Francisco Pillado Mayor
A Coruña, 18/ 5/1941 - A Coruña, 12/8/2021Autoría: Ana Abad de Larriva
Grande impulsor e estudoso do teatro galego, escritor, tradutor e editor
Pancho cursou o bacharelato na Academia Galicia, e desa etapa formativa lembraría con especial agarimo a docencia e influencia do profesor Miguel González Garcés, así como que foi durante os seus estudos nese centro cando coñeceu á que logo sería a súa compañeira de vida, Noli Vega, pero tamén a amizade forxada con Manuel Lourenzo, co que formou o que sería un tándem fundamental para as artes escénicas galegas.
Francisco Pillado e Manuel Lourenzo foron os impulsores do grupo de teatro da Agrupación Cultural O Facho, que se presentou publicamente en agosto do ano 1965, cun espectáculo que constaba de dúas partes. Francisco dirixira a primeira, que consistía na escenificación de textos de Luís Pimentel e Castelao, mentres que a segunda parte era unha representación da obra O cabalo do cabaleiro, de Carlos Muñiz, traducida e dirixida por Lourenzo. Este grupo teatral foi un dos pioneiros en representar obras en galego, tanto de autores galegos como internacionais.
Pillado axiña comezou a desenvolver o seu labor divulgativo cultural tanto na prensa escrita, na que colaborou en medios como La Voz de Galicia, A Nosa Terra ou O Correo Galego; como na radio, dirixindo «A escena e a pantalla», un espazo sobre cinema e teatro, en Radio Coruña EAJ-41, e desenvolvendo crítica literaria en Radio Nacional. Ademais, traballou como xornalista no gabinete de prensa dunha refinería de petróleos.
O seu interese e labor como escritor e investigador a prol da cultura galega reflectiuse na súa participación en volumes como Textos para o ensino do galego, no ano 1976, un volume elaborado xunto a Maruxa Barrio, Xoán Cejudo, Henrique Harguindey e Xulia Tarrío Pillado, e publicado en Edicións Rueiro, editorial que botara a andar no ano 1975 e que tamén publicou en 1979 Xeografía descriptiva de Galicia, un volume colectivo no que participou Pillado canda a Maruxa Barrio, Henrique Harguindey e Ánxel Iglesias.
Nos comezos do grupo de teatro da Agrupación Cultural O Facho, Pillado e Lourenzo descoñecían unha gran parte da historia do teatro galego e foi Leando Carré Alvarellos quen lles abriu os ollos á tradición previa, que lles fora arrebatada pola invisibilización e a censura da cultura galega, especialmente en relación ao xénero dramático. Ese foi, como lembraba Pillado Mayor,
un acicate definitivo para comezar a investigar na historia do teatro galego, que os levou a traballar para a creación da, ata entón, practicamente inexistente historiografía do teatro galego, e tamén para a promoción no eido editorial e na propia escena dos textos teatrais en galego.
Pillado e Lourenzo foron os autores de libros fundamentais para a bibliografía das artes escénicas galegas: O teatro galego, publicado no ano 1979, e Antoloxía do teatro galego, publicado no ano 1982; os dous en Ediciós do Castro; así como do Dicionário do teatro galego (1671-1985), publicado no ano 1987 na editorial Sotelo Blanco, na colección Biblioteca do Arlequín; textos que serviron de semente para moitos traballos posteriores. Ese ano Francisco Pillado Mayor asumiu a dirección da colección Biblioteca do Arlequín, que arrincou a partir da publicación do Dicionario.
