Partindo de enfoques prácticos e dinámicos, especialistas en nutrición, seguridade alimentaria, tecnoloxía dos alimentos ou bioloxía explican nesta selección de audiovisuais para a docencia como inflúen as decisións alimentarias que tomamos na nosa saúde.
Por unha banda, fálannos da gran diversidade de produtos propios nos que imos atopar beneficios para o noso organismo: o pan, o leite, o peixe...
Pola outra, da transmisión de enfermidades alimentarias, das consecuencias dos abusos e tamén de mitos sobre dietas, combinacións de alimentos e outras informacións que carecen de rigor científico inda tendo moita influencia na sociedade.
Non hai receitas máxicas pero sabemos que a prevención de enfermidades ou o seu tratamento están moi relacionados cos nosos hábitos alimentarios. Estes doce vídeos afondan en tales aspectos. Coas ferramentas de busca de Proxector podes localizar máis.
Imaxe: Santiago Turismo
Saúde e bos hábitos
Charla didáctica (52´ 10´´), dirixida a alumnado de secundaria, na que o divulgador David Ballesteros expón, cun enfoque lúdico e práctico, como inflúen os bos hábitos de vida na nosa saúde. En concreto, aprenderás que aspectos relacionados coa alimentación e co exercicio físico debes ter en conta para manterte san.
Esta actividade desenvolveuse o 9 de maio de 2019, no marco da décimo cuarta edición de Galiciencia.
Medidas para evitar a xeración de enfermidades de transmisión alimentaria (I)
Vídeo de divulgación científica (4´ 55´´) no que a bióloga Tatiana Díaz Castro nos explica as diferentes medidas que cómpre ter en conta para evitar a xeración de enfermidades de transmisión alimentaria (ETAs). Trátase da primeira entrega dunha serie de tres vídeos sobre seguridade alimentaria difundidos na canle Cociñando ConCiencia.
Outros vídeos da serie:
-Medidas para evitar a xeración de enfermidades de transmisión alimentaria (II)
-Medidas para evitar a xeración de enfermidades de transmisión alimentaria (III)
Gastro(E)Ciencia. Análise científica do produto galego
Vídeo divulgativo (33´ 17´´) no que o cociñeiro Pepe Solla convoca arredor dunha mesa do seu restaurante a profesionais de diferentes ámbitos da ciencia (oceanografía, xeoloxía, bioloxía, meteoroloxía, etc.) para degustar varios alimentos e reflexionar, con argumentos científicos, sobre a gran diversidade e calidade dos produtos propios de Galicia.
Na conversa participan, ademais de Pepe Solla, Mateo Rodríguez (biólogo e especialista en pesca), Ana Lage (meteoróloga en Meteogalicia), Francisco Casanova (doutor en Xeoloxía), Camino García (xefa de investigación do Centro Tecnolóxico da Carne), Pilar Soengas (doutora en Bioloxía e especialista en cultivos) e Alexia Luca de Tena (enóloga).
A iniciativa foi realizada por Esmerarte Industrias Creativas, ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.
Nutrición e cancro
O Fondo Internacional para a Investigación sobre o Cancro advirte nos seus estudos de que “o noso estado nutricional (o que comemos e bebemos, o activos que somos e a cantidade de graxa corporal que temos), inflúe no risco de moitos tipos de cancro no adulto, pero tamén dende e antes do nacemento”.
Neste vídeo divulgativo (18´ 28´´) a nutricionista Antía Pérez Vázquez lémbranos que entre un 30 e un 35% dos factores de risco de padecer cancro están relacionados cos nosos hábitos alimentarios e explícanos que debemos entender por alimentación saudable e cales son os obxectivos da terapia nutricional nos pacientes oncolóxicos.
Esta charla tivo lugar en outubro de 2020, no marco das actividades formativas organizadas polo Hospital Universitario Lucus Augusti.
A cultura anti-dieta
Vídeo divulgativo (9´ 09´´) no que Sandra Román, técnica superior en dietética, nos pon en alerta sobre a actual sobreexposición, a través das redes sociais, a mensaxes tóxicas relacionas coa "cultura da dieta". Na súa charla ofrece algunhas recomendacións para evitar esta información pouco científica que a miúdo xera frustración e confusión, co obxectivo de que todos e todas poidamos manter unha relación saudable coa alimentación.
A charla tivo lugar o 12 de febreiro de 2023 no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do programa de divulgación científica "A foto 51", organizado polo Concello de Pontevedra, en colaboración co xornal GCiencia e o programa Efervesciencia (Radio Galega).
