OLLADAS SOBRE NÓS

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel explora o universo da revista Nós





Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega foi sempre para min unha referencia. Fundamentalmente como fonte histórica, a través da que comprender o ideario, sensibilidades e arelas do galeguismo do primeiro terzo do s. XX.

Resúltame moi complexo decidirme a seleccionar un texto para comentalo sucintamente (o que vén a significar deixar de seleccionar tantas outras valiosas producións publicadas polas xentes que deron contido á revista Nós).

Con todo, quero destacar nesta ocasión o artigo “A illa de Ons”. É un texto da autoría de Álvaro de las Casas, integrante dun grupo xeracional (conformado por autores nacidos nos inicios do s. XX) herdeiro dos modeladores de Nós. Fillo intelectual da cerna ourensá da xeración Nós, Álvaro de las Casas destacou desde finais dos anos 20 do pasado século pola súa elevada sensibilidade intelectual, en clave galeguista, tal e como analizamos noutrora (Diéguez, 2003).

“A illa de Ons” é un artigo que se publica no nº 131-132 (novembro-decembro de 1934, pp. 167-181). Podemos cualificalo como pioneiro no referido aos estudos interdisciplinares sobre a devandita illa galega e que segue o ronsel da macroinvestigación Terra de Melide (1933) do Seminario de Estudos Galegos. Aínda que dividido en nove apartados, a historia, a xeografía (física e humana) e o patrimonio (material e inmaterial) son o eixe central do texto. Un artigo debedor, a nivel temático e formal, das aprendizaxes que o autor recibira no seu Ourense natal da man de Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Florentino López Alonso-Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo (así como do astorgano Marcelo Macías García, tan esquecido como importante no xerminar da xeración Nós).


Uxío Breogán Diéguez Cequiel
Un texto de Uxío Breogán Diéguez Cequiel
Historiador e profesor da Universidade da Coruña

Esta web utiliza cookies. Podes ver a nosa política de cookies aquí. Ao continuares navegando, aceptas esta política.
Política de cookies +