Pillado Mayor estivo entre as persoas impulsoras da fundación da Escola Dramática Galega, proxecto pioneiro no desenvolvemento do sector teatral galego, no ano 1978, da que foi presidente da súa Xunta Rectora e na que se encargou do seu departamento de Estudos Teatrais, dirixindo dende el os Cadernos da Escola Dramática Galega, que serviron de berce editorial para numerosos dramaturgos e dramaturgas galegas, tanto consolidados como novos nomes, así como de pezas do teatro universal e mesmo traballos ensaísticos e manuais arredor de diferentes aspectos da arte escénica en galego. Estas publicacións non só serviron de pulo a moitas autoras e autores, senón que tamén potenciaron a produción de textos teatrais breves e serviron de elemento de difusión da literatura dramática galega, así como de material dramatúrxico para moitos grupos teatrais. Este labor supúxolle varios recoñecementos, ademais da propia boa acollida que tiñan os cadernos: no ano 1989 obtivo o Premio da Crítica e no ano 1993 recibiu o Premio Compostela de Honra por estas publicacións.
A súa vontade investigadora e divulgativa levouno tamén a impartir clases, obradoiros e conferencias arredor da historia do teatro galego, algo que se vinculaba coa súa vocación docente. Francisco decidira estudar Maxisterio, na Escola de Maxisterio da Coruña, coa intención de exercer algún día como mestre rural, unha profesión que el confesaba que tiña por aquel entón
moi idealizada. Ao rematar esa carreira, cursou os estudos de Graduado Social e, grazas ao seu bo expediente, foille ofrecida a posibilidade de incorporarse ao cadro de profesores do centro, cargo que aceptou, traballando no Seminario de Estudos Sociais Ramón da Sagra (actualmente a Escola de Relacións Laborais da Coruña) como docente dende comezos dos anos 80 ata o ano 1992, en que deixou o posto para poder centrarse na dirección da editorial Laiovento, que fundara en decembro de 1991 xunto a Xosé Manuel Beiras, Pepe Carreiro, Xesús Couceiro, Manuel González Millares e Afonso Ribas, e da que foi director ata o ano 2014. Esta foi dende os seus inicios unha editorial especializada no xénero ensaístico pero moi comprometida coa publicación de textos teatrais, na que Pillado impulsou a súa colección de teatro. Nesta liña, foi o coordinador de volumes como Banqueiros, que levou o premio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega na modalidade de teatro no ano 2013.
Promoveu ademais outros proxectos culturais como a creación da sala Luís Seoane, no ano 1980, na que foi director dos cadernos dos espectáculos, ou Elsinor Teatro, en 1990, na que asumiu tamén a dirección editorial. Ese ano fundou o Grupo de Teatro de Alunos da Escola de Estudos Sociais da Coruña, que fixo a súa presentación pública coa representación da peza Panchiño, do dramaturgo arxentino Osvaldo Dragún. Pillado Mayor tamén asumiu a dirección dos nove primeiros números de Casahamlet: Revista de teatro, que naceu no ano 1999 ao abeiro do estudo e compañía de teatro Casahamlet, unha iniciativa impulsada por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.
Ademais dos volumes sobre a historia e realidade do teatro galego no seu global xa mencionados, elaborados en coautoría con Lourenzo, tamén abrangueu en solitario a obra de autores como Lugrís Freire, no libro O teatro de Manuel Lugrís Freire, publicado en Ediciós do Castro no ano 1991, que incluía unha análise da súa obra dramática, precedida por unha breve historia do teatro galego e que incluía varias pezas do autor nado en Sada; no número dedicado a este nos cadernos A pinguela, de teatro escolar, publicados por Edicións Fervenza, no ano 2006; ou no libro Na outra banda da ponte (Materiais para un espectáculo didáctico sobre Manuel Lugrís Freire), publicado pola Deputación da Coruña e Casahamlet, tamén no ano 2006, unha obra de teatro de Pillado Mayor na que facía un repaso pola biografía do xornalista, dramaturgo e escritor sadense. Foi tamén o autor do traballo Cinco aspectos do teatro galego, no ano 1992, publicado mediante a colaboración entre El Correo Gallego e a Xunta de Galicia.
Outro labor divulgativo importante foi o que fixo da figura e da obra de Manuel Varela Buxán, tanto en artigos xornalísticos como nunha conferencia que impartiu convidado pola Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela; no monográfico sobre a Compañía Galega de Teatro Maruxa Villanueva, nos Cadernos da Escola Dramática Galega; ou na súa participación no libro colectivo Manuel Varela Buxán. O patriarca do teatro galego, coordinado por Xosé Luna Sanmartín.
