Marcial Valladares
Vilancosta, Berres (A Estrada), 14/ 6/1821 - Vilancosta, Berres (A Estrada), 20/5/1903Autoría: Xosé A. Fernández Salgado
O señor de Vilancosta que se honraba de ser galego
Valladares fixo os estudos de primeiras letras e de gramática latina en Vilancosta, para logo, en 1833, trasladarse a Santiago de Compostela co seu irmán Sergio co fin de cursar os estudos universitarios: primeiro os de Filosofía e, posteriormente, a carreira de Xurisprudencia, na que conseguiría o título de Bacharel en 1840 e o de Licenciado en Leis en 1842. Estes anos de estudante resultarán decisivos na conformación da súa ideoloxía e gustos literarios, pois viñeron cadrar cos tempos de máximo brillo da Academia Literaria compostelá, á calor da cal xurdiu a primeira xeración de galeguistas coñecida coma a dos «provincialistas». Xa que logo, Valladares é compañeiro de xeración de A. Neira de Mosquera, A. Faraldo, F. Añón, os irmáns Rúa Figueroa, D. Díaz de Robles, M. Gil, os irmáns Camino ou J. Domínguez Izquierdo. Con eles compartiu inquedanzas ideolóxicas e literarias inspiradas no Romanticismo francés de Lamartinne, Chateaubriand ou B. de Saint-Pierre, no socialismo utópico de Saint-Simon e Fourier e na democracia cristiá, cuxas ideas adoito se debatían na Academia e na prensa xurdida arredor dela. Pero a súa ideoloxía tamén bebeu da corrente costumista española, encarnada por Larra ou Mesonero Romanos, e mais da revalorización de todo o popular que se produce co nacemento do «Folck-Lore» como ciencia por mediados do século. Precisamente, é nestes anos de universitario cando o mozo Valladares dá inicio a varios cadernos manuscritos que acollen os seus primeiros versos, tanto en galego coma en castelán, inspirados en virxinais amores de xuventude.
En 1843, xunto co pai, colaborou con Pascual Madoz achegándolle datos sobre as terras de Lalín e Tabeirós para o Diccionario geográfico-histórico-estatístico, que daquela principiaba a redactarse. Esta correspondencia non dura moito xa que en 1844 pai e fillo trasládanse a Zamora, a onde aquel fora destinado como Intendente. Alí residirá Valladares ata 1850 en compaña dos pais e das irmás. Nesta súa etapa zamorana, incorporarase en 1845 ó colexio de avogados da cidade e desempeñará algúns cargos dentro da Administración provincial tutelada polo pai, entre eles o de Visitador da renda do papel selado, e, xa contra o final, o de Vogal supernumerario do Consello administrativo provincial. Non obstante, iso non lle quitou tempo para tomar clases de música; compoñer versos cheos de morriña polas terras nativas, coma os titulados «A miña aldea» (1847); dar inicio a un diario familiar, en castelán, que titulou Memorias de familia (1844-1902); ou anotar datos para unha Crónica histórica de Zamora que rematará en 1855, xa de volta en Vilancosta. Aproveitará, así mesmo, para coñecer a provincia e visitar as cidades de Valladolid, Toro, Madrid... E en Zamora tamén acabará por atopar o seu «a-ia-iai» nunha dama da cidade chamada Catalina Fernández coa que estará a piques de casar, aínda que finalmente a súa relación truncaríase nos primeiros anos da década de 1850. O fracaso nestes amores acompañarao xa para sempre —de feito, quedará solteiro— e inspirará varios poemas que data nesta década, coma o titulado «A.***» (1853).
En decembro de 1849 o pai cesará como Intendente e a primeiros de 1850 toda a familia regresa ós eidos nativos da Ulla, logo dun fugaz paso por Ourense, a onde pai e fillo foran destinados como Gobernador e Vogal supernumerario do Consello, respectivamente.
Entre 1850 e 1852 residirá permanentemente en Vilancosta facendo vida de «señorito de aldea»: dedicado á caza, compoñendo música —á que era moi afeccionado tanto el coma as irmás—, anotando mostras populares e actuando de anfitrión ante a visita de vellas amizades, coma a de Neira de Mosquera en 1851, que daquela andaba a publicar as súas Monografías de Santiago.
