mayo. En recoñecemento aos seus méritos persoais e polo afecto á institución, a Casa de Galicia en Madrid entregoulle un Diploma da man do seu presidente, José Ramón Ónega. En 2014 é nomeada confrade da Enxebre Orde da Vieira de Madrid.
En 2008 legou parte da súa biblioteca musical, e a do seu marido, á Biblioteca do Real Conservatorio de Música de Madrid e en 2019 os seus fillos, Enrique e Lourdes, depositaron na SGAE o seu legado compositivo, preto de medio centenar de obras, para o seu estudo e investigación. Carmen foi unha das primeiras mulleres en pertencer á dita asociación. No acto de entrega, a pianista e directora do conservatorio superior madrileño, Ana Guijarro, interpretou unha selección do seu repertorio. Tamén, como homenaxe á pianista, o Centro de Estudios Pianísticos convocou en 2020 a bolsa Carmen Díez Martín para poñer en contacto a músicos en formación con recoñecidos profesionais do piano.
Carmen, xa centenaria, tocaba todos os días ás 19:00 h. na residencia madrileña onde se hospedada para visitantes e residentes. Un día antes do seu falecemento, acontecido o 25 de maio de 2015, visitárona no hospital unhas alumnas e amigas e ela abriu os ollos e preguntoulles:
¿Qué hora es?. As visitantes respondéronlle:
Las siete. E entón Carmen exclamou:
La hora de tocar, ¡vamos!, para volver pechar os ollos.
AGRADECEMENTOS
A Soledad Bordas Ibáñez e a Lourdes Fernández Díez, pola súa xenerosidade
Como citar: Amoedo, Alejo : Carmen Díez Martín. Publicado o 10/5/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27710. Recuperado o 30/04/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Carátula de Canciones Gallegas dedicadas a Antonio Fernández-Cid. Piano, Carmen Díez Martín. Soprano, María Teresa Tourne. 1962 . Ver Documento
Fonte: Fondo Alejo Amoedo
Ligazóns de interese
Entrevista a Carmen Díez Martín
Fonte: https://www.hoy.es/culturas/musica/201408/03/mientras-bajon-acabe-sigo-20140802223109-rc.html
Ferreras, Antonio: «Mientras que no dé un bajón, y acabe de una vez, sigo haciendo ruido», Hoy, Madrid, (3 de agosto de 2014)
Ana Guijarro lembra á súa mestra Carmen Díez Martín
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=rnn47oUk7BA
Audios
As froliñas dos todos: música, Eduardo Toldrá; letra, Antón Noriega Varela. Soprano, Teresa Tourné. Piano, Carmen Díez. 1962
O rei tiña unha filla: música, Ataulfo Argenta; letra, Ramón Cabanillas. Soprano, Teresa Tourné. Piano, Carmen Díez. 1962