Pillado lembraba como a asistencia á representación da obra O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, no ano 1959, a cargo do Teatro de Cámara da ACI, fora tamén un grande estímulo para logo Lourenzo e mais el crearen o grupo de teatro da Agrupación Cultural O Facho. Bastantes anos despois, os dous afondaron na obra do autor mindoniense para elaborar a Guía das obras dramáticas de Álvaro Cunqueiro, editada pola Deputación da Coruña no ano 2006.
Aínda que el non se consideraba tradutor, Pillado Mayor exerceu un importantísimo labor como tradutor, ademais de como dramaturgo, na elaboración de numerosas adaptacións propias de textos teatrais procedentes doutras linguas ao galego, como Dúas farsas: A doncela, o mariñeiro e mais o estudante e O paseo de Buster Keaton, de Federico García Lorca, que publicou nos Cadernos da Escola Dramática Galega, no ano 1978; O irlandés astrólogo, de Luís Seoane, escrita orixinalmente en castelán e adaptada por Pillado ao galego (Ediciós do Castro, 1980); Catro pezas de A. Chékhov (Castrodouro, 1982); A boda de Esganarello, unha versión libre en galego da peza Le mariage forcé, de Molière, que foi posta en escena pola Escola Dramática Galega e que saíu publicada en 1982 na editorial Castrelos; Maxia vermella, de Michel de Ghelderode, no ano 1985, publicada na editorial Libros de Teatro Don Satúrio; As tres irmás (drama en catro actos), de Anton Chekhov, en 1987, tamén na editorial Libros de Teatro Don Satúrio, estreada polo Centro Dramático Galego nese mesmo ano; Fígaro ou a inútil precaución, unha adaptación d’O barbeiro de Sevilla, de Beaumarchais, publicada na editorial Espiral Maior, no ano 2003, que fora posta en escena pola compañía Librescena no ano 1997; ou Cyrano de Bergerac, nunha tradución e adaptación da obra homónima de Edmond Rostand realizada en colaboración con Paulino Pereiro e publicada en 1999 en Baía Edicións. Esa versión de cámara foi levada á escena pola compañía Librescena, baixo a dirección de X.M. Rabón no ano 1999 e, posteriormente, Teatro Galileo tamén fixo unha montaxe a partir da tradución de Pillado, no ano 2016.
Paulino Pereiro xa colaborara con el anteriormente, musicando en 1991 unha versión que el fixera de Máxia vermella, de Michel de Ghelderode, diferente á publicada na editorial Libros de Teatro Don Satúrio, que levaba por título As gargalladas do espectro e que dirixira Fernando Morán coa compañía Maxia vermella. A súa tradución da peza A lección, de Eugène Ionesco, que saíra publicado como A lición, nos Cadernos da Escola Dramática Galega, no ano 1991, foi publicada de novo no ano 2002 por Laiovento, xunto á tradución ao galego de Henrique Harguindey do texto A cantante calva.
Outras pezas das que fixo versión en galego e que se representaron foron A máis forte, de August Strindberg, que dirixiu Carlos Clemente para o grupo de teatro Danthea, no ano 1985; Os cravos de prata, de Nicolas Bela, que estreara o grupo de teatro da Agrupación O Facho no ano 1986 e que foi publicada no ano 1990 por Sotelo Blanco; Pedro e o capitán, de Mario Benedetti, levada á escena por Fernando Morán no ano 1993, coa organización de Amnistía Internacional da Coruña, e que foi publicado no ano 2003 na colección Os libros do CDG, editada pola Xunta de Galicia e Edicións Xerais; A esperar por Godot, de Samuel Beckett, que foi montada pola compañía Luís Seoane no ano 1982 baixo a dirección de Xosé Manuel Rabón, e por Teatro Galileo no ano 1999, e que foi publicada en Laiovento en 2003 baixo o título Á espera de Godot; ou A porta pechada, de Jean-Paul Sartre, montada por Andrómena Teatro no ano 2006.