Así e todo, esta vida regalada polas ribeiras do Ulla rematou en 1852 ó ser elixido Deputado provincial en Pontevedra polo partido xudicial de Tabeirós, principiando así unha carreira de 14 anos como home público, durante a cal desempeñará varios cargos na Deputación e no Goberno provincial que o obrigarán a pasar longas tempadas na capital pontevedresa. En 1858, a Sociedade de Amigos do País de Santiago recoñecerao co distintivo de «Individuo de mérito», mercé ó traballo realizado en pro da Exposición compostelana que ese ano se celebrara en Santiago. Neste mesmo ano, volverá ser elixido Deputado provincial e nomeado Vogal vicepresidente da Deputación de Pontevedra, cargo ó que acabará renunciando ó ser designado pola raíña Isabel II Conselleiro no Goberno civil. Nesta institución chegará a ocupar o cargo de Presidente do Consello e, interinamente, o de Gobernador en varias ocasións. Nunha delas, presidirá os «Xogos florais» que en agosto de 1861 tiveron lugar en Pontevedra, só uns meses despois dos célebres da Coruña. O seu traballo administrativo foille recoñecido en 1860 cos honores de «Xefe de Administración Civil».
Entre 1864 e 1865, Valladares será destituído e reposto varias veces nos seus cargos no Goberno civil, sempre en función do partido político que ocupase o poder en Madrid: cesado cos conservadores de Narváez, agraciado cos da Unión Liberal de O’ Donnell. Será a consecuencia deste ir e vir da política, tamén tras a morte do pai en 1864, cando en 1866, con aínda 45 anos, decida retirarse definitivamente da vida pública á súa aldea da Ulla. Alí, na quinta de Vilancosta, acompañado dalgunhas irmás, sobre todo de Avelina, consagrarase á mellora da súa facenda, unha vez recibida a herdanza do pai, e aínda máis ás súas afeccións favoritas de erudito: ler, escribir e coleccionar mostras dos saberes populares. No que lle resta de vida, xa non volverá ausentarse de Vilancosta por espazos longos de tempo, apenas algunha viaxe a Santiago, coma en 1884, cando se imprentou o seu dicionario.
E abofé, dende o seu despacho da Ulla, que miraba ó Pico Sagro, Valladares vai contribuír ó Rexurdimento galego cunha considerable, pioneira e polifacética obra, que, segundo expresa no prólogo da novela Majina, quere que «redunde o máis en gloria e honra de Galicia, que ó fin é nosa nai». A recolleita de literatura popular, a poesía, a novela, a lexicografía, a gramática, a música, o xornalismo, a historia, a economía, a botánica, a tradución... son ámbitos ós que se poden adscribir a longa listaxe de títulos que constitúe a súa obra. Con todo, as parcelas polas que hoxe é máis recoñecido caen dentro dos eidos da literatura, da lingüística, do folclore e da música.
Como literato, Valladares figura na historia das letras galegas coma un dos precursores no uso literario do galego, pois os seus versos iniciáticos datan, no contexto do Rexurdimento, dos temperás anos da década de 1840. É autor dun considerable número de composicións poéticas tanto en castelán coma en galego, algunhas aínda inéditas. Nunha primeira etapa son de fasquía romántica, coma a titulada «Suidades» (1845), para deixar logo paso a outras de asuntos e formas costumistas e populares, coma «A castañeira en Santiago» (1882), e de carácter epigramático. No antolóxico Álbum de la caridad (1862) figuran escolmadas catro poesías súas en galego, entre elas «A Fonte do Pico Sagro», que tamén será antologada por Saco Arce nos apéndices da súa Gramática Gallega (1868). Así e todo, o escritor ullán destácase na historia da literatura galega como o primeiro novelista moderno con Majina, ou a filla espúrea, onde narra a folletinesca historia de Otilia e Salvio. Este ecléctico «conto-noveliña» bilingüe estaba rematado en 1870, aínda que non vería luz ata 1880, por entregas, nas páxinas de La Ilustración Gallega y Asturiana. Da súa autoría son tamén os relatos en castelán Flora (1857), Asela (1868), La cruz perdida (1883), aínda inéditas, e Los tres expósitos (1883).
