Xosé Núñez Búa (1903-1981) / Colección: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo / PROXECTO EPÍSTOLAS / FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Colección: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo

----

Xosé Núñez Búa (1903-1981)
Colección: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo

Mestre, avogado e xornalista. Director do Colexio León XIII en Vilagarcía de Arousa. Secretario de Propaganda do Partido Galeguista e vicepresidente da Deputación de Pontevedra en 1936. Ao comezo da Guerra Civil, Valentín Paz-Andrade axudouno a cruzar a fronteira de Portugal. Exíliase en Bos Aires.
Temos 5 epístola/s relacionada/s con Xosé Núñez Búa (1903-1981) en Colección: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
1965-04-21
Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1965
Magdalena (Arxentina) - Vigo
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1965 en 21/04/1965

Magdalena, 21.4.1965


Sr. D. Valentín Paz-Andrade
Vigo


Querido Valentín:

Me chega a túa que farei seguir a Villamarín, que anda sorteando os imponderables de sempre pra levar adiante a cousa o máis rápido posible.
En canto ó apartado 9 en que ofrecías unha fórmula gandeira intensiva coma solución do agro, inda que estiveses no certo é innecesaria nun mensaxe posto en boca do Centro Galego, quen non ten porque dar solucións técnicas dos problemas senón pedir que os problemas se estudien. Unha vez conquerida unha concencia ou unha dinámica de protección para o campo é cando vas a ter ocasión de discutir cos inxenieiros agrónomos, e cos labregos, as solucións técnicas. ¿Che parecería ben que o Centro Galego planificase no mensaxe o equipo de pesca de costa? No é isa a función do Centro.
Pero ademais é que os técnicos parece ser que son os que non aceutan pra Galiza isa solución empezando polo inesquecible Gallástegui, (as condiciós ecolóxicas do campo galego no cambiaron dende que il falou) seguindo por seu continuador Blanco (que dimpois de tres anos acó, ó frente da estación experimental de Pergamino, ó voltar a Galiza o deixáchedes ir pra Zaragoza). E fala, ademais, cos agrónomos do Servicio de Concentración Parcelaria que xa encetan a ter eisperiencia da cousa.
As concrusións extraídas de Dinamarca, Holanda, Bélxica, etc., honradamente non serven máis que azuzar porque as condicións interno-externas de istes países non se dan na nosa terra. Istes países son soberanos e si a alguén explotan e a outros pobos foráneos. O labrego galego pertence a un pobo explotado, cercado, nin siquera ten unha protección do precio dos seus produtos; viven catro por Ha. de terra cultivada cando unha Ha. mantén con dificultade a dous animales. (E isto según estadísticas bastante dubidosas por englobar moitas terras que pra iles non contan. 160 ferrados no Castro non producen máis que fruta agusanada. Son da miña familia. Poño por diante ista aberración que me toca a mi e do que hai moitísimo en Galiza).
Non é válido como motivo de atracción o feito de que en Europa a carne sexa un artículo de luxo porque nosos gandeiros teñen visto fustrada moitas vegadas o señuelo do precio, pois cando empeza a ser remunerativo, aparecen uns señores, entre iles noso amigo Álvaro Gil, que importan a carne de acó. (Sen comento). ¿Que pasou coa produción aviar?. ¿De que lles valeu a gran produción obtida o ano pasado, non soio en Galiza? Tiveron que regalar os ovos por camións, e isto no é hipérbole, desgraciadamente. O negocio en iste caso o fixo a SWIF de Chicago. Fronteiras adentro os americanos garantizan o precio ós seus produtores agrícolas; fronteiras afora teñen outra lei. De outro xeito o SWIF non podería, sinxelamente, roubar.
Non sería, por demais, nengún demérito pra ti que non estivésemos de acordo co teu pensamento sobre o campo. O fin e o cabo ti eres peixeiro. Pro non se trata da disconformidade, senón do inadecuado do lugar pra expor ista custión. Namentras, deixa aos nosos labregos que a seu anaco real de terra lle saquen a maior produción posible pra poder vivir e pra alimentarnos a ti e a min. E ir pensando os de Pescanova en darlle outra aplicación á fariña de peixe, pois se chegades a alimentar con ila ós porcos e ós vacúns eu me quedo acó definitivamente, vaia coño!. Se ve que ti non comiches porco alimentado con fariña de peixe.
Estou ben seguro que a ti non che pesará que se lle houbese suprimido isa parte. Núñez Búa, con quen xantei onte, o atopei moito millor, ate pelexouse comigo. Boa señal. De ista non morre.
Eu, se me dan permiso, estarei por ahí sobre mediados de Maio, pro seguirei a Francia con Mimina dende Madrid. Terémoste informado de cómo andan as cousas.
A Pilar e a Alfonso nosa lembranza, e a cordial aperta a ti de

[Isaac Díaz Pardo]

1966-04-24
Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1966
Vigo - Magdalena
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1966 en 24/04/1966

Vigo, 24/4/1966


Sr.D. Isaac Díaz Pardo
Cerámica Celtia S.A.
FF.CC. Magdalena (La Plata)


Querido Isaac:

