Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
Visita o Álbum de Galicia
Álbum de Galicia
Manuela Cambronero
Mércores, 18 de xuño de 2Difusión
Manuela Cambronero
Manuela Cambronero
Álbum de GaliciaO Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Manuela Cambronero (Lugo, 1821- Santiago de Compostela, 1853). Unha das primeiras mulleres dramaturgas en castelán, escritora tamén de prosa e poesía, adscrita á corrente literaria do romanticismo. Iris Iglesias Segade é a autora da entrada que está dispoñible no web do CCG.
A entrada do Álbum de Galicia comeza poñendo o foco na recuperación da descoñecida figura de Manuela Cambronero. Asegura Iris Iglesias que “foron as súas destrezas literarias as que lle permitiron gozar de recoñecemento no seu tempo, sortear e denunciar coa pluma os numerosos obstáculos que se interpuxeron no seu camiño polo mero feito de ser muller”. Publicou a súa obra en revistas galegas como Recreo Compostelano ou Galicia: Revista Universal de este Reino, ademais de outras publicacións a nivel nacional como Revista de Teatros. Foi a primeira muller española en publicar unha novela en Venezuela, ademais de colaborar coa prensa americana da época, e escribiu obras de teatro como Safira, que se estreou no Liceo de Valladolid. A entrada destaca a “necesidade de revalorizar a obra desta autora, posto que manifesta características inherentes á corrente romántica como o abatemento do mal du siècle, a teima pola mors immatura (que excedeu a ficción) ou a constante exaltación afectiva”.
Ao longo dos anos 40, escribiu relatos e novelas curtas que se incluíron en Pensil del bello sexo, na revista El Espósito ou na Colección de novelas El Ramillete da Sociedad de Recreos Literarios de Cádiz. Na súa faceta poética, a autora salientaba pola súa serie de composicións líricas e poemas como A una rosa marchita ou os romances que adicaba á súa amiga e tamén poetisa, Amalia Fenollosa, quen lle contestaba con outros versos publicados en prensa. A maior parte da obra poética da autora, atópase dispersa en revistas e xornais sen unha catalogación precisa. Parte da súa obra caracterizábase por defender a liberdade de expresión das mulleres con versos como Dolor ou La cautiva. Destaca a autora na entrada que “foi unha das pioneiras na loita pola liberdade de expresión das mulleres, xunto a contemporáneas tan relevantes nos estudos de xénero como Carolina Coronado”.
Naceu en Lugo, trasladouse moi nova a Valladolid onde pasou boa parte da súa vida. Casa en 1849 co dentista Lorenzo Caballero Pasturot, regresa a Galicia e instálase na Coruña onde seguiría escribindo novela e colaborando na súa actividade literaria co Liceo herculino. Morreu en Santiago polas complicacións derivadas do terceiro parto e o viúvo regresa a Valladolid. A escritora gozou dun fondo recoñecemento no seu tempo e puido falar dende a súa pluma das problemáticas que se atopaban as mulleres polo feito de selo e a súa falta de liberdade.
A entrada do Álbum de Galicia inclúe unha galería con reproducións dalgunhas das publicacións da autora, como poemas, capítulos das súas obras ou as portadas do drama en cinco actos, Safira e as coleccións de poemas de Pensil del bello sexo na que participou.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 770 entradas, das cales as máis recentes son as de Ángel Brage, Elsa Sánchez de Oesterheld, Xoán Manuel López Eirís ou Alfredo Vicenti. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.


