Antoloxía / Texto. Extracto de libro/ FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Texto. Extracto de libro

Material

Antoloxía

Detalle

De Urania (ed. 2016)


Isto é un souto. No souto unha muller. A muller le, pensa.
Un libro ou códice miniado.


No códice unha muller. Na súa man un dos extremos da corda que no seu outro extremo abrangue o pescozo de Rosana que vai e pasta por tras desta muller.


No códice, por riba das bermas, monte erguéndose como de penedos; entre os penedos, touzas.


No códice, carballos, o ceo azul por entre as árbores,
expandíndose por entre as pólas núas dos carballos.


Lembras
cando os corvos viñan beber ao río?


A muller está sentada. No códice, paisaxe de penedas, no fondo da paisaxe un home a contemplar os ceos, nos ceos n corvo «que fora el alimentados polos corvos que os corvos traían nos seus bicos pan, pan, por entre nubes que habitaría no fondo daquel abismo, apenedado».


Ben puido ser que naqueloutra paisaxe pintara Rafael un Mesías en triángulo perfectísimo: transfigurado.


A muller le, pensa. Paisaxe de penedos. Mesmo na beira
dos camiños, caendo por riba da beira dos camiños.
Dos noiros
nubes.




 


---------------------------------------------


De Heloísa (Espiral Maior, 1994)


 


Para Sabela R. Oxea


No meu soño non son a mociña de abril
non son a princesa de Aquitánia
non sei patinar
non teño laúde
non son Santa Gúdula
non son Ilduara Eriz.


Ninguén caza no bosque o xabarin
ninguén adornará a testa coa esmeralda do faisán.


Na miña escrita son astronauta nunha noite de verán
(astronauta en circuíto simulado)
do meu costado brotan algas
do meu escafandro un milleiro de pardaus.


Non son ave
nen estela que cruza o rio.




 


---------------------------------------------


De Heloísa (1994)


Un soño
paisaxe industrial
sátiros
pastoras.
Heroísmo e luxúria
Marcelle


A froita que sostén Perséfone é o inferno


asi a imaxinación do inferno consiste en apercibi-lo cinco veces seguidas
por cada un dos cinco sentidos


ver os corpos. incandescentes
cinco veces
ouvir os gritos das ánimas penadas
cinco veces
cheirar a cloaca do abismo
cinco veces
saborear o amargor das lágrimas
cinco veces


O mito cámbia
produz desperdícios


pero non confundir-te un deus
o cárdio de Byron
os versos de Ritsos


ese espertar cando souben que a escuridade era o único posíbel.




---------------------------------------------


De Fascinio (2010)


para Estrela Piñeiro


…AS MULLERES continúan logo de facer as correspondentes estivadas carrexando leña para encher as pías, a baixar do monte toradas de piñeiro, contribúindo co seu traballo ás tarefas da xávega, os rapaces maioritariamente descalzos, coas cabezas rasuradas e na súa totalidade presentan sinal de desnutrición...


...dando por perdidos os subministros iñiciase a busca da fragata co fin de obter un novo cargamento de armas e municións...



Na verde boca
caolín, wólfram, a fragata Libelly, os indios Enmerillon, a reveladora, Deus,
Spútnik


esa Australia abaneada polo vento que me tolea nas bermas do soño
as anoréxicas trinta santas da Idade Media
a cade de nais muller
o matricidio


mostrando o ouro no índice, no pulso


setenta postas de sol, cinco mil castros, trescentas mámoas abeizoan o teu corpo


desandas, cara atrás camiñas o sentido


todos os teitos de colmo
bimbastro, bagalustre, ardora


celestes son as augas


ferve riza malla ceifa furna GALLAECIA
ubérrima de estrelas!
sirte


o descenso aos ínferos


Faber-Castell


Irmgard Möller


Limasol


Antioquía.




---------------------------------------------



De Nínive (1996)



OUTSIDE

Tiven que aprender o americano coma se dunha lingua estranxeira
se tratase


pero ela pasara a súa nenez na Galiza falando en español


unha combinación do español correcto das oficinas
co español imposíbel das señoras


lingua nativa / desmemoria
vernáculo / todo era vernáculo


a sensación que todo un pobo pode ter
de atoparse fóra de lugar
ao respecto da súa común lingua nativa


que había nela de poético?
nacera aquí
abandonara o seu idioma
queixábase
–gústame o lugar, para un mes, no verao
no inverno aquí non hai nada
aquí vas en bicicleta e es unha pendanga
vas en camiseta e es unha pendanga


extirpan o galego de nós
mesmo se a vida ten que ser arrincada no proceso


a lingua ese estigma que aínda nos delata.