Eres o demo… De min din que son home de vontade… os que sempre tuveron pouca. Se conoceran a túa teimosía rebaixarían moito os grados d-aquel xuizo.
Onte escribín a Villamarín. Fíxeno despois de cavilar tres ou catro días no contido da túa carta e d-outra que Pepe tamén me escribiu. Non tiña mentes de sahír de Samil n-este vrao, despois d-un viaxe que nos meiados de maio debo facer a Francia, d-outro que acabo de facer a Guinea Ecuatorial e Canarias, e d-outro ao mesmo destiño que me agarda pra o outono. Agora ben, aínda que non sexa merecente de tanto, estimo canto procede do Centro e de Villamarín e non podo decir que non.
Dicíalle ao Presidente que, sin se deixar infruír por afeccións que están por enriba de todo, deben escoller o nome que mellor vaia ao proveito da laboura que o Centro ven facendo. Eu podo ben pouco e, ademais, non todos aceitarán de bon grado que eu volva a ser invitado. Debedes ter en conta todo, antes de que a Comisión de Cultura decida.
Si o viaxe se fai, coido que nin Pilar nin Alfonso irán comigo. Pilar quere pasar co-a nai, que está en máis de 80 anos, os días que eu poida andar por fóra. Alfonso quere ir de San Johán a agosto até Oxford, onde ten compañeiros e pode deprender inglés. Non quixera estar en Bos Aires máis de 8 ou 10 días, e cecais faga o retorno por Lima, pra conocer algo do Perú, que é unha páxina en branco da miña xeografía americana.
Sospeito que non tes recibido unha carta que debín escribir en marzal, nos primeiros días. Tamén lle escribín a Núñez Búa duas ou tres cartas, que deben andar n-algunha morea sin repartir na capital das folgas postaes. Pepe non se da conta do que ten á beira, e malla en min supondo que eu non contesto. Que lle queres…
Moitas gracias e a máis forte aperta de

Valentín

Falei con Mimina por teléfono e todo vai ben alí.

1966-11-24
Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1966
- Vigo
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1966 en 24/11/1966

24/XI/1966


Sr. D. Valentín Paz – Andrade
Vigo


Querido Valentín:

Recibo a túa do 13 cte. e tomo boa nota de canto en ela me dis. Entregueille a súa a Núñez Búa.
Agradezo moito túa precupazón de que Camilo non pampeirice. Teño confianza en que non, inda que botara por acó amores, e istes, polo intre non llos vexo. Hai moitas mais cartas que xogan nil por Galiza. Non teño ningún temor nise senso. Se o tivera nono houbese traguido. Pro isto lle ven moi ben. E máis duro o clima que o rodea e fica mais perto das discipriñas nas que eu, en coincidencia co que desexa il, quixera faguelo.
O do Centro Galego coido que vai ser recuperabre. Hai ambente para elo. As xentes decatáronse do que perderon por non ter o reloj en hora e por tirar cada un pola súa banda. O Mourente xa recibiu dúas labazadas, xusto de dous inteleituaes. Seoane deixou un sobre pechado coa súa renuncia pra o caso de que gañase. E Vilanova, (cuio libro Los Gallegos en la Argentina acabara de rematar Luis con cuio esforzo e con 300.000 de pesos que lle custou o Centro Galego pudo pubricarse. O Vilanova, digo, negouse a recibir a entrega do libro de maus de Mourente, iso que iste na súa campaña eleitoral gabouse de que era o patrocinador do libro porque no premio que lle dira o centro il puxera 20.000 pesos. Craro que o Mourente gabouse de todo, tamén de que ti e Del Riego erades os administradores dos premios seus en Galiza. Polo de agora na diñidade distes dous inteletuaes atopou a forma do seu zoco. Eu tamén me manifestei pra que non quedaran dúbidas. E non será difícil que ista coyuntura a unha gran unidade e a creazón de un gran semanario. Xa falaremos.
A responsabilidade do trunfo de iste home está en seu aproveitamento das circunstancias do país e na traición de Estévez que se puxo á súa beira falsificando un telegrama que lle faguía firmar a Villamarín apoiando o Mourente. Afortunadamente, mais que nada pra Villamarín, eu cheguei a tempo de faguer unha desmentida pubrica a víspera de eleiciós. Pode dicirse que se non fora por iste treidorzuelo Mourente perdería por catro mil votos. Non se comprende que poda haber semellante cras de tipos.
O importante sería que a iste home se lle inmobilizase en levar adiante seus disparates e non tivese mais remedio que seguir cercano á liña que ven seguindo o Centro. Dentro de dous anos se elixe vicepresidente, e il non é tan parvo coma pra non decatarse que seu pequeño marxe (38 votos) os ten por unha trampa, etc.
Nista liña vos, os que tivechedes algunha relación co Centro, invitados, etc. da terra, poderiades axudarnos moito. Pensa que si vos fórades capaces (non poño en dúbida vosa capacidade cualitativa de valor moral para faguer as cousas. A capacidade á que me refiro é a de atopar a coincidencia e porse de acordo) forades capaces, digo, de enviar ó Centro Galego unha carta na que manifestarades vosa inquedanza pola sorte que poda correr a laboura cultural que veu desenrolando o Centro, pregando que súa política cultural de defensa das cousas de Galicia, coa que acadou prestixio no mundo, non sexa abandoada. Simplemente con algo así nos haberiades axudado moitísimo. ¿Que dis? ¿Habería posibilidade de faguer isto? Se fose perciso eu podería escribirlle a Risco no mesmo senso. Polo intre a cousa debería limitarse ós que tivéchedes relación co Centro: ti, del Riego, Sabell, Pedrayo, Martínez López, González López, Tobío, Dieste, Blanco Amor, Camilo José Cela, etc. Emilio…
Se isto o pudérades faguer unha copia tería que chegarnos a nos pra lle dar a pubricidade que eles non lle darían. Ti verás. Pensa que o traballo merecería a pena. Isto no é somente noso se non tamén voso.
A direución da revista ofrecéronlla a José Blanco Amor. Iste tipo en Faro de España lle pegou a puñalada máis trapera que se pode concebir ó seu homónimo Eduardo, até meténdose coa súa conducta púbrica e privada.
Perdoa a lonxitude de ista. Son un animal.
Pra voltar inda non teño proieutos.
Ti non deixes que Alfonso se che quede pola Gran Bretaña. Fan falla xentes en Galiza que crean nela, e Alfonso cree.
De Camilo e de min fondas lembranzas pra ti e para Pilar cunha aperta tensa e cordial.

