Fidel Isla Couto
Cambados (Pontevedra), 1/ 11/1902 - Vigo (Pontevedra), 11/2/1989Autoría: Xosé Luís Pastoriza Rozas
Emprendedor incansable e promotor do Almanaque Agrícola ZZ
As súas raíces familiares atópanse nas terras do Ulla, nas parroquias de Arnois e Oca do concello da Estrada, de onde eran orixinarios os seus pais, Manuela Couto Pazos e Fidel Isla Araújo. Pero Fidel naceu en Cambados o 1 de novembro de 1902, destino do seu pai que gañaba a vida como garda civil. A súa infancia transitou entre Cambados, Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela como terceiro da descendencia de nove fillos do matrimonio, no que Ramiro ocupaba a primoxenitura e Xaime era o benxamín. Rematados os estudos primarios, a súa formación completouna na Escola de Artes e Oficios de Santiago destacando como estudante de Aritmética e Xeometría, Debuxo lineal, e Gramática e Caligrafía.
A partir de 1920 viviu en Ferrol, a carón do seu irmán máis vello, Ramiro, que regresara en 1918 da Arxentina a onde emigrara en 1911. Ramiro dirixía os estaleiros de San Filipe, propiedade da Casa Banca Deza, pero retornou a Arxentina a finais de 1922 tras a creba fraudulenta do banco e o peche dos estaleiros. Nesta etapa ferrolá Fidel traballou como comercial no eido do aceite mineral e como provedor da Mariña de Guerra. Ao tempo, actuou como administrador da revista Saudade. Revista ilustrada, publicada entre 1924 e 1925. Con todo, os negocios non prosperaron e, en febreiro de 1926, Ramiro desde Arxentina recomendoulle marchar de Ferrol.
Tras cumprir o servizo militar na Mariña en Ferrol, en 1927 trasladouse a Vigo, onde residía a familia desde 1923 co seu pai desempeñándose como axente comercial e visitador médico canda ao seu fillo Celso. En 1928 entrou a traballar de viaxante para a Casa Busquets Hermanos, almacenistas e importadores de por xunto dedicados á venda de produtos de droguería, farmacéuticos, insecticidas e fertilizantes a través dunha rede de sucursais e viaxantes por toda España. Propiedade dos irmáns Gaspar e Manuel Busquets George, destacaron como opositores ao monopolio da campsa promovido polo ministro de Facenda, o tudense José Calvo Sotelo. Para esta loita política e comercial empregaron os xornais El Liberal e Heraldo de Madrid da súa propiedade.
A finais de 1931 regresou da Arxentina o seu irmán Ramiro xunto coa súa muller Chita Lamas, que se incorporou ao
escritoriodo pai como viaxante de comercio. En maio de 1935 Fidel presentouse aos exames para secretario de xulgados municipais obtendo a cualificación de sobresaliente. Con todo, seguiu traballando como xefe comercial da Casa Busquets até o comezo da Guerra Civil.
En abril de 1936 constituíse ante notario o Instituto Bioquímico Miguel Servet onde participaron dous dirixentes galeguistas, o médico Ramón Obella Vidal e o funcionario de Facenda Alexandre Bóveda Iglesias, canda ao farmacéutico Francisco Rubira Fariña e os socios Serafín Campos Pichel e Emilio Manuel Martínez-Baladrón y García. Como director científico do laboratorio situouse ao eminente e novo catedrático de Ciencias da Universidade Compostelá, Ferrán Calvet, nacionalista catalán formado en Oxford. Expulsado da docencia universitaria, exiliouse entre 1936 e 1938 en Estocolmo, Edimburgo e Portugal. Para este laboratorio tamén traballaron dúas das irmás Sanjurjo Aranaz, entre elas a brillante e galeguista María Antonina, fillas de Manuel Sanjurjo Otero e netas de Antonio Sanjurjo Badía, propietario de La Industriosa de Vigo.
Durante a Guerra Civil, Fidel traballou no Miguel Servet como xefe comercial tras a perda do seu traballo polo comiso da Casa Busquets decretado polo bando sublevado. Simultaneamente, produciuse a detención de Alfonso Busquets Salomó, xerente da Casa Busquets en Vigo desde xuño de 1936 e fillo máis novo de Manuel Busquets George. Fidel asumiu a atención e protección de Alfonso Busquets, internado no campo de prisioneiros de San Simón onde tamén estaba preso o galeguista Álvaro Gil Varela, funcionario da Deputación de Pontevedra, e futuro compañeiro de Fidel en Zeltia e noutras iniciativas empresariais. Previamente, en setembro de 1936 fora o responsable de acompañar no seu coche a Valentín Paz-Andrade ao seu desterro en Verín. Para permitirlle continuar co seu labor profesional como avogado, o seu irmán Ramiro usaba o coche Vauxhaull de Fidel para levarlle os papeis e xestións do seu bufete vigués.
