Mariló Candedo explora o universo da revista Nós
A muller no cancioneiro galego
Nós : Boletín Mensual da Cultura Galega, (98), pp. 26-30.
Convídaseme a que escolla un artigo orixinal da revista Nós, relevante para a Pedagoxía. Inclineime por unha achega de Xaquín Lorenzo Fernández, Xocas (Ourense, 1907-1989), "A muller no cancioneiro galego", publicada no ano 1932, en tres números: 98, 99 ("proseguimento") e 100 ("remate"), Compostela, 15-II, 15-III e 15-IV-1932; p. 26-30, 43-48 e 66-69.
No seu traballo intelectual, Xaquín Lorenzo cultivou distintas facetas, sendo as máis recoñecidas a de investigador da nosa cultura popular e o seu desempeño docente, que combinou cun grande activismo sociocultural, alentando moitas iniciativas de conservación e difusión do noso patrimonio material e inmaterial. Os traballos etnográficos de Xocas foron a chave para a súa entrada na frutífera xeración Nós e alimento constante para coñecermos de maneira rigorosa os costumes e a creatividade social do rural galego; a esencia, en boa medida, do país.
Xocas é un pedagogo social imprescindible, cuxo legado pode axudarnos a afondar no coñecemento e aprecio da cultura popular. Unha escola arraigada no seu territorio e na súa cultura debe beber destas fontes, aproveitándoas para poder coñecer, comprender e estimar as nosas orixes e evolución ao longo do tempo.
“A muller no cancioneiro galego”, publicación que Xaquín Lorenzo lle dedica a súa nai, recolle distintas cantigas e, desde o máis exquisito respecto, preséntanos diversas e mesmo encontradas percepcións sobre a muller galega. O cancioneiro é un xeito de literatura popular asociada ao vizoso encontro comunitario. Neste caso, constitúe un escaparate dos diferentes canons sobre a aparencia física das mulleres, costumes e, particularmente, as relacións amatorias. A súa carga lúdica é moi motivadora para entendermos a evolución das mentalidades sociais sobre o universo feminino.
As cantigas escollidas por Xocas parécenme un recurso educativo moi versátil para un traballo por proxectos no que, de maneira interdisciplinaria, poidan converxer materias diversas (música, ciencias sociais, lingua e literatura etc.), achegando análises e perspectivas para unha mellor comprensión da evolución das percepcións sociais sobre o lugar das mulleres na nosa sociedade. No camiño da igualdade unha ollada retrospectiva á luz destes novos tempos pode resultar reveladora.