En colaboración con Miguel Anxo Fernán-Vello elaborou varios libros de conversas, como Conversas en Compostela con Carvalho Calero (Sotelo Blanco Edicións, 1986), A nación incesante: Conversas con Xosé Manuel Beiras (publicado orixinalmente no ano 1989 na editorial Sotelo Blanco e, posteriormente, no ano 2000, en Laiovento), e A estrela na palabra: Novas conversas con Xosé Manuel Beiras (Laiovento, 2004). Mediante este mesmo xénero, Xosé Luna Sanmartín desenvolveu no ano 2007 unhas conversas co propio Francisco Pillado Mayor (No pazo de Laiovento: Conversas con Francisco Pillado Mayor), que permiten coñecer de primeira man a súa vida, a súa obra e tamén as súas inquedanzas e pensamentos. Outros libros que permiten afondar na súa figura e pensamento son Camiño sen retorno, escrito por Pillado Mayor e publicado en Laiovento no ano 2014; ou No país da irmandade: homenaxe a Francisco Pillado Mayor, publicado pola Deputación da Coruña no ano 2007.
Ademais de participar en moitos máis volumes colectivos, como A nosa literatura: Unha interpretación para hoxe (II), na colección Alexandre Bóveda de Edicións Xistral, no ano 1985; Rafael Dieste. Un creador total, publicado na editorial Galaxia, en 1995; foi editor e coordinador de moitos outros volumes noutras editoriais alén das mencionadas, como a antoloxía A poesía e o teatro interseculares, editado xunto a Xosé Ramón Freixeiro Mato e publicado por Edicións A Nosa Terra en colaboración coa Asociación Socio-Pedagoxica Galega (AS-PG), no ano 1996; ou o libro Os aforismos do riso futurista. Autores galegos polo aforismo, que coordinou xunto a Xavier Seoane e que foi publicado en Edicións Xerais no ano 2017.
No ano 1996 doou a súa biblioteca e arquivo de teatro á Universidade da Coruña, que pasou a denominarse
Biblioteca-Arquivo de Teatro Francisco Pillado Mayor, dende a que tamén desenvolveu un importante labor editorial. Ese mesmo ano cedeu á Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela a biblioteca que herdara do seu pai.
Alén dos recoñecementos que obtivo polos proxectos dirixidos ao longo da súa traxectoria, tamén recibiu outras homenaxes polo seu compromiso social e cultural: no ano 2006 levou o Premio San Martiño de Normalización Lingüística da Asociación Cultural O Brado, da Estrada; no ano 2012 a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia concedeulle o seu Premio Abrente de Honra, polo seu traballo incansable a prol da cultura e, especialmente, do teatro galego; o Premio Ibán Toxeiro da A. C. Alexandre Bóveda recaeu nel no XVIII Memorial Ibán Toxeiro do ano 2014, pola súa dedicación ao teatro; e en 2017 foi galardoado como Republicano de Honra 2017 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña en recoñecemento á defensa dos valores republicanos e demócratas que fixera durante toda a súa vida.
Bibliografía
Becerra, Afonso: «Francisco Pillado Mayor», na sección Velaí! Voici! da edición dixital de Artezblai: el periódico de las Artes Escénicas, (15 de agosto de 2021).
Biscaínho Fernandes, Carlos Caetano: «A Escola Dramática Galega (1978-1994) e o sistema literario», Boletín Galego de Literatura, (2008), p 9-31.
«Francisco Pillado publica en Espiral Maior Fígaro ou a inútil precaución», na edición dixital do xornal La Voz de Galicia, (27 de xullo de 2003).
Lourenzo, Manuel: «O concerto de Francisco Pillado Maior», Erregueté, Revista Galega de Teatro, 102 (2021), 8-11.
López Silva, Inma: «Pancho», na edición dixital do xornal La Voz de Galicia, (14 de agosto de 2021).
