Colección: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo

----
Temos 4 epístola/s relacionada/s con enfermidade en Colección: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo
Data Título Orixe-Destino Tipo [ O. ]
Data Título Orixe-Destino Tipo [ O. ]
1958-05-25
Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1958
Vigo -
epístola Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1958 en 25/05/1958

Vigo, 25 maio 1958


Querido Isaac:

Demoréi un pouco a resposta a tua do 31 de marzal, para poder facelo agora despois da obriga cumprida. O libro, en dous exemprares, xa estará no Centro Galego, cando recibades, ti e Pepe Núñez, estas liñas. Escribín, ademais, a Abelardo Estévez, para que si non necesitan, como supoño, mais que un exemplar, vos facilite o outro. Podedes, pol-o tanto, pedirllo, pois teño intrés en coñecer a vosa opinión, denantes de que a imprenta faga irremediabre calquera fallo. Como se trata de libro de certo fondo, que pretende situar nun terreo fértil e práctico os problemas mais anguriosos e abandoados secularmente, da nosa Terra, toda suma de opinións é moi de ter en aprecio. E mais, si son vosas.
A revista a que te refires, anunciada como bi-mensual, non voltóu a sahir. Supoño que o fará con retardo. E, desgraciadamente, sin que os verdadeiros intresados na economía de Galicia se enteiren do seu contido. Pol-o demais, as estratificacións mentaes son sempre irremovibles. De quen as padeza se non pode agardar nada. Morrerá co seu mal. Só nos queda deproral-o e cristianamente axudal-o no que se poida. Supoño que a forza de enseñar a orella cada un ficará como quen é.
Intentéi falar con Moisés da tua insinuación sobre a fabricación de Rosenthal en Burela. Non puden coincidir aínda con el. Supoño que estará enteirado e que moverá o que poida en contra. N-estes días viñeron a Galiza os dirixentes alemáns, mais non sei con que intencións.
Xavier vai algo millor, mais non se coida doada a sua recuperación total. Tamén Pilar melloróu das súas molestias, sin normalizal-as.
Cecais dentro de dous días vaiamos ao Castro. Unha fábrica de artigos de goma, d-eiquí, quixera encargarvos moldes de porcelana, e teñen intrés en que leve a un dos xerentes, coincidindo c-unha vista que teño na Audiencia. De Mimina e os nenos recibimos carta derradeiramente.
De Cabanillas as novas son ruíns. Sigue en Sant Yago, onde quixeron tratarlle un cáncer de párpado. Optaron por radial-o, mais atópase mal. Tamén Maside tuvo outra recaída n-estes días. Son xa tan frecuentes que coido que [non] resista moito máis. Teño temor de que a cousa se poña moito peor. Cuevillas tamen anda mal. Ten derrames repetidos que non permiten agardar recuperación. Gómez Román foi operado por Beiras de cataratas. Tamén tuvo unha compricación. Parece que vai algo millor.
E nada mais. Supoño que os fornos xa estarán botando fume. Deséxovos moito ben na aventura industrial, e teño seguranza de que será así.
Apertas cordiaes de

Valentín

1962-04-07
Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1962
Samil -
epístola Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1962 en 07/04/1962

Samil (Vigo), 7/IV/1962



Queridos Isaac e Mimina:

Primeiro de todo, nosa condoencia máis sinceira pol-a morte de D. Alicio. Anda o vira pouco tempo denantes de cair, nos pasillos da Audiencia da Cruña. Sempre falabamos de vós. Eu non sospeitaba que levara dentro unha sentencia de morte fulminante.
Camiliño e os irmaos escribíronme unha carta moi xeitosa, que lles contestéi. Despois escribíu a tía Lola, sempre co seu esprito aceso. Por todos estes informes e pol-os vosos directos supoñemos que estaredes xa co pé na estribeira ¿do barco? ¿do avión? Se facedes o viaxe por mar non deixedes de saudar en Santos ao meu camarada Valentín Montero Vázquez, a quen lle escribín n-estes días comunicando a desgracia, pois non debía saber nada. Vive en Luís de Faría, 21 e ten o tel. 45-215. Ou tiña.
Nós estamos vivindo a rente d-este fermoso areal, c-un escenario de illas que nin feito de encarga. Como eu non poderéi acudir ao barco, cando cheguedes, si é n-este mes, irá Pilar no noso carro. Cómpre que nos avisedes.
Eu ando agora c-oa reeducación articular, que é moi doorosa. Os musclos e os tendóns afanse a inactividade e custa moito remover a ferruxe que toman as visagras, Non sei canto durará isto, mais xa dura demasiado.
Pilar traballóu moito eiquí, pra acomodar provisionalmente a casa. Hoxe atópase algo doente, mais coidamos que será unha pasaxeira contrariedade.
O demais todo parez camiñar a paso canso e pol-os vieiros trillados. Ou será que me semella ser así as cousas, agora que eu vivo condenado a inmovilidade. Non sei o que durará aínda, pro sospeito que teño pra máis d-un mes.
En maio agardamos que chegue Souto de México. Tamén anuncian o retorno Jesús Bal e Carlos Velo. Colmeiro segue en París deica o vrao.
Pilar e Alfonsiño –este en Santiago- suscriben estas liñas e vos mandan, co-as miñas, suas mellores apertas.

