Agrario, El
emigración
Periódico agrario xurdido como resposta da sociedade de emigrantes ao peche do xornal agrarista e anticaciquil El Despertar, editado en Salceda baixo a dirección de Joaquín Fernández Sestelo. Nun primeiro momento aparece como La Voz del Centro, para adquirir posteriormente esta denominación, máis acorde coas súas finalidades. Pois, a pesar de ser o órgano de expresión da sociedade e recoller información sobre esta (actividades, noticias sociais, asembleas etc.), a maior parte da publicación reflicte a súa preocupación pola actualidade española e da comarca desde postulados agraristas. O número analizado é un extraordinario, no que abundan os artigos referidos á situación política española ("Actualidad Española, "Mirando a la España futura, "Los foros" etc.), reflexións políticas de tendencias socialistas e cooperativistas ("Los milagros de la cooperación en Dinamarca"), notas pedagóxicas ("El problema del analfabetismo en España", fragmentos de La Escuela de E. Médicis) e artigos sobre agrarismo, contando coa colaboración de Pablo Iglesias, Joaquín Costa, C. Malagarriaga, L. Araquistain etc.
Outra sección da publicación está destinada a reproducir as novas locais da comarca. E, por último, aparecen colaboracións literarias de temática galega con obras de Roxelio Lois, Curros Enríquez, Victoriano Taibo, A. Rodríguez Elías etc.
0