Luna Sanmartín, Xosé: No Pazo de Laiovento: conversas con Francisco Pillado Maior. A Coruña: Espiral Maior, 2007.
«Morre o dramaturgo e editor Francisco Pillado Maior», na páxina web Cultura galega, (13 de agosto de 2021).
Pérez Pena, Marcos: «A Mostra de Teatro de Ribadavia homenaxeará a Francisco Pillado Mayor», no xornal Praza.gal, (10 de xullo de 2012).
Pérez Pena, Marcos: «Morre aos 80 anos Francisco Pillado, figura fundamental do teatro e da edición galega», no xornal dixital Praza.gal, (12 de agosto de 2021).
«Pesar polo falecemento de Pancho Pillado», na edición dixital do xornal Nós Diario, (12 de agosto de 2021).
Pillado Maior, Francisco: Camiño sen retorno. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento, 2014.
«Prezado Pancho, sempre nos nosos corazóns (En lembranza de Francisco Pillado, 1941-2021)», no blog Bibloleiros, das Bibliotecas Municipais de Oleiros, o 13 de agosto de 2021.
Rabuñal, Henrique: «Francisco Pillado Maior, saúde e república», no blog Henrique Rabuñal: Literatura e cultura, (1 de abril de 2018).
Redondo Abal, Francisco Xavier: «Francisco Pillado, inesquecíbel», no xornal Praza.gal, (23 de agosto de 201).
Vales, Ricardo: «Pancho pillado: unha bandeira ao vento», na edición dixital do xornal La Opinión A Coruña, (21 de abril de 2017).
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Galaxia, 2007.
Vizcaíno Fernández, Carlos Cayetano: A Escola Dramática Galega na configuración do sistema galego de produción teatral (1978-1994). Tese de doutoramento. A Coruña: Universidade da Coruña, 2006.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Francisco Pillado Mayor. Publicado o 17/1/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3092. Recuperado o 15/06/2025
DOCUMENTACIÓN DE
«O home do escravo branco», entrevista a Francisco Pillado Mayor na Revista das letras, número 618, publicada en maio do ano 2006. Ver Documento. Entrevista
Fonte: AELG
Entrevista de NMS a Francisco Pillado Mayor: «A obra teatral de Manuel Lugrís foi revolucionaria e escandalosa», publicada o 17 de maio de 2006 no xornal El Ideal Gallego. Ver Documento. Entrevista
Fonte: AELG
Capítulo «A Galicia moderna: Teatro (1916-1936)», dentro do libro A Galicia moderna (1916-1936), editado pola Xunta de Galicia no ano 2005. Ver Documento. Artigo
Fonte: AELG.
Estudo de Francisco Pillado sobre o estancamento do teatro galego e o impulso dado polo Rexionalismo coa creación da
Escuela Regional Gallega de Declamación. Ver Documento. ArtigoPilhado Mayor, Francisco: «A Escola Regional de Declamaçom», Agália: Publicaçom internacional da Associaçom Galega da Lingua, 23 (1990), 289-299
Fonte: Agália>/cite> / Dialnet.
«Fragmento de Glosa do teatro galego», publicado na revista Palabra viva da Galiza, en maio do ano 1986. Ver Documento
Fonte: AELG
Entrevista a Francisco Pillado Mayor realizada polas alumnas do IES Manuel García Barros da Estrada Natalia Cabaleiro e Xisela Goldar, o 20 de xaneiro de 2006, o día en que Francisco Pillado deu unha conferencia no centro. Ver Documento. Entrevista
Fonte: IES Manuel García Barros da Estrada.
Artigo de Luísa Villalta e Francisco Pillado sobre a A mandrágora de Machiavelli, de 1518. Ver Documento. Artigo
Pillado Mayor, Francisco; Villalta, Luísa: «Arredor da Mandrágora de Machiavelli», Viceversa: revista galega de traducción, 5 (1999), 139-142.