En decembro de 1936 os irmáns Isla Couto sufrían as consecuencias da Guerra Civil. Blanca fora suspendida do seu emprego como mestra nacional na escola do Casal (O Porriño), Ramiro estaba detido e encarcerado en Verín tras tentar fuxir a Portugal con Xaime nunha furgoneta de Miguel Servet, e Xaime atopábase impedido de escoller escola no seu derradeiro ano de práctica profesional na carreira de Maxisterio por orde do Gobernador Civil de Pontevedra. Nestes meses, Fidel tamén asumiu coa familia Isla Couto o coidado dos curmáns de Castelao, Pepe e Manolo —os irmáns Insua—, que se atopaban agochados desde outubro no piso de Ramiro na rúa de García Barbón. Os irmáns Insua suicidaríanse no Berbés a bordo do bou Eva o 23 de abril de 1937, cando tentaban fuxir por mar e foron descubertos polos falanxistas.
En 1939 Ramón Obella abandonou o Miguel Servet canda a Fidel Isla e Ferrán Calvet. Xunto con José Ruíz Gómez e os catro irmáns e empresarios Fernández López —José, Antonio, Manuel e Concepción— constituíron a sociedade anónima Zeltia para desenvolver as patentes propiedade de Obella. A marca Zeltia fora rexistrada previamente no Porto en 1937 para a exportación de cornello do centeo, cunha tipografía gótica e o logo dun feixe de centeo deseñados por Obella e Ramiro Isla. Posteriormente Xaime Isla deseñou o coñecido logo de Zeltia respectando a tipografía gótica e incorporando un tríscele inspirado no sinal de identidade dos Ultreyas, agrupamentos xuvenís galeguistas da II República. A esta industria vinculáronse toda unha serie de funcionarios que foran depurados, como Álvaro Gil, e investigadores e científicos expulsados da universidade, como Faustino Cordón Bonet, Andrés León Maroto, Ferrán Calvet Prats, Miguel Catalán Sañudo ou Isidro Parga Pondal, xenro do líder galeguista Enrique Peinador. Para a súa rede comercial e a xestión tamén foi contratado Alfonso Busquets e outras persoas reprimidas e sancionadas polo franquismo, como Manuel Molares Porto. Zeltia exemplificou a unión de visión e talento empresarial que caracterizou ao equipo emprendedor que integraron os irmáns Fernández López, especialmente José e Antonio, Álvaro Gil, Fidel Isla e Isidro Parga Pondal e que se estendeu a outras empresas e corporacións. En 2007, o telefilme Os fillos do sol recreou os inicios de Zeltia figurando Fidel como un dos personaxes secundarios da trama centrada na figura de Ferrán Calvet.
Fidel realizou estudos de peritaxe e profesorado mercantil na Escola de Comercio de Vigo e, tras a súa participación como pequeno accionista na constitución de Zeltia en 1939, traballou como xefe administrativo dos laboratorios. Posteriormente foi nomeado conselleiro-secretario de Zeltia tras un breve período como conselleiro-delegado. O 21 de decembro de 1940 casou na Igrexa de Santiago de Vigo con Blanca Serrats Abuín, filla do fabricante de conservas Alberto Serrats Cuixart e de María Abuín Fungairiño. En 1948 naceu María de las Nieves Blanca Clara Isla Serrats, única filla do matrimonio. Infelizmente, o 13 de marzo de 1963 finaba Blanca Serrats en Vigo.
A familia Serrats e os Isla Couto compartían veciñanza e amizade no barrio de Casablanca. A familia conserveira dos Serrats tiña a súa orixe en L’Escala (Girona), aínda que o patriarca José Serrats i Puig establecera a súa residencia estable en Bermeo contra 1904 a raíz da súa expansión cara á costa cántabra. Tras a súa xubilación, o seu fillo José Serrats Cuixart fíxose cargo da xestión das fábricas no Cantábrico, mentres que Alberto Serrats asumiu a dirección das factorías galegas, cunha instalación en Vigo e outra en Cangas do Morrazo. Posteriormente, trasladou a actividade industrial a Matosinhos, principal centro conserveiro portugués, residindo en Póvoa de Varzim.
