Centenario da Misión Biolóxica de Galicia

Centenario da Misión Biolóxica de Galicia

As orixes da Misión Biolóxica de Galicia

Centenario da Misión Biolóxica de Galicia

Por Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Catedrático emérito de Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela

A terceira revolución agrícola no mundo, que se iniciou co século XX, caracterizouse pola aplicación da xenética á mellora da produtividade vexetal. Nela, os millos híbridos foron un dos cultivos máis salientables, cuxo uso non comezou a espallarse por Europa ata despois da Segunda Guerra Mundial. De todas as maneiras, vinte tres anos antes, na Escola de Veterinaria da Universidade en Santiago de Compostela poñíanse en marcha os ensaios de campo dos primeiros híbridos dobres de millo cultivados no continente europeo. Como foi posible esta singularidade?

Foron varios os factores que se xuntaron e fixeron realidade este logro. Por unha parte, o ambiente rexeneracionista que se estaba a vivir en España a comezos do século XX, que tentaba superar o atraso decimonónico cunha dedicación aos principais sectores produtivos e que deu como froito iniciativas de tan fecunda proxección como a Junta para la Ampliación de Estudios (JAE), creada en 1907 e dirixida por Ramón y Cajal para “promover e coordinar a investigación científica en España”. Por outra parte, a confluencia de dúas personalidades tan destacadas como o galego Juan López Suárez (“Xan de Forcados”) e o vasco Cruz Gallástegui Unamuno. Este último coincide na Escola Agronómica de Hohenheim (Alemaña) con Julio López Suárez, irmán de Juan, que o invitan en 1915 ao seu predio de Lamaquebrada en Escairón, no que os dous irmáns e Gallástegui proxectan os trazos fundamentais sobre os que se poderían asentar en Galicia os métodos da nova agricultura que se estaba a desenvolver no mundo.

Posteriormente, Juan López Suárez, médico especializado en bioquímica e cunha posición destacada na JAE, facilitou a especialización en xenética vexetal en EEUU de Cruz Gallástegui desde 1918 a 1919. Ao lado dos mellores xenetistas vexetais do mundo (T. H. Morgan e D. F. Jones), participou nos labores de investigación que deron lugar aos primeiros híbridos dobres. De volta a España e sempre baixo a orientación de López Suárez, aceptou a dirección dun centro de investigación agraria que a JAE acababa de crear para Galicia e que respondía a un novo alento descentralizador que estaba a xurdir na institución española, co que pretendían “la extensión a provincias de los servicios de carácter científico y educativo”. A influencia do bioquímico galego estivo, sen dúbida, presente na decisión de levar cara a Santiago de Compostela este novo centro de investigación que, pola súa vez, foi facilitada polas xestións da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago diante da USC para a cesión de dependencias e campos experimentais na Escola de Veterinaria.

A primeiros de abril do ano 1921 Cruz Gallástegui tomaba posesión de dúas magras dependencias e media hectárea de campo experimental que lle ofrecía a Escola de Veterinaria, así como dun axudante e 10.500 pesetas anuais de orzamento. Ao novo centro decidiron chamarlle “Misión” Biolóxica de Galicia (MBG), seguindo unha moda que por aquela época existía no mundo investigador americano para a denominación de proxectos e centros de investigación. A MBG permaneceu en Santiago ata o ano 1926, un ano despois de que fose suprimida a Escola de Veterinaria, por ter un número moi escaso de alumnado. Aínda así, nese cativo período e cos poucos medios dispoñibles, iniciou os traballos experimentais necesarios para a obtención de millos híbridos co illamento dun centenar de liñas puras deste cultivo. Así mesmo, comezou a hibridación de castiñeiros do país con especies resistentes á tinta e a determinación dos números cromosómicos das crucíferas co obxectivo posto na mellora destes cultivos. Finalmente, e dentro dun programa xeral agrario para Galicia, coa colaboración de Rof Codina, deseñou as liñas mestras dun proxecto de selección de gando vacún e porcino.

Despois de moitas incertezas que mesmo fixeron temer pola existencia da MBG, en 1927 Ramón Blanco, enxeñeiro xefe da Sección Agronómica de Lugo e bo coñecedor dos traballos de Gallástegui, fálalle dos problemas da Misión e do interese da súa permanencia en Galicia a Daniel de la Sota, presidente da Deputación de Pontevedra. Logo dunha xuntanza con Gallástegui, decide acoller en Pontevedra a MBG, á que lle ofrece instalacións, campos de ensaios e un orzamento dobre do de Santiago, que a JAE acepta sen moitos problemas. No padroado de que dependería este centro, ademais das deputacións galegas, figuraban tamén, entre outros persoeiros, Juan López Suárez.

No pazo de Gandarón en Salcedo (Pontevedra) comezaría a nova xeira da MBG, que, en contra do que se podería pensar, se iniciou cos traballos para a mellora do gando vacún, defendendo a utilización das razas do país fronte á tendencia dominante de substitución polas estranxeiras (Simmental). Pero será logo a obtención dos primeiros millos híbridos dobres de Europa, coas súas impresionantes producións, a que teña unha maior proxección pública e social, de tal xeito que Gallástegui chegou a ser alcumado como “O mago das mazarocas”. En 1931 créase unha larada selecta da raza large white para a venda dos reprodutores aos gandeiros galegos co fin do seu cruzamento cos porcos do país, que co tempo chegou a ser a máis antiga de Europa.
Despois da Guerra Civil, a MBG pasou a integrarse a partir de 1945 no CSIC e Gallástegui seguiu como director ata a súa morte en 1960. Os novos directores ata hoxe foron Xusto Domínguez, Benito Sánchez, Amando Ordás e Rosa Malvar.

Finalmente, outras liñas importantes desenvoltas na MBG foron a produción de castiñeiros resistentes á doenza da tinta, o estudo da fertilidade dos solos de Pontevedra e Ourense, a mellora xenética de diferentes cultivos, coa creación dun importante banco de xermoplasma, así como varios estudos e proxectos relativos á viticultura galega.