Exposición de Luís Seoane. Madrid. 1963

----
Temos 2 epístola/s relacionada/s con emigración en Exposición de Luís Seoane. Madrid. 1963
Data Título Orixe-Destino Tipo [ O. ]
Data Título Orixe-Destino Tipo [ O. ]
1964-03-21
Carta de Neira Vilas a Seoane. 1964
Nova YorkA Habana - Madrid
epístola Transcrición

Transcripción da Carta de Neira Vilas a Seoane. 1964 en 21/03/1964


A Habana, 21 de marzal de 1964

A Luis Seoane e señora
Madrid

Amigos moi queridos:

Parece que foi onte cando deixamos Bos Aires, e vai pra tres anos. Parece mentira. Sempre tiven unha noción fuxidía do tempo, porque decote me parece escaso, pero nestes trinta meses a cousa resultoume máis veloz ca nunca. Tanto hai que facer e crear aquí e tan a gosto se fai, que non se sinte o paso do tempo. Porque aituar en Cuba, anque se trate do labor máis modesto, é sentirse útil, sentirse protagonista de algo, moi importante no seu conxunto. Este país é un laboratorio en moitos aspectos. E é o centro do mundo nalgúns outros. E o caso é que o povo –antes degradado e corrompido– síntese aitor desto, sinte o seu camiño como seu, como propio. Esto faime lembrar, anque máis por referenza que por esperencia propia, o primeiro quinquenio dos anos trinta, vividos por vostedes. Talvez aquelo fose máis importante, pero é o mesmo entusiasmo creador.
Percurarei sintetizar o noso quefacer aquí. Eu sigo na Empresa Automotriz, do Ministerio de Industrias, agora a cargo do departamento de Intercambio, que comprende as seiciós de Abastecimientos (compras), de Entrega de Productos (vendas) e Xurídica. As Empresas chámanse Consolidadas porque abranguen producciós afís. Hai 52 Empresas industriales, divididas en Básicas e Lixeiras. Esta (Automotriz) ten 23 fábricas de productos diversos e neste ano incorporaranse sete máis, entre elas dúas totalmente novas, con tecnoloxía checa, de buxía de encendido e bicicletas, e outras máis de carrocerías pra ómnibus. Manexo ben este mecanismo, anque ten a súa complexidade, debido ó tempo que levo aquí, e eso permíteme adicar enerxías ás miñas cousas (enerxías e tempo, que no comenzo nin tiña). Escribo unha seición fixa na revista Bohemia (sae cada quince días) chamada Tribuna de Quejas, onde satirizo o burocratismo, os malos métodos de traballo, etc. Son unha especie de precursor nesta maneira de criticar dende dentro. Tamén pubrico cada tanto artigos no diario El Mundo sobre temas literarios, e outros. Dei remate á novela galega Camiño bretemoso (o protagonista é un galego, un emigrante frustrado que chegou á Arxentina alá polo ano 1914 e pasou gran parte da vida na Patagonia). Escomencei este traballo alá (en Bos Aires) e trouxen o resto de material accesorio que me facía falta. Deille remate fai máis dun ano. Tamén terminei un livro de contos (Xente no rodicio), un livro breve, con 16 narraciós. Teño en proieito algúns cadernos de contos pra nenos, en castelán. Concedéronme un premio nun concurso literario de Ministerio de Educación, por un texto de lectura pra 5º grado. E esto, en síntese é todo.
Anisia tamén escribe. Colabora mensualmente na revista Mujeres, con temas latinoamericáns (folklore, tradiciós, historia, etc.) Outuvo un premio de teatro infantil e outro de centos, tamén pra nenos. Traballa na Editora Juvenil, como coordinadora de ediciós, con Herminio Almendros (amigo de Otero Espasandín) e con Carpentier que é o director da Editorial Nacional. Dende fai catro meses por encargo de Carpentier quedouse a cargo da Editorial (de administradora) pra superar certas dificultades, pero xa feita unha reestructura, nova, anque tamén colaborei, volta nestes días ó seu trafego na juvenil, que é o que lle intresa realmente.
Esta é en síntesis á nosa vida, o que pode engadirse aitividade en milicias, círculos de estudos políticos, etc. Como digo no comezo: un vivir intenso e agradable.
Souben do seu premio e felicítoo sinceiramente. Tamén da esposición de grabados de Coruña e da de Madrid. Pero sei que en tres anos –dacordo coa súa capacidade inmensa de traballo– a súa obra vai máis alá destas dúas grandes mostras. Sei que lle non gosta escribir cartas, pero quixera ter unha moi longa, con moitas novas, sobre todos os problemas de cultura galega, obra súa, perspectivas do livro galego en Galiza e Bos Aires, situación aitual da plástica galega, etc., etc. E tamén dos nosos políticos. Todo o que vostede creía interesante.

E por hoxe namais. Cariños de Anisia e pra Maruja. Unha grande aperta de

Xosé Neira

[Manuscrito na marxe esquerda:] Calle 4 nº 19- Apto. 13 Vedado- La Habana- (Cuba).

