Nada na Coruña, Isabel Martínez-Barbeito y Morás criouse nun ambiente ilustrado, progresista, republicano e liberal. Dende nena, participou xunto coa súa nai, a pedagoga e escritora María Barbeito y Cerviño, en iniciativas de labor asistencial para promover a educación e o benestar social dos menores e colectivos máis desfavorecidos. En 1934 ingresou na Universidade de Santiago de Compostela para cursar a licenciatura en Filosofía e Letras (sección de Historia), mais o estalido da Guerra Civil paralizou a súa formación. Finalmente, licenciouse en 1942 na especialidade de Arquivos, á que accedeu tras cursar durante o seu último ano de carreira as materias correspondentes a esta rama do coñecemento.
En 1948 tomou posesión como secretaria técnica do Museo Provincial de Belas Artes da Coruña. Dous anos despois, gañou a praza de bibliotecaria e arquiveira municipal da cidade herculina e converteuse “na primeira muller en ocupar este cargo”, tal e como subliña Susana Guitar Novo na entrada que asina no Álbum de Galicia. Do seu labor cómpre destacar a organización que levou a cabo do Arquivo Municipal, cuxos fondos estaban sen inventariar. “É ela quen establece a división da documentación en Arquivo Histórico e Arquivo Administrativo, consolidando así o sistema actual segundo a idade dos documentos”, continúa. Durante a súa traxectoria profesional, Isabel Martínez-Barbeito foi tamén conservadora do Museo de Relojes do Concello da Coruña e bibliotecaria na Cámara de Comercio (1969-1984). Ademais, desempeñou o cargo de tesoureira (1952-1954) e secretaria (1954-1961) da Asociación de Artistas da Coruña e, entre os anos 1964 e 1988, foi membro de número e secretaria-conservadora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.
“A súa faceta profesional vai sempre da man do seu activismo cultural”, subliña Susana Guitar, quen explica como Martínez-Barbeito deu a coñecer os fondos e as coleccións que ela xestionaba a través de diferentes actividades de extensión cultural, como exposicións. Así mesmo, participou en congresos e colaborou con cabeceiras como o Boletín de Información Municipal, a Revista do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, a revista La Coruña ou o xornal La Voz de Galicia. Neste último, durante o tempo que traballou no Museo de Belas Artes da Coruña, escribiu unha sección periódica na que, baixo o título “Desde el museo”, divulgaba as obras dispoñibles na colección da institución. Posteriormente escribiu “Notas de un archivo” (1964-1969 e 1978), unha sección centrada en difundir os fondos do Arquivo Municipal da Coruña e na que fixo “importantes achegas para a historia da Coruña”, afirma Susana Guitar. En 2004 publicou unha compilación deses artigos na monografía homónima Notas de un archivo. Xunto con esta obra, Isabel Martínez-Barbeito é a autora tamén do primeiro Catálogo dos fondos do Museo de Belas Artes.
A nivel persoal, destaca a rede de contactos que teceu ao longo da súa vida, na que se atopan persoas destacadas da cultura e da política galegas da época, como Victoria Armesto, Mercedes Alsina Gómez-Ulla, Mercedes Fernández España, Pilar Menéndez Artuña, Luís Seoane ou Salvador de Madariaga. Arredor da figura deste último conversou nunha entrevista que Constantino Cabanas lle fixo a José Prat en Radio Nacional de España o 1 de xullo de 1986 e cuxo fragmento se pode consultar entre os materiais que se inclúen na súa entrada do Álbum de Galicia.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 690 entradas, das cales as máis recentes son as de Manuel Soto Freire, Marcial Valladares, Manuel María e Andrés Martínez Salazar.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. É o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.


