Documentación SocietariaCustodiar, preservar e difundir a memoria da emigración galega son as finalidades principais do Arquivo da Emigración Galega. Un dos feitos máis salientables da colectividade galega no exterior foi a fundación de asociacións de moi diversa tipoloxía (asistenciais, instrutivas, culturais, mutualistas, recreativas etc.) nas que os e as emigrantes ademais de atopar axuda e protección mutua na súa vida cotiá tamén conseguiron manter viva a cultura e os costumes da nosa terra nos países onde se asentaron, creando espazos de sociabilidade propios. A colectividade galega creou entidades para manter viva a lembranza do terruño e enviar remesas coas que contribuír ao desenvolvemento da nosa terra.
Neste proxecto o AEG pon a disposición das persoas interesadas os fondos xerados por estas institucións que ao longo dos anos se foron recompilando para a súa preservación e difusión. Libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ... estarán na nosa web para a súa consulta.
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Asociación Casa de Galicia
Bos Aires, 21 de setembro de 1933 ata a actualidade
Xoves, 28 de novembro de 2024 consellodacultura.gal
Libros de actas, estatutos e varios folletos de actividade é o material pertencente á Asociación Casa de Galicia de Bos Aires que o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Uns documentos que permiten achegarse ao coñecemento desta sociedade asentada na capital arxentina que continúa a organizar actividades culturais, recreativas e de apoio á colectividade.
A documentación que o Arquivo da Emigración Galega (AEG) vén de facer pública reflicte a historia dunha colectividade destacada da emigración galega na capital Arxentina. A Asociación Casa de Galicia foi creada, segundo aseguran os Estatutos, para “ «solidaridad, cultura, arte, regionalismo y recreo [...] se dará protección mutua de ayuda a los gallegos residentes en la República Argentina, prestando apoyo y concurriendo a la defensa de sus derechos cuando fueren vulnerados”. Na traxectoria desta entidade organizáronse cursos de idiomas, de contabilidade, de caligrafía, de artes.... mercou un edificio na rúa San José que segue a ser a súa sede social a día de hoxe aínda que conta tamén cunha zona recreativa chamada Airiños na zona de Quilmes. Viviu unha etapa esplendorosa nas décadas do anos 1940 e 1950, e destacou pola súa defensa da cultura galega, participando nas diversas homenaxes aos guieiros da mesma e apoiando a campaña a prol da autonomía de Galicia e da República. Airiños é tamén o nome da publicación que editaron e do coro de música e danzas que foi de grande relevancia no ano 60. O material xa está dispoñible para consulta.
Historia da Asociación Casa de Galicia
A sociedade Asociación Casa de Galicia ten unha xénese peculiar, xa que parte do descontento doutras sociedades. En 1918 un grupo de emigrantes galegos residentes na capital arxentina fundaron unha asociación cultural cunha clara vocación galeguista baixo o nome de “Casa de Galicia”. Naceu froito da fusión de varias entidades como “Orfeón Gallego Primitivo”, “Agrupación Artística Gallega”, “A Terra”, “Coral Gallega” e “Orfeón Gallego”. En 1920 puxeron en marcha o xornal Acción Gallega que funcionou como voceiro social en cuxas páxinas defenderon as súas ideas a prol de Galicia persoeiros como Eduardo Blanco-Amor, Gerardo Álvarez con Rodolfo Prada como director. Axiña chegaron problemas económicos e disensións coa directiva, que provocaron a marcha dun grupo de asociados que crearon unha nova sociedade “Nueva Casa de Galicia”, non exenta de leas internas.
Foi o 21 de setembro de 1933 cando un grupo destes socios desconformes reúnense para tratar a «refundación» da antiga Casa de Galicia da que hoxe se suben materiais. Contou cunha comisión provisoria integrada por Manuel Riguera Montero, que tamén exerceu como primeiro presidente da asociación, Domingo González (secretario), Emilio Monelos, José Maceira, Enrique Fernández, Argemiro Pereira, Octavio Taboada, entre outros, que fixeron un chamamento público a todos os socios e socias descontentos da entidade para que se uniran a eles.
O proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega
O AEG puxo en marcha en febreiro deste ano o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.