Como apaixonado do folclore e do costumismo, Valladares foi un adiantado na súa época na recolleita de cantigas coa súa melodía, romances, refráns, contos, adiviñas, meigarías... De 1865 data o cantigueiro musical Ayes de mi país, que lle dedica ás irmás, e de 1867, o Cantigueiro popular, cun limiar redactado en galego no que defende «esa non escrita poesía, dina de ser conocida e estudiada». Ó Cantigueiro iríalle amecendo nas décadas seguintes varios apéndices: o primeiro en 1879 e outro máis en 1887. Unha parte do seu material folclórico deuno a coñecer no seu Diccionario (1884), pois nel valeuse de varios centos de cantigas e refráns como autoridade lingüística. Igualmente, o seu refraneiro aparecería nas follas de Galicia. Revista Regional (1888) e A Monteira (1890), e a súa colección de contos folclóricos en Galicia Humorística (1888). Con anterioridade, xa colaborara con mostras populares varias na Miscelánea. Folk-Lore Gallego (1884) que editara Machado y Álvarez; esta colectánea servía de presentación da acabada de nacer «Sociedad del Folk-Lore Gallego», que o recoñeceu como «Socio de mérito» ese mesmo ano.
Xa no campo da lingüística, Valladares contribuíu ó Rexurdimento cun dicionario e cunha gramática. O seu Diccionario gallego-castellano (1884), coas súas máis de 12.000 entradas, constitúe un espello do galego falado daquela. Foi por moito tempo a obra máis importante da lexicografía galega e a que lle deu máis fama e respecto. Malia publicarse en 1884, primeiro por entregas e logo nun único volume, unha primeira versión xa a tiña disposta en 1869. Sobre el seguiu a traballar ata a súa morte, arrequentándoo con novos suplementos, un datado en 1896 e o último en 1902, moi pouquiño antes de morrer. Canto ós Elementos de gramática gallega (1892), o texto non tivo repercusións nesa altura, pois permaneceu inédito ata 1970, ano en que se publicou co gallo de se lle dedicar o Día das Letras Galegas. Trátase dun documento de valor historiográfico, pois amais de ser testemuña da fala decimonónica, recolle a súa proposta de codificación ortográfica e morfolóxica para o galego. Valladares xa expuxera as súas ideas sobre a grafización do idioma nalgún artigo publicado na prensa en 1879 e tamén durante a polémica ortográfica de 1888, na que participou activamente. Tanto o dicionario coma a gramática destacan na portada que era «Individuo correspondente» da Real Academia Española, como así era dende 1880 mercé á mediación de G. Laverde Ruíz.
Dende a súa Ulla natal, Valladares puxo a súa obra á disposición dos historiadores, folcloristas, xornalistas, editores, musicólogos..., que coma el se propuxeron traballar na dignificación da cultura e a lingua galegas. A Vilancosta chegou, e logo saíu, correspondencia de M. Murguía, A. Machado y Álvarez, J. A. Saco Arce, A. de la Iglesia, A. Martínez Salazar, E. Labarta Pose, W. Álvarez Insua, M. Castro López, Casto Sampedro, M. Leiras Pulpeiro, A. Brañas... Escritos de Valladares atópanse nas columnas das cabeceiras de prensa de ideoloxía provincialista ou rexionalista máis importantes da época: Galicia. Revista Universal, La Ilustración Gallega y Asturiana, El Eco de Galicia (tanto no editado en Santiago na década de 1850 coma os publicados despois na Habana e en Bos Aires), Galicia Humorística, Galicia Católica, Galicia. Revista Regional, Revista Popular...; e tamén nas monolingües O Tío Marcos, O Galiciano ou A Monteira.
Marcial Valladares expresara un desexo final nos versos dunha copla por el composta:
En Vilancosta nacín
e nela penso morrer;
decote lle tuven lei
e xuro non lla perder.
E así foi. «O señor de Vilancosta» finou o 20 de maio de 1903, un ano despois da súa moi querida irmá Avelina, coa que sempre convivira na casa patrucial.
Marcial Valladares foi un home apegado á terra, entusiasta de Galicia, da súa lingua e cultura, e coa súa obra contribuíu a que tamén os seus paisanos galegos a estimasen e iso que redundase na súa gloria. Así rezaba outra copla del:
O señor de Vilancosta
soilo a ela ten apego;
vive entre os seus labradores,
hónrase de ser galego.
Escolma da obra de Marcial Valladares:
--- [1844-1878]: Memorias de familia (ms.), 2 t. Arquivo da familia Valladares.
--- [1855]: Crónica de la muy noble y leal ciudad de Zamora (ms.). Arquivo da familia Valladares.
--- [1857]: Flora ó hasta donde llega una mujer (ms.). Arquivo da familia Valladares.