Por que ter ósos sans implica moito máis ca beber leite
Charla de TED (3´ 35´´) na que Jen Gunter nos fala da importancia de termos un sistema esquelético saudable. A doutora Gunter cóntanos cal é a estrutura dos nosos ósos e explícanos en que consisten os procesos de eliminación e substitución óseas. Descubrirás tamén que tipo de exercicios físicos e que tipo de alimentos (ademais do leite) son beneficiosos para que os nosos ósos se manteñan sans.
Tradución ao galego de Penny Martínez.
Como afecta o que comes ao teu intestino
Vídeo de TED (5´ 09´´) no que aprenderás que o noso microbioma intestinal está composto por billóns de bacterias, virus e fungos que descompoñen os alimentos que inxerimos, producen nutrientes importantes para o noso organismo, regulan o noso sistema inmunolóxico e protéxennos contra os xermes daniños. Pero que alimentos son os máis recomendables para manter unha microbiota saudable? Cóntacho a doutora Shilpa Ravella.
A tradución ao galego desta peza é de Sandra Mariño-Cortegoso e foi galardoada co primeiro premio do #TEDSaúde 2022, na modalidade de membros da comunidade da USC.
«Pan Galego» con garantías
Charla divulgativa (8´ 29´´) na que Nerea Fernández Canto, doutoranda na Cátedra do Pan e do Cereal da USC, nos fala das características dos cereais autóctonos de Galicia e nos explica como se elabora o pan de xeito tradicional, recoñecido desde 2018 coa indicación xeográfica protexida: IXP “Pan Gallego / Pan Galego”.
Esta charla forma parte das sesións do DivulgaTerra 2020.
Mesturas alimentarias, indixestas só na nosa cabeza
Seguramente oíches nalgunha ocasión que non se pode tomar unha laranxa despois dun produto lácteo, ou que non se debe beber auga cando estás comendo castañas ou polbo. Teñen algunha base científica este tipo de recomendacións alimentarias? Neste vídeo divulgativo (5´ 04´´) Nicolás Piedrafita, nutricionista e investigador en Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria na USC, explícanos que non hai combinacións alimentarias que sexan máis desaconsellables ca outras desde o punto de vista sanitario, aínda que nos lembra que determinadas persoas deben ter especial precaución se son alérxicas a un determinado grupo de alimentos, e que algúns fármacos non deben mesturarse con certos alimentos para que estes non interfiran nos efectos desexados.
Esta peza forma parte da serie #DesmontadoMitos, elaborada polo xornal GCiencia.
Comer peixe, na súa xusta medida
A Axencia Europea de Seguridade Alimentaria estableceu en 2019 algunhas limitacións ao consumo de determinadas especies de peixe debido ao seu alto contido de mercurio e a FAO demanda investigar máis sobre os efectos dos microplásticos na nosa saúde. Estes feitos, unidos á desconfianza que xera a industria da acuicultura, provocan certas dúbidas entre a poboación xeral sobre os beneficios de comer peixe.
Neste vídeo divulgativo (5´ 08´´), pertencente á serie #DesmontadoMitos de GCiencia, Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos na USC, fálanos dos beneficios do consumo de peixe tanto para a poboación infantil como adulta e da seguridade alimentaria na produción acuícola, recoñecendo tamén que efectivamente existen determinadas especies con alto contido de mercurio (polo tanto hai sectores de poboación que deben limitar o seu consumo) e que temos que incrementar a conciencia social para reducir o uso de plásticos.
Azucre: agochado a simple vista
Vídeo (4' 03'') en que se describe a presenza do azucre oculto na nosa dieta.
Aínda que parece doado de detectar en doces, refrescos e xeados, agóchase tamén en alimentos onde non o esperarías --como a manteiga de cacahuete, a salsa para a pasta e incluso a mortadela! Neste vídeo TED-Ed, Robert Lustig descifra etiquetas confusas e moitos alcumes do azucre para axudarnos a determinar canto dese doce carbohidrato entra nas nosas dietas.
Xaxún intermitente: unha dieta con beneficios e riscos aínda incertos
Neste vídeo divulgativo (4´), pertencente á serie #DesmontadoMitos de GCiencia, Rosaura Leis, profesora e investigadora en Nutrición na USC, fálanos do xaxún intermitente, dos posibles riscos que ten esta técnica para a nosa saúde, así como das alternativas que existen para controlar a nosa inxestión de enerxía de xeito máis saudable.