1971-00-00
Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1971
- Vigo
epístola Transcrición

Transcripción da Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1971 en 00/00/1971

1971
Aos leitores de A Nosa Terra

No número 515 do periódico A Nosa Terra, correspondente a Decembro do ano próisimo pasado, pubrícanse duas notas que me aluden. Unha delas anónima, tidoada “Olimpo de palla”, e, a outra, contida na seición tidoada “Revoldaina”.
As notas son craramente inxuriosas. Tecidas encol de mentiras caloñosas, de pantasías e adicadas a oferecer unha imaxe miña que contribuia ó meu descreto. Non fai falla esta carta pra os que me coñecen desde que tiña dazaoito anos, amigos ou nemigos políticos, pois eles saben da miña honestidade e da lealtade con que decote servín ós meus ideaes. Mais o autor anónimo de “Olimpo de palla” e o da “Revoldaina” percuran con seguranza outro tipo de leitor, cecáis o leitor mozo que non seipa ren de historias persoaes e de conductas.
Puntualizo, numerando as respostas, ás argalladas das duas notas:
1) Na audición de Galicia Emigrante do 8 de novembro de 1970 á que se alude na tidoada “Olimpo de palla”, non me referín de nengún xeito ó galeguismo de “Irmandade Galega”, entidade da que son un dos primeiros asociados, nin A Nosa Terra senón, sen que se poida estabelecer a procedencia da pubricación, referinme vagamente a unha inxusta interpretación da conferencia en castelán pronunciada por Rafael Dieste co gallo da inauguración do Museo Carlos Maside, no Castro (Dieste ten pronunciado nesa oportunidade duas conferencias, unha en castelán e outra no noso idioma). As afirmaciós, pois, do autor anónimo de “Olimpo de palla”, e das que se fai responsábel, naturalmente, a direición, de que aludín a Irmandade Galega e ó seu galeguismo, é unha descarada mentira. Gardo no meu arquivo, a disposición de quen queira leéla, a nota pasada pola radio.
2) Teño unha modesta, mais ben coñecida aituación púbrica a traveso de coarenta anos e unha longa laboura feita, xusgada púbricamente, pra que se me supoña “ousecuente ós manexos de círculos tradicionalmente nemigos da nosa Terra”. Esquecer esa traietoria miña pra o ataque ruín parésceme unha bergallada.
3) Calquera que tivese seguido a audición de Galicia Emigrante sabe que decote destaquéi coa amplitude necesaria os aitos importantes do galeguismo nesta cidade. Galicia Emigrante foi, dende o seu comezo, unha audición galeguista. Sábeno quenes viñeron seguindo a sua traietoria. A disposición de quenes queran coñecela están as aproisimadamente 750 crónicas feitas por mín dende fai 15 anos e mais as efemérides comentadas con esprito galeguista.
4) Comentei o tema de O país dos ananos de Celso Emilio Ferreiro, poñéndolle aqueles reparos polos que podíalles parecer a moitos un ataque ós emigrantes en xeral, aínda tendo coma adaxe os compoñentes dunha institución de Caracas que pola miña parte repudio. Fixeno porque matino que o tema da emigración é moi comprexo, mais destaquéi, non embargantes, o valor indiscutíbel de C. E. Ferreiro na poesía galega de hoxe e a bondade formal do libro, sabendo que o importante pra un poeta é que o leitor esté dacordo cos valores da súa poesía e non con un tema determiñado. Non podía menos de destacar ese valor, pois coñezo cuasi toda a obra de Ferreiro, a publicada, e aínda algunha da non publicada, a escrita en galego e en castelán, dende denantes de 1936, dende Cartafol, seguindoo dende entón. Outras vegadas, tamén por Galicia Emigrante radial, fixen o eloxio dos seus libros anteriores, algo que esqueceron os meus calumniadores, percisamente cando eles iñoraban a C. E. Ferreiro, ou parecían iñoralo, pois non falaban dél nas suas publicaciós.
5) Os que escriben xuicios críticos supostamente de caráiter literario, en notas coma a referida a Rafael Dieste, tratan de realizar unha laboura inteleitual, neste caso pouco patriótica e política. Supoñer que é mais importante a cantidade de obra que a calidade désta é descoñecer o fundamento da obra de arte. Penso que moita xente ten oportunidade de crear obras inteleituaes superiores ás feitas polos meus “cofrades” e por mín. O que sí que hai que traballar e creálas. Pola miña parte alegreime sempre de calquer novo aporte á cultura galega, e moitas vegadas destaquéino con eloxio aínda vindo de xentes con quenes non simpatizaba. E non fun eu quén clasiquéi os inteleituaes en de primeira e segunda. As obras clasifican ós inteleituaes.
6) Calquer direitivo do Centro Galego nos anos que dirixín a revista desa entidade, vinte, en duas épocas, pode dar conta da miña conducta e da miña laboura na revista Galicia e nas comisiós de cultura. Saben que endexamais fun un “axionllado” coma se me atribuie dun xeito canalla. E mais, tiven grandes disgustos en distintas oportunidades pola miña independencia de caráiter. Tampouco puxen en dúbida a laboura de A Nosa Terra. Nunca abrín xuicio crítico encol deste periódico, e moito menos sobre Irmandade Galega.
7) O autor da nota anónima “Olimpo de palla” aitúa, ao meu parecer, coma axente provocador. Acaso sexa. Bota afrontas pra que elas rolen. Eispuxen en Madride na Dirección General de Bellas Artes en 1963. Trátase dunhas salas, coma as do Museo de Arte Contemporáneo, das que poden dispor artistas que teñen unha traietoria, sexan ou non españoles. Alí eispuxeron decenas de artistas democráticos. Unha das derradeiras foi, percisamente, a grande mostra do escultor Alberto Sánchez, morto no eisilio, que foi presentado nun catálogo importante por Pablo Picasso, Pablo Neruda e Rafael Alberti, cun currículum feito polo arquiteito eisiliado Luis Lacasa. Alí eispuxeron outros artistas galegos nada dudosos politicamente. De todo esto

Supóñovos enterados de todo esto.
Unha aperta grande. Deica Maio. Saudos dos dous pra Evelina e pra ti. Outras apertas.
Seoane