--- [1865] (2010): Ayes de mi País. Baiona: Dos Acordes. [Edición de José L. Pico Orjais e Isabel San Martín]
--- [1867] (2003): Cantigueiro popular. A Estrada: Fundación Cultural da Estrada. [Edición de X. Luna Sanmartín]
--- [1870] (1880): Majina ou a filla espúrea, La Ilustración Gallega y Asturiana, Madrid, t. II, 21 (266), 22 (281), 23 (293-294), 24 (306), 25 (317), 27 (341-342), 30 (376-377), 31 (389-390), 32 (402-403), 34 (429-430), 36 (460-461).
--- (1879): «Del apóstrofo en la escritura gallega», La Ilustración Gallega y Asturiana, Madrid, t. I, 11, 123-124.
--- [1879]: Catálogo de árboles de adorno, arbustos y flores mas comunes hoy en los mejores jardines (ms.). Arquivo da familia Valladares.
--- (1883] (1888-1889): Los tres expósitos, Galicia. Revista Regional, A Coruña, 7 (7/1888), 347-350; 9 (9/1888), 485-488; 11 (11/1888) 605-609; 1 (1/1889), 57-59. [Incompleta]
--- (1884): Diccionario Gallego-Castellano. Santiago: Estab. Tip. del Seminario Conciliar Central. Biblioteca El Libredon.
--- (1888): «Escritura gallega», Galicia. Revista Regional, A Coruña, t. II, 6, 6/1888, 267-270.
--- (1887-1888): «Refranes, proverbios y decires gallegos, recogidos por el que firma y no contenidos en la Gramática del Señor Saco-Arce». Galicia Revista Regional, A Coruña, t. I, 4 (4/1887), 5 (5/1887), 9 (9/1887), 10 (10/1887); t. II, 3 (3/1888)
--- [1892] (1970): Elementos de Gramática Gallega. Vigo: Fundación Penzol / Editorial Galaxia.
--- [1896] (s.d.): Nuevo suplemento al Diccionario Gallego-Castellano. Anexo 4 de Cadernos de Lingua. A Coruña: RAG. [Edición de Maricarme García Ares]
--- (2003): Poesía. Vigo: Xerais. [Edición de Xosé A. Fernández Salgado.]
Bibliografía sobre Marcial Valladares:
Brea López, Mercedes; Nogueira Pereira, Mª Xesús (2006): «As Memorias de familia de Marcial Valladares», A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural 9, 7-24. Dispoñible en: http://www.dspace.aestrada.gal/jspui/bitstream/123456789/345/1/pg_009-026_brea-nogueira_9.pdf.
Do Pico Orjais, José L.; Rei Sanmartín, Isabel (eds.) (2010): Ayes de mi Pais. O cancioneiro de Marcial Valladares. Baiona: Dos Acordes. [Contén partituras musicais]
Fernández Castro, Juan A. (2015): «Catálogo da biblioteca de don José Dionisio Valladares efectuado polo seu fillo Marcial Valladares», A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural 18, 89-134. Dispoñible en: https://tinyurl.com/4t48pwfn.
Fernández Salgado, Xosé A. (2004): «A obra gramatical de Marcial Valladares». Cadernos de Lingua 26, 47-98. DOI: https://doi.org/10.32766/cdl.26.
Fernández Salgado, Xosé A. (2004): «O Diccionario Gallego-Castellano (1884) de Marcial Valladares», Verba. Anuario Galego de Filoloxía 31, 361-397. Dispoñible en: http://hdl.handle.net/10347/3423.
Fernández Salgado, Xosé A. (2005): Marcial Valladares. Biografía dun precursor no Rexurdimento galego. Pontevedra: Deputación Provincial. Dispoñible en: https://www.academia.edu/15366016/Marcial_Valladares_Biograf%C3%ADa_dun_Precursor_no_Rexurdimento_galego_2005.
Fernández Salgado, Xosé A. (2018): «Bibliografía completa (1842-2018) de Marcial Valladares». En Acuña, Ana et al. (eds.), Homenaxe a Ramón Gutiérrez. Vigo: Servizo de publicacións da Universidade.
Fernández Salgado, Xosé A. (2021): «No bicentenario do nacemento de Marcial Valladares: unha cronoloxía da súa biobibliografía», Revista de Lenguas y Literaturas Ccatalana, Gallega y Vasca, 26, 131–152. DOI: https://doi.org/10.5944/rllcgv.vol.26.2021.32124
Fernández Salgado, Xosé A. (2021): «No ronsel da colección de literatura popular de Marcial Valladares: colaboración con outros focloristas do século XIX», Madrygal 24, 81-100. DOI: https://doi.org/10.5209/madr.80235.
