O plenario acordou recoñecer o traballo de Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros na promoción da lingua e cultura galega coa súa máxima distinción. As Medallas do Consello da Cultura Galega foron creadas en 2018 para recoñecer a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de xeito especial nos servizos prestados ao Consello da Cultura Galega ou á cultura galega en xeral. Este recoñecemento pretende situar a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o importante peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea. A entrega das medallas terá lugar nun acto presencial que se desenvolverá no primeiro trimestre de 2026.
Os anteriores homenaxeados foron Luis García Montero e Helena González en 2022; e Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Laborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato, en 2018.
Os homenaxeados
Francisco Díaz-Fierros (Vilagarcía de Arousa, 1941) é doutor en Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela. Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola nesta universidade, participou activamente na investigación sobre solos galegos, climatoloxía agraria, interacción solo-auga e o efecto dos incendios forestais. Ademais da súa actividade científica, Díaz-Fierros defendeu unha visión humanística da ciencia, realizou ensaios e traballos sobre a relación entre a ciencia, a cultura e o galego. Foi un dos membros fundadores do CCG onde tivo diferentes cargos de responsabilidade. Impulsou a creación da Sección de Ciencia e contribuíu a manter unha liña de traballo continuada que prestou atención á cultura científica e a promover publicacións científicas en galego.
Kathleen Nora March (Rochester, Nova York, 1949) é unha filóloga e investigadora estadounidense especializada en estudos hispánicos, latinoamericanos e portugueses, con especial dedicación á literatura galega. Doutorouse en Filoloxía Hispánica e foi profesora de Español na University of Maine, onde tamén dirixiu o Centro de Estudos Galegos. Boa parte da súa carreira estivo orientada á tradución, difusión e análise crítica da literatura galega, nomeadamente da obra de Rosalía de Castro, co que contribuíu de forma notable á proxección internacional da literatura galega. En 1985 fundou a Galician Studies Association, xénese da actual Asociación Internacional de Estudos Galegos, creada co obxectivo de promover a investigación no eido das letras galegas desde a academia norteamericana e despois ampliada ao ámbito internacional. No CCG foi a impulsora e coordinadora científica do proxecto Seara, un espazo web que ofrece en galego e en inglés unha escolma que percorre a historia da literatura galega.
Avance de programación para 2026
O Consello da Cultura Galega celebrará en 2026 o 150 aniversario da aparición do xornal O Tío Marcos d´a Portela que abrirá unha liña de traballo que prestará atención aos medios de comunicación en galego. Na programación figuran accións vencelladas á defensa da lingua, da cultura e dos dereitos sociais en consonancia coa figura homenaxeada co Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño. Haberá novas edicións do Concerto das Letras Galegas e de do programa didáctico musical No bico un cantar que en 2026 se celebrará en Vilalba. Outra das liñas prioritarias para o vindeiro ano será a atención as transferencias culturais derivadas dos procesos migratorios e o reforzo en acción exterior, así como a análise dos modelos de transmisión memorial ademais numerosas accións vencelladas ao estudo e divulgación do patrimonio natural e de paisaxe.
Balance do trimestre
O plenario tamén deu conta do balance do terceiro trimestre do ano. Entre o 14 de xullo e o 23 de outubro realizáronse 24 actividades, das que 5 foron cesión de espazos a outras entidades. Neste período elaboráronse 6 informes, entre os que destaca O gasto en cultura na Administración local en Galicia e Un país coa súa lingua. Foro participativo que contén 96 medidas de carácter propositivo para recuperar o vigor do galego. A programación estivo marcada pola variedade nos formatos das actividades (xornadas, propostas escénicas, concertos e mesas de debate). Este trimestre tamén deixou iniciativas destacadas como “Diplomacia e cultura”, sesión que xuntou por primeira vez na institución ao corpo consultar acreditado en Galicia onde se salientou a importancia da diplomacia cultural e da necesidade de crear un espazo de comunicación e de coñecemento mutuo entre a lingua e a cultura galega, e as linguas e culturas dos países cos que mantén vínculos históricos ou presentes. No apartado expositivo, realizáronse sete itinerancias de catro das exposicións que mantén activas a institución.


