NOTICIA

----

Remata o foro Pensar o mundo dende Galicia cunha reflexión sobre economía e cultura

A última sesión do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o seu corenta aniversario, reflexionará sobre a relación entre a economía e a cultura. “Modelos para unha economía da cultura” é o título desta xornada, que está coordinada por Xosé Carlos Arias e na que participan, entre outros, Josep Ramoneda e Luis César Herrero. O coordinador do foro, Xosé Manoel Núñez Seixas, mais o coordinador da xornada inauguran a actividade, que se pode seguir en directo dende o web e as redes sociais do CCG.

Esta cita pretende debater sobre a diversidade de relacións existentes entre cultura e economía e resaltar que, aínda que con frecuencia se esqueza, o impacto económico é unha das dimensións máis destacadas dos fenómenos culturais. “Trátase de ver os problemas, as oportunidades e os principais retos que derivan dese feito”, explica o coordinador no folleto desta edición, no que tamén subliña que estamos nun momento de especial interese.

“A cultura como valor económico” é o título do relatorio co que Luis Cesar Herrero, profesor da Universidad de Valladolid e presidente da Association for Cultural Economics International, abrirá a cita. De seguido, Josep Ramoneda, xornalista, filósofo e director da Escola Europea d’Humanitats, abordará o papel da cultura nas grandes transformacións en curso. Posteriormente, ambos os dous relatores participarán nun debate moderado polo coordinador da xornada, Xosé Carlos Arias Moreira. Pola tarde, a investigadora Diana Fernández Méndez; o director de Econcult, Pau Rausell Köster, e Mara Rey, catedrática do Departamento de Empresa da Universidade da Coruña e investigadora de Ecobas, manterán un debate arredor da relación entre a economía e a cultura no momento presente.

Foro Pensar o mundo dende Galicia
O foro Pensar o mundo dende Galicia remata logo de debater sobre a calidade da democracia, a tecnoloxía dende un punto de vista humanista, o futuro da comunicación, o feminismo e a relación entre o territorio e a identidade.

Este proxecto pretende condensar o traballo promovido dende o Consello da Cultura Galega relativo ao debate, a pescuda e a creación arredor de diversos eidos do saber, mais tamén sobre cuestións que abranguen os problemas e inquedanzas da sociedade galega no pasado, no presente e no futuro. En total foron oito citas, que arrincaron en marzo e nas que se abordaron temáticas moi presentes nas actividades da institución, como os retos presentes e futuros do feminismo, a sustentabilidade da economía global ou o papel do patrimonio e da paisaxe. Arredor de corenta personalidades do mundo cultural, científico e académico galego, ibérico e mundial participaron nesta proposta, que buscaba reflexionar, debater e profundar na interpretación dos desafíos desta terceira década do século XXI, ademais de recoller a tradición iniciada hai máis dun século pola Xeración Nós e polo Seminario de Estudos Galegos, coa intención de aspirar a repensar o mundo e a sermos unha célula de universalidade.