Fernández Salgado, Xosé A. (ed.) (2003a): Marcial Valladares. Poesía. Vigo: Xerais.
Fernández Salgado, Xosé A. (ed.) (2003b): «A colección de refráns de Marcial Valladares», Tabeirós Terra XIII, 9-16. Dispoñible en: Tabeirós Terra, nº 13, decembro 2003 optimizado by Asociación Cultural Vagalumes - Issuu
Fernández Salgado, Xosé A. (ed.) (2011): Marcial Valladares. Majina, ou a filla espúrea. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
Ferreirós Espinosa, Carlos (2018): O legado dos Valladares de Vilancosta. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
Luna Sanmartín, Xosé (ed.) (2003): Marcial Valladares. Cantigueiro Popular. A Estrada: Fundación Cultural da Estrada.
Rei-Samartim, Isabel (2018): «O arquivo de música da família Valladares. A guitarra», A Estrada. Miscelanea Histórica e Cultural 21, 287-310. Dispoñible en: http://www.dspace.aestrada.gal/jspui/bitstream/123456789/972/1/12-%20O%20arquivo%20de%20musica%20da%20familia%20Valladares.%20A%20guitarra.pdf .
Tarrío, Anxo; Neira, Margarita e Roig-Rechou, Ana Blanca (eds.) (1991): Marcial Valladares Maxina. Vigo: Edicións Xerais.
Como citar: Fernández Salgado, Xosé A. : Marcial Valladares. Publicado o 10/10/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3999. Recuperado o 23/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Cantigas populares aparecidas na revista Galicia (21-09-1902). Ver Documento
Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=577340 [consulta: 2023-09-08]
«Fin de romaría», último poema de Marcial Valladares publicado en vida, en Almanaque Gallego para 1899. Ver Documento
Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=3810 [consulta: 2023-09-08]
Carta manuscrita de Marcial Valladares a M. Leiras Pulpeiro (1896). Ver Documento. Epístola
Fonte: Galiciana - Arquivo Dixital de Galicia. Fondos da Real Academia Galega
https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=369511 [consulta: 2023-09-08]
Conto de Marcial Valladares titulado «Veliños», aparecido en Galicia Humorística (15-06-1888). Ver Documento
Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=5166 [consulta: 2023-09-08]
Manuscrito do artigo «Escritura gallega», publicado logo na Galicia Revista Regional (xuño 1888). Ver Documento
Fonte Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia. Fondos da Real Academia Galega
https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=381941 [consulta: 2023-09-08]
Poema «A castañeira en Santiago» aparecido en Colección de Poesías Gallegas de F. Portela Pérez (1882). Ver Documento
Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=5994 [consulta: 2023-09-08]
Manuscrito do poema «A fonte do Pico Sagro» (1851). Ver Documento
Fonte: Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia. Fondos da Real Academia Galega
https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=369083 [consulta: 2023-09-08]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Crónica da celebración do Dia das Letras Galegas de 1970 dedicado a Marcial Valladares aparecida en Hoja Oficial del Lunes (18-05-1970). Ver Documento
Fonte: Biblioteca Virtual de Prensa Histórica
https://prensahistorica.mcu.es/es/consulta/registro.do?id=9005 [consulta: 2023-09-11]
Información sobre o Día das Letras Galegas de 1970 dedicado a Marcial Valladares, aparecida en El Pueblo Gallego (17-05-1970). Ver Documento
Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=3952 [consulta: 2023-09-11]
Biografía de Sergio Valladares en El Correo de Galicia (13-01-1919), por José Mª. Moar. Ver Documento
Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=2704 [consulta: 2023-09-11]
Necrolóxica de Marcial Valladares aparecida en El Eco de Galicia (Bos Aires) (20-06-1903). Ver Documento
Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=3867 [consulta: 2023-09-11]
Biografía de Marcial Valladares aparecida en El Eco de Galicia (Bos Aires) (20-08-1898). Ver Documento
Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=3867 [consulta: 2023-09-11]
Biografía de Avelina Valladares aparecida en Almanaque Gallego para 1898, por M. Castro López. Ver Documento
Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=3810 [consulta: 2023-09-11]
