José Antonio Gómez Segade explora o universo da revista Nós
A nosa definición autonomista
Nós : Boletín Mensual da Cultura Galega, (80), pp. 29-48.
Moitas polas da árbore da ciencia floreceron vizosas coa revista Nós, pero outras, como as ciencias xurídicas, ficaron murchas porque non chegaron a producir nin o ramalliño dun só artigo ou comentario. Ningunha información xurídica tivo o máis mínimo eco en Nós. Prima facie resulta rechamante polo currículo de moitos colaboradores, como Lois Tobío. Porén, este silencio quizais teña fondas raíces históricas parcialmente visibles aínda hoxe. A ollada popular sobre o dereito, reflectida na estampa de Castelao co cadaleito pesado e fedorento da Lex, sempre foi desconfiada e afastada. As elites galeguistas tamén asumiron a idea errada do dereito simplemente como instrumento de poder e, inconscientemente, arredárono do templo da cultura.
Seleccionei, pois, un artigo de Valentín Paz-Andrade titulado “A nosa definición autonomista”. A escolla xustifícase pola personalidade do autor, polo contido do artigo e polo seu contexto histórico. Valentín Paz-Andrade foi unhas das personalidades galegas mais sobranceiras do século XX. Intelectual de amplo espectro, empresario e home de acción galeguista, a súa pegada foi enorme en moitos campos. O artigo escolmado é un fervedoiro de ideas e as críticas do “centralismo cesarista” ou da “nugalla inhibitoria” manteñen validez, igual que o seu chamamento pioneiro ao protagonismo das mulleres “nas milicias cívicas da galeguidade”. Finalmente, tamén é unha peza histórica, porque recolle o discurso que pronunciou o Día da Patria Galega de 1930 en Vigo, acompañado na tribuna por Castelao e Otero Pedrayo. Paz-Andrade só tiña 32 anos pero xa fora director do xornal Galicia e a súa intervención agoiraba unha fecunda traxectoria para Galicia ao longo do século XX.