Arturo Souto (1902-1964) / Colección: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo / PROXECTO EPÍSTOLAS / FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Colección: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo

----

Arturo Souto (1902-1964)
Colección: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo

Artista plástico, fillo do maxistrado e pintor Alfredo Souto Cuero. Foi un artista, moi moderno, capaz de captar os máis variados ambientes, desde as festas populares ó mundo do mar e da mitoloxía.
Temos 2 epístola/s relacionada/s con Arturo Souto (1902-1964) en Colección: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
1962-04-07
Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1962
Samil -
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1962 en 07/04/1962

Samil (Vigo), 7/IV/1962



Queridos Isaac e Mimina:

Primeiro de todo, nosa condoencia máis sinceira pol-a morte de D. Alicio. Anda o vira pouco tempo denantes de cair, nos pasillos da Audiencia da Cruña. Sempre falabamos de vós. Eu non sospeitaba que levara dentro unha sentencia de morte fulminante.
Camiliño e os irmaos escribíronme unha carta moi xeitosa, que lles contestéi. Despois escribíu a tía Lola, sempre co seu esprito aceso. Por todos estes informes e pol-os vosos directos supoñemos que estaredes xa co pé na estribeira ¿do barco? ¿do avión? Se facedes o viaxe por mar non deixedes de saudar en Santos ao meu camarada Valentín Montero Vázquez, a quen lle escribín n-estes días comunicando a desgracia, pois non debía saber nada. Vive en Luís de Faría, 21 e ten o tel. 45-215. Ou tiña.
Nós estamos vivindo a rente d-este fermoso areal, c-un escenario de illas que nin feito de encarga. Como eu non poderéi acudir ao barco, cando cheguedes, si é n-este mes, irá Pilar no noso carro. Cómpre que nos avisedes.
Eu ando agora c-oa reeducación articular, que é moi doorosa. Os musclos e os tendóns afanse a inactividade e custa moito remover a ferruxe que toman as visagras, Non sei canto durará isto, mais xa dura demasiado.
Pilar traballóu moito eiquí, pra acomodar provisionalmente a casa. Hoxe atópase algo doente, mais coidamos que será unha pasaxeira contrariedade.
O demais todo parez camiñar a paso canso e pol-os vieiros trillados. Ou será que me semella ser así as cousas, agora que eu vivo condenado a inmovilidade. Non sei o que durará aínda, pro sospeito que teño pra máis d-un mes.
En maio agardamos que chegue Souto de México. Tamén anuncian o retorno Jesús Bal e Carlos Velo. Colmeiro segue en París deica o vrao.
Pilar e Alfonsiño –este en Santiago- suscriben estas liñas e vos mandan, co-as miñas, suas mellores apertas.

Valentín

1962-05-14
Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1962
Vigo -
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1962 en 14/05/1962

Vigo, 14/5/1962


Querido Isaac:

Recibimos vosa carta do 27, co-a boa nova da volta de Mimina. Cando esta chegue cecais teña embarcado xa. Escribín a Losada, que ten intrés en mandarme os libros recentemente ilustrados por Luís, pra que os mandara por Mimina. Pol-o demais, non temos cousa algunha a traguer d-esa xenerosa terra, máisime no intre pol-o que ven pasando. Hai tempo que quixera ter o primeiro libro de tapas de Seoane, mais xa séi que non se atopa.
Sospeitamos que Mimina chegue nos primeiros de San Johan. Eu non estaréi aínda en condicións de ir ao porto, se ben escomenzo a moverme algo, co-a axuda da muleta. Pilar irá a agardal-a. Na tua carta falas de que vén na Dodero, mais non dices o barco.
O día 21 desembarca na Cruña o pintor Arturo Souto, con 50 coadros. Ven cheo de anceios por revivir na Terra, mais non sei se permanecerá eiquí. En Vigo ten unha irmá e sobriñas. Sei que tamén veu Jesús Bal, aínda que non aparecéu por Vigo. Cecais ande por Madrid. Só sei que estivo en Sant Yago, coa muller.
Onte estuvo a verme Otero Pedrayo, que está feliz co seu Premio. É pena que o premio teña patronímico, pra unha executoria tan limpa coma a de Ramón. Quixen dicir algo d-esto n-un artigo que me pediron os do Faro, mais non pudo ser. Armouse unha pequena revoldaina, deixáron-o dun día pra outro, viñeron a rogar enmenda… e tiven que eliminar o introito discriminador das dúas figuras morales.
Tamén Risco anduvo n-estes días por Vigo, aínda que non o vin. Fixo declaracións, ben asisadas, e supoño que está ben consolado cos cinco votos. Filgueira foi o que decidéu a votación. Tamen é o mais político no vello senso da verba.
¿Cando tomas o avión? Supoño que deixarás as cousas en forma de durar máis nas estancias galegas. E que d-esta, a de Antón Baltar será a definitiva. Os Dieste viñeron hai unha semán por eiquí, e volven a estar en Rianxo. E Luís ¿pensa en verdade na volta definitiva?
Nada máis. Lembranzas a Pepe e os demais amigos, co-a mellor aperta pra ti de

Valentín



[Engadido a man:] Será posible conquerir Lonxe, de Lorenzo Varela? Teño vellas ganas de o ter.