Biografía de José Dionisio Valladares aparecida en El Obrero (26-07-1891), por M. Castro López. Ver Documento
Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=9036 [consulta: 2023-09-11]
Poema dedicado a Marcial Valladares por E. Labarta Pose aparecido en Galicia Humorística (30-06-1888). Ver Documento
Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=5166 [consulta: 2023-09-11]
Ligazóns de interese
51 páxinas das nosas Letras
Catálogo da exposición organizada polo Parlamento de Galicia en 2013 para conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas
Fonte: Parlamento de Galicia
https://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Publicacions/51%20paxinas%20das%20nosas%20letras.pdf [consulta: 2022-12-30]
Majina ou a filla espúrea (1870), manuscrito
Fonte: Galiciana- Arquivo Dixital de Galicia. Fondos da Real Academia Galega
https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=1152505 [consulta: 2023-09-07]
Majina ou a filla espúrea (1880), edición de La Ilustración Gallega y Asturiana
Fonte: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=17375 [consulta: 2023-09-07]
Diccionario Gallego-Castellano (1884) na Biblioteca Virtual Galega
Fonte: Biblioteca Virtual Galega. Universidade da Coruña
https://bvg.udc.es/ficha_obra.jsp?id=DiGa++++9&alias=Marcial+Valladares& [consulta: 2023-09-07]
Cantigueiro popular na Biblioteca Virtual Galega
Fonte: Biblioteca Virtual Galega. Universidade da Coruña
https://bvg.udc.es/ficha_obra.jsp?id=Capo++++1&alias=Marcial+Valladares& [consulta: 2023-09-07]
Carme Ferreirós na TVG reivindicando o legado de Marcial Valladares
Fonte: Televisión de Galicia
https://www.crtvg.es/informativos/carme-ferreiros-reivindica-o-legado-de-marcial-valladares-5335082 [consulta: 2023-09-08]
Videos
O filólogo e profesor da UVIGO Xosé Antonio Fernández Salgado na conferencia: «200 anos con Marcial Valladares (1821- 1903): Un recordatorio da súa vida e da súa obra». II Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV21) (marzo de 2021)
Fonte: Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV)
https://www.youtube.com/watch?v=bduulq5FP7Q [consulta: 2023-09-08]
«Sentiño (Areal 2021)». Bicentenario do nacemento de Marcial Valladares, da autoría de José Manuel Fernández Gañete
Fonte: Canle de Youtube de José Manuel Fernández Gañete
https://www.youtube.com/watch?v=n2mw4AxhnTM [consulta: 2023-09-08]
Galicia letra a letra: Marcial Valladares Núñez. Letras galegas 1970 (TVG, 2012)
Fonte: Real Academia Galega
https://www.youtube.com/watch?v=2Lkfzjb800c [consulta: 2023-09-08]
Alborada recollida por Marcial Valladares Núñez no s. XIX (Vilancosta, Berres, A Estrada). Homenaxe de Gaiteiros do Ulla na casa petrucial de Vilancosta polo bicentenario do nacemento de Marcial Valladares (14 de xuño de 2021)
Fonte: Gaiteiros do Ulla
https://www.youtube.com/watch?v=WwsohwuLBvE [consulta: 2023-09-08]
Valaderestiada na Casa Grande de Vilancosta, a casa natal da familia Valladares
Fonte: Sirgo Torcendo
https://www.youtube.com/watch?v=u5phuC5Pdm4 [consulta: 2023-09-08]
O Rexurdimento de Avelina Valladares (Nós Televisión, 2020)
Fonte: Nós Televisión
https://www.youtube.com/watch?v=d8ZCDGFfwVY [consulta: 2023-09-08]
Publicacións periódicas
Ilustración Gallega y Asturiana, La (1879-1881) .
Revista Decenal Ilustrada
Unión Gallega, La (1881-1889) .
Publicación semanal
A partir do n.º 20: Publicación Semanal consagrada a propender a la unión y fraternidad de la Colonia Gallega
A partir do n.º 72: Publicación bi-semanal: Órgano defensor de los intereses gallegos en las Repúblicas del Plata
A partir do n.º 202: Periódico tri-semanal: Órgano defensor de los intereses gallegos en las Repúblicas del Plata
Gaita Gallega, A (1885-1887) .
Repinica muiñeiras, fandangos y-alboradas, unha vez ó mes
Gaita Gallega, A (1889-1889) .
Repinica muiñeiras, fandangos y-alboradas, unha vez ó mes
Aires d'a Miña Terra (1908-1909) .
Cultura Gallega (1936-1940) .
Publicación quincenal: Literatura, Arte, Historia, Geografía, Gráfica, Informativa
1939: Mensuario Regional Español de Literatura, Arte, Historia, Geografía, Gráficos e Informaciones de Galicia y de la Colonia Gallega de Cuba