O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou na presentación que “o Concello de Tui, como institución, non pode ser allea a figura de Francisco Sánchez, nin de todas aquelas persoas que ao longo da súa vida e da súa traxectoria xogaron un papel importante no noso legado cultural, patrimonial e histórico”. Lembrou coma por acordo plenario o edificio da antiga Área Panorámica pasou a denominarse “Francisco Sánchez”, así coma o programa de actividades organizado dende a institución municipal para “por en valor a figura deste tudense”. A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, salientou que o obxectivo desta xornada, prevista para o próximo martes, é “dar a coñecer a figura de Francisco Sánchez”. O secretario do Consello da Cultura Galega, Silvestre Gómez Xurxo, indicou que a través desta xornada “poderemos coñecer moito máis de cal foi o seu papel, e a súa figura e cal era o seu escepticismo”.
Programa da xornada
A xornada comeza cunha intervención a cargo de Rafael Sánchez Bargiela que centrará a biografía da figura homenaxeada. De seguido, Suso Vila abordará a ascendencia xudía de Francisco Sánchez e afondará no Tui da época e as relacións con Portugal. Sobre o perfil médico de Sánchez falará Gonzalo Gómez García, profesor da Universidad Francisco de Vitoria e remata Idalina Maia Sidoncha, profesora da Universidade da Beira Interior (Covilhã) co seu pensamento filosófico.
A xornada pecha cun concerto no Teatro Municipal a cargo do coro de cámara Vox Stellae titulado “A propósito de Francisco Sánchez “o escéptico”. É de entrada libre.
Sobre o homenaxeado
Francisco Sánchez, coñecido como “O escéptico” ou “O Tudense”, tivo un espírito polifacético, que o leva a interesarse tamén pola astronomía e a matemática. Este observador infatigable da natureza escribiu a obra Quod nihil scitur («Que nada se sabe»), que é unha referencia fundamental do pensamento filosófico europeo de finais do século XVI.
Naceu en Tui como asinou el mesmo asinou na súa insccrición na Facultade de Medicina de Montpellier no ano 1573 (“Ego Franciscus Sanctius, hispanus, natus in civitate Tudensis”). A súa familia —de ascendencia xudía— residiu en Tui entre 1558 e 1564 pois está documentada nesta localidade a seu pai, o médico Antonio Sánchez. A presión social e inquisitorial aos “cristiáns novos” obrigou a familia Sánchez a fuxir a Bordeos, onde Francisco continuou a súa formación, que completou logo en Roma e Montpellier, ata instalarse finalmentemente en Tolosa (Francia). Alí traballou como médico no Hospital de Santiago e incorporouse á universidade tolosana, primeiro como profesor de Filosofía e logo de Medicina. Morreu en Tolosa o 16 de novembro de 1623, hai agora 400 anos.
Ademais desta xornada do martes 14, o xoves 16, coincidindo coa data exacta do falecemento de Francisco Sánchez, será inaugurado un monolito, e será presentada a tradución ao galego da súa obra “Quod nihil scitur” realizada polo profesor Laureano Alonso, con ilustracións de Andrés Lamas, e editada polo Concello de Tui.