Uso corrupto da linguaxe


a vosa segura protección contra as palabras
–quen sodes vós?, o ulido do meu embigo?


como o idioma vos vence invariablemente


mellor ser un paria


colocar algo no seu lugar preciso


adornar os xarróns con flores
e o día que camiña de présa...
tempo postergado
pero ningunha auga é intransitábel
e os sentidos nunca me abandonan


ser superfluo significa non pertencer ao mundo en absoluto


estar fóra do mundo


–é superflua a nosa identificación coa lingua?


–se alguén se atreve a volver dicir «a verdade»


ou


basta xa de «verdade» estou chea de verdade


ou


deixádeme en paz coa verdade! Basta de tanta verdade


estas palabras ou outras parecidas


o monstruoso


como se entrebrecen as palabras


Edén


Hotel Edén


Rosa Luxemburgo
aquí celebraron o seu ágape os asesinos


Felicidade


felicidade para eles


felicidade para nós


na unidade


na uniformidade


Felicidade!!!


en pouco tempo estes infortunados pobos perderan a súa individualidade


nós sermos eles


eles sermos nós


a diferencia nega a unidade o odio a felicidade


a loucura nega a paz


–que pensas ti atopar no lago?


–non os restos poéticos de Heaney
«esta pupila soñando co trigo megalítico»
atoparas o rexemento de «Misión de audaces»
–lévense esta muller de aquí


estes son os diálogos que aprendes
de todo isto nos alimentamos


–córtelle a bota
–ninguén me vai cortar a bota
–dáme un trago
–son botas de vinte dólares
–colle un soldado, buscade un vado para cruzar o río, leva ao corneta contigo
–gracias, señor, gracias pola oportunidade


a frase
«tiven que aprender o americano...»
é unha frase de Raymond Chandler
que recollo dunha sección de Striking Resemblance
de Tina Darragh


L–A–N–G–U–A–G–E


así é como os meus pais se empeñaron en educarnos en español


pero logo todos esqueceriamos a importancia da lingua


máis económico o odio
que fai táboa rasa cos demais
do pensamento


case muda
case escoitando
aínda a chamada


ven
unha soa vez
vestida de loito e aproxímate á miña tumba


divide o silencio
redúceo ás súas partes máis cativas
ínfimas
reductas
entre vocal e vocal
entre vocal e consoante


corpo aberto da linguaxe
os espacios en branco
entre palabra e palabra
entre verso e outro verso


pero nunca puiden figurarme a morte


a costa non era senón unha sucesión de cons anegados baixo la furia do mar e
dos torrentes que caían sen cesar dun ceo
negro


as augas escintilantes de aletas dorsais que se axitaban no medio de verdadeiros
bancos de tabeiróns
mutilados
agonizantes
tal e como eles conciben o poema
anterior á revolución industrial


unha manufactura


escribir nunha lingua que na nenez nos foi negada
escribir nunha lingua que escoitamos roubada
–cantas palabras escoitaches nesa lingua no medio do labirinto que eles
falaban ou na súa ausencia?
escribir nunha lingua que escoitaches sen saber que esa lingua era a túa
e que esa era unha lingua diferente da que dicían eles falar
–en que falaban, en que idioma trataban de falar aqueles que no teu berce te
agasallaron?


lingua de escombros
lingua campo de exterminio


clase media lingüística


entre o español corrupto das oficinas e o español diletante das señoras


vosoutros: monstros!


borrar toda tradición
todo pasado


totalitarismo
senrazón
loucura
porque no voso medo existía un lugar
coma un furado pequeniño da máis diminuta luz
algo anterior a vós
ao medo
entramos nesa luz
chamámoslle. REVOLUCIÓN. LIBERACIÓN NACIONAL
angustia
Patria


no voso medo
no que soñabades
anterior a vós
ao medo


así borrastes as nosas trazas
ocultastes o rostro
a identidade
o nome


–eu, que emerxín do diluvio. Recórdovos
nas vosas debilidades
a época escura
da que eu escapei