Durante a súa carreira emprendedora, Fidel participou na constitución dalgunhas das empresas e corporacións industriais máis relevantes do tecido industrial galego como Zeltia (1939) ou Cementos del Noroeste (1957), das que era asesor xurídico o seu irmán avogado Xaime. Cementos del Noroeste comezou en 1962 a produción de cemento artificial Portland na súa fábrica de Oural (Lugo), adquirindo posteriormente a fábrica de Cementos Cosmos en Toral de los Vados (León), sendo a matriz da futura Corporación Noroeste. Tamén participou noutras iniciativas como Antibióticos, Calizas y Fertilizantes del Noroeste (calfensa), Prebetong Hormigones ou a Compañía de Aplicaciones. Posteriormente ampliou a súa actividade emprendedora ao sector alimentario como na conserveira Thenaise Provoté, augas Fontecelta ou en experiencias innovadoras como a cría en catividade e comercialización de salmón a través de Viveros de Valdoviño, impulsada por Corporación Noroeste. E tivo un papel destacado como conselleiro-secretario en Cooper-Zeltia, compañía constituída en 1964 como resultado da asociación de Zeltia coa compañía británica Cooper, McDougall e Robertson Limited aproveitando os incentivos do Polo de Desenvolvemento Industrial de Vigo-O Porriño. Unha colaboración pola que Fidel traballou incansablemente e que se iniciou en 1952, cando Zeltia comezou a fabricar e distribuír especialidades e produtos veterinarios e insecticidas industriais e domésticos baixo patente da empresa británica. Esta conexión co Reino Unido tamén se materializou na fabricación e comercialización dunha patente de tella inglesa fabricada por Galaica de Materiales de Construción (gamasa) na Caeira (Poio).
Motivado polos seus irmáns Ramiro e Xaime, contribuíu economicamente ás iniciativas culturais do galeguismo, como o Seminario de Estudos Galegos entre 1932-1934 e foi un dos accionistas fundadores da Editorial Galaxia (1950). Desde Zeltia promoveu, en colaboración con Ismael Sierra Franco e coa Editorial Galaxia, a publicación do Almanaque Agrícola ZZ, a primeira publicación comercial en lingua galega distribuída de forma gratuíta e masiva. Contiña información e publicidade dos produtos de Zeltia e estivo ilustrada por artistas como Manuel Torres, con textos de Francisco Fernández del Riego e Xohán Ledo. O Almanaque resultaba de enorme utilidade, tanto para a propaganda de Zeltia, como para as familias labregas xa que incluía información sobre o tempo, as fases da lúa, o calendario de traballos agrícolas, enfermidades das plantas, medidas agrarias, datas e lugares das feiras, as pragas dos cultivos e instrucións sobre o uso dos fitosanitarios de Zeltia. Posteriormente, Cementos Oural imitou o éxito do Almanaque Agrícola cun calendario de parede en galego, tamén elaborado polo equipo de Galaxia.
Home dotado dun excepcional talento empresarial e comercial que puxo ao servizo da prosperidade de Galicia, Fidel finou en Vigo o 11 de febreiro de 1989 aos 86 anos de idade, acompañado polo recoñecemento da comunidade empresarial e galeguista da cidade e de toda Galicia.
Agradecementos
Esta entrada biográfica non tería sido posible sen a xenerosa colaboración e as informacións de Blanca Isla Serrats, filla de Fidel, que cedeu as fotografías familiares e colectivas que acompañan esta entrada.
Páxina web de referencia
Fundación Isla Couto
Bibliografía
Álvarez Seoane, Generoso (2010): «El instituto bioquímico Miguel Servet», Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudios Vigueses, 15 : 43-62.
Barro, Pepe (2016): «Tres pés para un tríscele», Anuario de creatividade 2016. EASD Antonio Faílde Ourense, 38-45.
Barro, Pepe (2018): «Tres pés para un tríscele. Os irmáns Isla Couto e a identidade corporativa de Zeltia». En Máis que ver. Cen historias de deseño na Galiza. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Carmona Badía, Xoán (2006): «José Fernández López, 1904-1986. De Lugo a Capetón. A traxectoria empresarial do grupo Fernández». En Xoán Carmona (coord.): Empresarios de Galicia. Vol. 1. A Coruña: Fundación Caixa Galicia; 432-459.
Escudero, Luis J. e López, Ernesto (2011): «Los Serrats. El triunfo del esfuerzo». En Xoán Carmona (coord.): Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Pontevedra: Deputación : Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar anfaco-cecopesca; 220-245.
Hermida, Xermán (2 de xaneiro de 2005): «O Mintireiro Verdadeiro
e o Almanaque Agrícola ZZ
sobreviven logo de máis de cincuenta anos a publicar en galego», Culturagalega.gal, Consello da Cultura Galega.
Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2009): Obella Vidal. Investigador, empresario e galeguista. Vigo: Foro Enrique Peinador.
Isla Couto, Xaime (2015): «A miña familia». En Xosé L. Pastoriza Rozas (ed.): Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia. Vigo: Fundación Isla Couto : Galaxia; 115-116.
Isla Couto, Xaime (2015): «O meu irmán Ramiro». En Xosé L. Pastoriza Rozas (ed.): Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia. Vigo: Fundación Isla Couto : Galaxia; 117-120.
Pastoriza Rozas, Xosé L. (2015): «Repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia. Cronobiografía». En En Xosé L. Pastoriza Rozas (ed.): Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia. Vigo: Fundación Isla Couto : Galaxia; 13-103.
Pastoriza Rozas, Xosé L. (2015): «Presenza da nación. O galeguismo xuvenil de Xaime Isla», Grial. Revista galega de cultura, 207 (xullo-setembro), 22-33.
Pastoriza Rozas, Xosé L. (2017): «Ramiro Isla Couto: pioneiro do nacionalismo alén mar». En Justo Beramendi, Justo et al. (coords.): Repensar Galicia. As Irmandades da Fala. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego; 309-324.
Pérez Rego, David e Alonso Rodríguez, Albino (2005): «Un caso destacado de publicaciones españolas: el almanaque agrícola ZZ de Zeltia», Boletín de la anabad, 55, 3 : 123-126.
Puga Pereira, Manuel (2023):«Los orígenes de Zeltia», Anales de la Real Academia Nacional de Farmacia, 89, 1 : 117-125.
Como citar: Pastoriza Rozas, Xosé Luís : Fidel Isla Couto. Publicado o 10/9/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=36177. Recuperado o 30/01/2026
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Manuel Puga presenta no seu discurso de ingreso na Real Academia Nacional de Farmacia as orixes do proceso que culminou na creación da empresa Zeltia S.A.. Ver Documento. Artigo
Puga Pereira, Manuel:«Los orígenes de Zeltia», Anales de la Real Academia Nacional de Farmacia, 89, 1 (2023), 117-125.
Fonte: Real Academia Nacional de Farmacia (RANF).
https://analesranf.com/
Artigo de X.L. Pastoriza Rozas que revela o protagonismo de Ramiro Isla Couto na construción da base social e institucional do galeguismo nacionalista entre 1917 e 1937. Ver Documento. Artigo
Pastoriza Rozas, Xosé L.: «Ramiro Isla Couto: pioneiro do nacionalismo alén mar». En Justo Beramendi, Justo et al. (coords.): Repensar Galicia. As Irmandades da Fala. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Museo do Pobo Galego, 2017; 309-324.
Fonte: Xosé Luís Pastoriza Rozas / Academia.edu
https://www.academia.edu/
Artigo de Pepe Barro sobre o deseño do tríscele de Zeltia. Os irmáns Isla Couto definiron a identidade corporativa de Zeltia. Ver Documento. Artigo
Barro, Pepe: «Tres pés para un tríscele», Anuario de creatividade 2016. EASD Antonio Faílde Ourense, (2016), 38-45.
Fonte: Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde / Issuu.com
https://issuu.com/easd_antonio_failde/
«A miña familia» e mais «O meu irmán Ramiro», dous artigos de Xaime Isla Couto recompilados na obra Xaime Isla: raíz e utopía de Galicia. Ver Documento
Isla Couto, Xaime: «A miña familia»; «O meu irmán Ramiro». En Xosé L. Pastoriza Rozas, (ed.): Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia. Vigo: Fundación Isla Couto : Galaxia, 2015; 115-120.
Fonte: Fundación Isla Couto.
https://fundacionislacouto.org/
Estudo introdutorio de X.L. Pastoriza Rozas á fotobiografía Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia. Ver Documento
Pastoriza Rozas, Xosé L.: «Repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia. Cronobiografía». En Xosé L. Pastoriza Rozas, (ed.): Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia. Vigo: Fundación Isla Couto : Galaxia, 2015; 13-103.
Fonte: Fundación Isla Couto.
https://fundacionislacouto.org/
Historia da familia Serrats, empresarios conserveiros, coa que emparentaría Fidel Isla Couto ao casar con Blanca Serrats Abuín. Ver Documento. Artigo
Escudero, Luis J. e López, Ernesto: «Los Serrats. El triunfo del esfuerzo». En Xoán Carmona (coord.): Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Pontevedra: Deputación; Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar ANFACO-CECOPESCA, 2011; 220-245.