Fonte: Viceversa / Dialnet
https://dialnet.unirioja.es/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Carlos Caetano Biscaínho Fernandes «A Escola Dramática Galega (1978-1994) e o sistema literario», publicado no número 39-40 do Boletín galego de Literatura, no ano 2008 . Ver Documento. Artigo
Fonte: Repositorio da Universidade da Coruña.
https://illa.udc.gal
Recensión feita por Carlos Casares na súa sección «A ledicia de ler», no xornal La Voz de Galicia, o 12 de decembro de 1976, sobre Textos para o ensino do galego, un volume elaborado por Francisco Pillado Mayor, Maruxa Barrio, Xoán Cejudo, Henrique Harguindey e Xulia Tarrío Pillado; documentada pola Fundación Carlos Casares. Ver Documento. Artigo
Fonte: Fundación Carlos Casares.
Extracto do libro Luís Seoane: Vida e obra literaria, con edición e prólogo de Marino Dónega, publicado pola Real Academia Galega no ano 1994, no que se fai referencia á tradución ao galego do texto de Luís Seoane escrito orixinalmente en castelán O irlandés astrólogo. Ver Documento
Fonte: Hemeroteca Galiciana.
Ligazóns de interese
«Francisco Pillado publica en Espiral Maior Fígaro ou a inútil precaución», na edición dixital do xornal La Voz de Galicia (27 de xullo de 2003)
Fonte: La Voz de Galicia
«Pancho», artigo de Inma López Silva na edición dixital de La Voz de Galicia, (14 de agosto de 2021)
Fonte: La Voz de Galicia
«Pancho Pillado: teatro contra a amnesia», artigo de Manuel Xestoso na edición dixital de Nós Diario, (14 de agosto de 2021)
Fonte: Nós Diario
https://www.nosdiario.gal
«Lembrando a Francisco Pillado», no Diario Cultural da Radio Galega, o 13 de agosto de 2021
Fonte: RTVG. Diario Cultural
«Morre o dramaturgo e editor Francisco Pillado Maior», información na páxina web Cultura galega, (13 de agosto de 2021)
Fonte: Consello da Cultura Galega. Culturagalega.gal
Vídeo de intervención de Francisco Pillado Mayor na entrega da distinción
Fonte: Centro de documentación da AELG.Os bos e xenerososá editorial Laiovento, na gala de entrega dos Premios da AELG no ano 2014, pola súa achega á publicación de textos teatrais
Vídeo da intervención de Francisco Pillado Mayor na entrega do premio outorgado pola AELG ao libro Banqueiros, na gala de entrega dos Premios da AELG, no ano 2013, na modalidade de teatro, un volume colectivo publicado pola editorial Laiovento e coordinado por Francisco Pillado Mayor
Fonte: Centro de documentación da AELG
Acceso en liña á tese doutoral de Carlos Caetano Biscaínho Fernandez A Escola Dramática Galega na configuración do sistema galego de produción teatral (1978-1994), do ano 2006
Fonte: Repositorio da Universidade da Coruña.
https://illa.udc.es/Repository
Páxina web da Biblioteca-Arquivo Francisco Pillado Mayor, da Universidade da Coruña
Fonte: Universidade da Coruña.
https://www.udc.es/biblioteca.fil/pillado/
Páxina web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, onde, no seu Centro de documentación aparece unha ficha que inclúe a obra bibliográfica de Francisco Pillado Mayor, así como unha fototeca, unha videoteca e outros materiais
Fonte: AELG
Artigo de Afonso Becerra «Francisco Pillado Mayor», na sección Velaí! Voici! da edición dixital de Artezblai: el periódico de las Artes Escénicas, publicado o 15 de agosto de 2021
Fonte: Artezblai: el periódico de las Artes Escénicas
https://www.artezblai.com/
Francisco Pillado Mayor na Biblioteca Virtual Galega
Fonte: Biblioteca Virtual Galega.
https://bvg.udc.es
Videos
Vídeo da homenaxe da Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC) a Francisco Pillado
Fonte: Fundación ERLAC / YouTube.com