lembrareivos con clemencia
esa frescura infantil que pende no baleiro


pero ningún templo vos agarda
nada «novelo no vento nove»
nada sobre Paestum


40 linguas na India
outras 40 no Gabón


alguén falara sempre nesa moitedume delinguas


terá que ser así
non sobre de min: a lírica
e u son esas restrevas
esa promenade encol da Literatura


porque o que busquei na nenez non era o meu reflexo
senón esa alianza dos que sobrevivistes coa derrota
esa alianza na que se centrou toda a nosa traxedia
toda determinación
toda impotencia


así: a Poesía


o colapso
a desmemoria


acoutar o drama
saberse fillos de pais moralmente inadecuados
da súa negativa a dicir
da súa perturbación
da súa orixe


e pois que non se rompeu o espello
senón que nos foi dado roto de antemao
e logo esgazou de novo en nós
nos: aqueles que tivemos que recobrar o mar


porque todas as pontes foran rotas


nos vasos
nos elixires
nos somos


na memoria


a historia que narran os papiros de Orfeo
a historia dunha identidade imposíbel


un novo Hades
propicio
se algún día un deus pousou a súa mao na nosa boca


a claridade desa luz
a escrita.




---------------------------------------------


De Ponte das poldras (Segunda ed. 2006)



In der Mandel –was stet in der Mandel?
Paul Celan


Na pedra –que é o que se sostén na pedra?
a lagoa
a lagoa enfíase na pedra
enfíase, enfiase


Na lagoa –que é o que se sostén?
a trenza
enfíase a trenza, a trenza de beón
enfíase, enfíase


Cabelo de Anta nunca serás poeira


E o teu ollo cara a onde se dirixe?
o teu ollo sostense na pedra
o teu ollo enfíase nas augas.
Sostén a trenza
e así enfíase, enfíase


Rizo do Idioma nunca serás poeira


Pedra baleira, gris. Real.




 


---------------------------------------------



De Charenton (2004)


¿o que vostede escribe é representativo?


—nada representa, produce
—¿busca un significado?
—nada significa, funciona

“””””””””””””””””””””””””””””””


—¿trátase dunha lingua metafísica?
—non, trátase dunha lingua transcendental


—¿ideolóxica?
—non, matérica
—¿edípica?
—non, esquizofrénica
—¿imaxinaria?
—non, non se trata dun idioma imaxinario, trátase dunha lingua non figurativa
—¿simbólica?
—non, real
—¿estructural?
—non, maquínica
—¿molar, gregaria?
—non, molecular, micropsíquica e microlóxica
—¿expresiva?
—productiva



---------------------------------------------


De Hordas de escritura (2008)


Definición: poeta é o non poeta


Proposición I: verdadeiramente poeta é aquela/aquel cuxa musa foi integramente destruída


Escolio: se quen escribe poesía é aquel/aquela cuxa musa foi destruída, isto significa que a identidade entre poeta e non poeta nunca é perfecta, que non é posíbel destruír íntegramente a musa, que sempre resta algo. Ser poeta é ser ese resto


(segundo a orde xeométrica)


(...) estas augas coexisten pero non son coincidentes, esta intimidade indivisíbel




 


---------------------------------------------


 


De Carne de Leviatán (2013)


Eleusis


Isto
eu
aquí
agora
ti
hoxe
mañá
entón
o mesmo día
sempre


nada hai na voz nada


unha lingua de fogo que a todos e a cada unha pertence


pero quen di o idioma é a voz
non está
e volve




---------------------------------------------


 


De Un libre favor (2020)


 


Vosoutras pedras, traédeme as palabras
sodes o alfoz da vida


traédeme a miga de pan
a que a lesma devora
e se confunde coa lama dos camiños


nada esperaba
en nada cría


era só a marabilla  de ser comanche e de vez
unha árbore


as follas de castiñeiro derredor da fronte
as trenzas longas cosidas con agullas de piñeiro
o vestido


como o cervo atravesa as vías
e preto e sobre a neve mira pasar o tren


así a voz
un cabalo
abebera nos espellos
e entre as patas garda
listas
as zapatillas de baile




------------------------
Orixinais en galego xentileza de Chus Pato

------------------------
Obra plástica da cabeceira:
Paisaxe. Antonio Murado [detalle]
1992. Pintura
Medidas: 200 x 200 cm
Óleo sobre lenzo. Colección Fundación RAC, Pontevedra
[ficha en Atalaia]
Metadatos