[Isaac]

1985-07-07
Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1985
Sargadelos - Vigo
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1985 en 07/07/1985

Sargadelos, 7 de xullo de 1985


Sr. Don Valentín Paz Andrade
Vigo


Benquerido Valentín:

Ti me habías dito que os debuxos de cego de Castelao que fixera pra o Galicia os versos pertencíalle tamén. Un dos dibuxos que se expuxo na mostra que orgaizamos, propiedade do Banco de Bilbao, o verso é de Castelao, está sobre o mesmo dibuxo e correxido retocado, por el mesmo. Seoane no seu Castelao Artista, dí que estarían improvisados por periodistas amigos ainda que ten escoitado que os versos eran de Castelao.
Os versos dos dibuxos que publica Luis, algúns non traen firma algunha, mais outros están firmados por R.B., P.V. e W.C.S. Si tes algunha idea de cómo era esto agradecereicha. Estamos a facer seis cegos en memoria de Castelao. Cada un leva nas costas un dos versos. Dado o contido político que teñen si non están feitos por Castelao están inspirados por el. Como se vai facer unha notiña histórica acompañando ás pezas, gostaríanos precisar ese dato. Graciñas.
A familia de Núñez Búa mandoume moitas cousas del: escritos, a maior parte deles xa publicados, moitos sobre cooperativismo, algúns inéditos. Hai cartas de Otero, de Carro, e tamén túas. Hai que facer un traballo de compilación, pois penso que unha selección de traballos, publicados ou non, recuperarán a memoria deste home que mantivo unha conduta exemplar para Galicia. Entre os papeis, que ainda non puden ver ben, veñen os orixinais do Castelao Artista, de Seoane, e o Castelao escritor, de Eduardo Blanco Amor. Estes dous traballos e outro mais, Castelao Político de Súarez Picallo, foran encargados no ano 50 polo Consello de Galicia. Díxose que só Seoane dira cumplimento ó encargo, e eu así o rexistro na solapa da reedición de Castelao Artista. Agora resulta que o traballo de Blanco Amor existiu xa dende o ano 50, e ademais é un formidable estudo que todavía está vixente. ¿quen sabe si tamén foi escrito o Castelao Político por Suárez Picallo?.
Pra un libro no que se compilasen os traballos de Núñez Búa ti terías que facer unha nota limiar relembrando a súa vida. ¿quen senón?. Eu buscaríate datos. Algúns teño que te poderían dar suxestión de relembros. Falaremos destas cousas e de moitas máis. Hai que recuperar esta memoria.
Nada mais por hoxe. Non te deixo en paz. Semella que sigo pra ti o mandado de Unamuno: que Deus non che dé Paz e si Gloria.

Apertas tensas, voso Isaac

1986-06-08
Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1986
Sargadelos - Vigo
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1986 en 08/06/1986

Sargadelos, 8 de xuño de 1986


Sr. D. Valentín Paz Andrade
Vigo



Benquerido Valentín:

Seguín a túa doenza e vexo que vas pra adiante e non te arredas. Me felicito. Velahí vai o índice e o limiar do libro que lle imos facer a Núñez Búa, bótalle un ollo e indícame o que che pete. Sería ben que o libro levase unhas líneas túas, ben encabezándoo ou ben a modo de epílogo. Ti verás. Non quero ser teimoso nisto pois son consciente de que non se che pode agonear masis do que todos, todos, agoneámoste.
Ímonos ver axiña durante este mes en dúas ocasiós. Unha delas o 29 pra te festexar en Trasalba.
O libro de Núñez Búa non baixará de 350 páxinas en letra miuda. Nada máis. Adiante.
Apertas tensas a ti, a Pilar, a todos.

Isaac