Fonte: FUNPROMAR (Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar). Museo da Conserva.
https://museoconserva.com/
Artigo de Generoso Álvarez sobre o Instituto Bioquímico Miguel Servet, que desenvolveu a súa actividade en Vigo entre 1935 e a década de 1970. Ver Documento. Artigo
Álvarez Seoane, Generoso: «El instituto bioquímico Miguel Servet», Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudios Vigueses, 15 (2010), 43-62.
Fonte: Instituto de Estudios Vigueses.
/www.ievigueses.com
Fidel Isla Couto participou co industrial José Fernández López na creación de Zeltia e Cementos del Noroeste, como se pode ler neste artigo de Xan Carmona. Ver Documento. Artigo
Carmona Badía, Xoán: «José Fernández López, 1904-1986. De Lugo a capetón. A traxectoria empresarial do grupo Fernández». En Xoán Carmona (coord.): Empresarios de Galicia. Vol. 1. A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 2006; 432-459.
Fonte: Afundación. Obra social Abanca.
https://www.afundacion.org/
Artigo sobre a creación do Almanaque Agrícola ZZ, promovido pola División de Agroquímicos de Zeltia e que ve a luz no ano 1953. Ver Documento. Artigo
Pérez Rego, David e Alonso Rodríguez, Albino: «Un caso destacado de publicaciones españolas: el almanaque agrícola ZZ de Zeltia», Boletín de la ANABAD, 55, 3 (2005), 123-126.
Fonte: Federación ANABAD.
https://www.anabad.org
Ligazóns de interese
Telefilme Os fillos do Sol. Dirección: Ramón Costafreda, Kiko Ruíz Claverol. 2016
Fonte: TVG.
https://www.agalega.gal
Web do Almanaque Agrícola ZZ
Fonte: Syngenta
https://www.syngenta.es
Acceso en liña á publicación Obella Vidal. Investigador, empresario e galeguista, de Ricardo Gurriarán.
Fonte: Galeguizar Galicia.
Vigo: Foro Enrique Peinador, 2009
http://www.galeguizargalicia.com/
Espazo web dedicado á empresa Gamasa, da
Fonte: Memoria Industrial de Galicia. Un proyecto fotográfico de José Chas sobre la ruina industrial gallega.Galaica de Materiales de Construcción Sociedad Anónimafundada en 1963, da que Fidel Isla Couto sería conselleiro e secretario
https://memoriaindustrialengalicia.wordpress.com/
Zeltia -iniciativa empresarial na que participou Fidel Isla Couto- na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki
Biobibliografía de Xaime Isla Couto no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega
Fonte: Consello a Cultura Galega. Álbum de Galicia.
https://consellodacultura.gal
Biobibliografía de Chita Lamas Barreiro no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega
Fonte: Álbum de Galicia. Consello da Cultura Galega
Biobibliografía de Ramiro Isla Couto no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega
Fonte: Álbum de Galicia. Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26748 [Consulta: 2022-05-13]
«80 anos de Zeltia, a empresa xurdida dun matadoiro e científicos represaliados da que naceu a biotecnoloxía galega», artigo de Daivid Reinero en praza.gal.
Fonte: praza.gal
(2 de agosto de 2019)
https://praza.gal/
«O
Fonte: Consello da Cultura Galega. Culturagalega.gal.Mintireiro Verdadeiroe oAlmanaque Agrícola ZZsobreviven logo de máis de cincuenta anos a publicar en galego: outros xeitos de medir o tempo», artigo de Germám Hermida en Culturagalega.ga..
(1 de febreiro de 2005)
https://culturagalega.gal/
Videos
Vídeo conmemorativo do centenario do nacemento de Xaime Isla Couto. 2015
Fonte: Fundación Isla Couto.
https://www.youtube.com/watch?v=jc320O54Jnw&ab_channel=Fundaci%C3%B3nIslaCouto
Entrevista a Xaime Isla Couto
Fonte: Galicia Aberta.
https://emigracion.xunta.gal/conecendo-galicia/aprende/entrevista/xaime-isla-couto [Consulta: 2022-09-27]
Zeltia: La Sombra Producciones repasa los 75 años del grupo, vídeo. (18 de novembro de 2014)
Fonte: La Sombra Producciones / YouTube.com
Almanaque Argícola ZZ: 70 anos de lealdade lingüística. Vídeo do acto celebrado polo Foro Peinador na Casa da Cultura do concello do Porriño o 6 de abril de 2022
Fonte: Galeguizar Galicia / YouTube.com Telefilme Os fillos do Sol. Dirección: Ramón Costafreda, Kiko Ruíz Claverol. 2016
Fonte: TVG.
https://www.agalega.gal












