Dieta e saúde alimentaria

Difusión. Proxector

Dieta e saúde alimentaria

Especial

Martes, 9 de xaneiro de 2024
consellodacultura.gal
Difusión
Proxector

Dieta e saúde alimentaria

Especial

consellodacultura.gal

“Dieta e saúde alimentaria” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta ocasión, escólmanse unha ducia de vídeos nos que especialistas de diferentes disciplinas, como a nutrición, a tecnoloxía dos alimentos ou a bioloxía, explican que produtos son beneficiosos para o ser humano. Ademais, desmenten algúns mitos e alertan das consecuencias que o abuso no consumo de certos alimentos ten para a saúde.
Os produtos que inxire o ser humano teñen un impacto directo no seu estado de saúde. De feito, “a prevención de enfermidades ou o seu tratamento están moi relacionados cos nosos hábitos alimentarios”, subliña a nova entrega de Proxector, que abre co vídeo “Saúde e bos hábitos”. Nel, o divulgador David Ballesteros incide na importancia de coidar a alimentación e realizar regularmente exercicio. Mentres, en “Nutrición e cancro”, Antía Pérez Vázquez explica a conexión que existe entre o estado nutricional das persoas e o risco de padecer algúns tipos de cancro, ao tempo que indica como se poden mellorar os niveis nutricionais a través dunha dieta saudable.

O peixe, o pan ou o leite forman parte do grupo de alimentos que teñen un impacto positivo no organismo das persoas. No caso dos lácteos, son unha fonte de calcio para os ósos. Porén, este pode obterse tamén doutras comidas como os ovos, as verduras (espinacas, brócoli, repolo...) ou os froitos secos, segundo indica Jen Gunter no vídeo TED “Por que ter ósos sans implica moito máis ca beber leite”. Ademais, en “Como afecta o que comes ao teu intestino”, a doutora Shilpa Ravella afonda en cales son os produtos alimenticios que axudan a manter unha microbiota sa. A entrega inclúe tamén dúas pezas audiovisuais sobre a calidade dos produtos galegos: “Gastro(E)Ciencia. Análise científica do produto galego”, na que se reflexiona sobre a variedade de alimentos propios de Galicia, e “‘Pan Galego’ con garantías”, na que se achega o xeito tradicional de elaborar este produto, que conta dende 2018 co selo Indicación Xeográfica Protexida.

Os mitos que se xeraron arredor dalgúns destes alimentos é outro dos eixes temáticos sobre os que pon o foco o novo especial de Proxector. En “Comer peixe na súa xusta medida” explícase que, malia ser un alimento esencial na dieta, existen crenzas que xeran a desconfianza dos consumidores e consumidoras. Vinculadas sobre todo coa industria da acuicultura, Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos na USC, fala do control sanitario ao que se somete a produción acuícola. Ademais chama a atención sobre a necesidade de investigar o impacto que os microplásticos poden ter no organismo das persoas e sinala as limitacións no consumo de certas especies de peixe que deben ter en conta algúns sectores da poboación debido ao seu alto contido en mercurio. Pola súa banda, en “Mesturas alimentarias, indixestas só na nosa cabeza” alúdese a que non hai combinacións de alimentos que, dende o punto de vista sanitario, poidan ocasionar un perigo para a saúde. Así, recomendacións como non mesturar a inxestión de lácteos e froita derivan da sabedoría popular, pero carecen de fundamento científico.

A nova entrega afonda tamén nos perigos que ten eliminar certos alimentos da dieta. Sandra Román, técnica superior en Dietética, fala no vídeo “A cultura anti-dieta” arredor da necesidade de manter unha relación saudable coa alimentación. Mentres, en “Xaxún intermitente: unha dieta con beneficios e riscos aínda incertos”, a profesora e investigadora en Nutrición da USC Rosaura Leis aborda os riscos que esta práctica pode ocasionar na saúde.

Completan o novo especial de Proxector un recurso audiovisual sobre o xeito en que se transmiten as enfermidades alimentarias e as medidas que se deben adoptar para evitalas, e outra peza sobre o consumo de azucre e os máis de 56 nomes diferentes cos que este glícido se agocha nas etiquetas dos produtos.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.
 
Difusión.
Proxector
Dieta e saúde alimentaria
Especial
Data de publicación
Martes, 9 de xaneiro de 2024
Onde
consellodacultura.gal

Santiago Turismo