Valentín

1971-09-03
Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1971
Sargadelos - Vigo
epístola Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1971 en 03/09/1971

3.9.1971



Sr. D. Valentín Paz Andrade
Vigo


Querido Valentín:

Sei de vosas derradeiras novas por Seoane cando estivo ahí. A min foime imposible baixar ás terras quentes de Galicia. Luís vos terá informado da miña doenza: un ruidiño fino e cabrón como unha chispa eléutrica que me atravesa a cabeza casi constantemente. O García Sabell emperrouse en faguerme un tratamento casi todo a base de sedantes que me engordaron 8 kilos e me aumentaron moito mais o ruidiño ise. Ando desesperado.
Boeno, falarche a ti de doenzas coas que ti tes enriba e perto semella cáseque unha cousa feita a mantenta pra te agonear mais.
Hoxe veño por outra cousa. Tíñasme falado de que había aparescido un depósito de álbums Nos de Castelao. Agora isto intresábame coñecelo, é dicir: confirmalo, e si posible fose coñecer si semellante depósito podería mercarse. Cantidade e precio. ¿Qué podes dicirme disto? Agradeceríacho e se fose posible axiña, millor.
Supoño que terás recibido dende o Castro toda clas de información cas ampliaciós do Museo Carlos Maside. Eu estou de continuo por Sargadelos e baixo o Castro soio de 15 en 15 días ou cando hai algunha inauguración disas.
De calquer xeito cando pase un pouco o calor quero chegar a Vigo. Avisareite.
Non quero molestarche mais. Agardo tuas novas. Garimosas lembranzas pra Pilar e pra todolos teus e un abrazo forte e devoto pra ti de

[Isaac Díaz Pardo]

1971-09-15
Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1971
Vigo - Cervo [conc. Cedeira, prov. CO]
epístola Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1971 en 15/09/1971

Vigo,15 de setiembre de 1971



Sr. D. Isaac Díaz Pardo
Cerámica de Sargadelos
Cervo (Lugo)


Querido Isaac,

Teño nas maos a túa do 3. Algo sabía da túa doencia, e de que Domingo te tiña en tratamento. Doime ben decatarme agora pol-o que me dices, que aínda non se consigueu reducir as molestias.

Eu que tamén teño bastantes, fágome cargo do que andarás a sufrir. Teño fé en que Domingo consiga descubrir a causa, e por cura a un contratempo tan desacougante. De calquera xeito terás que afrontar o problema apurando todal-as posibilidades médicas de que se dispoña. Ben sabes canto nos desexamos a volta a tua plenitude vital.

No tocante ao outro asunto de que tratas na carta, temos que falar persoalmente. A viuda de Castelao viña dispondo d-este pequeno resto, e deixou eiquí uns cantos exemplares sobrantes. Do destino e do dereito a disponer d-eles, é do que compre falar. Pol-o momento non pode facerse outra cousa.

Teño recibido as informacións sobre os avances do Museo Carlos Maside. Felicítote porque esta criatura vosa medre de xeito tan lucidio.

Cecais pase pol-o Castro con obxeto de mercar alguhnas cousas o miércoles 22, pois nesa data teño que asistir a unha vista na Cruña. Trátase d-un compromiso persoal, pos d-outro xeito non asistiría.

Na casa seguimos co drama da miña sogra, que nos ten a todos e sobre todo a Pilar ben agoniados.

Fago os mellores votos porque recobres a tua saude, coa máis forte aperta do teu sempre incondicioal amigo,

Valentín