No seu relatorio, Luis Cesar Herrero explicou que a cultura, como sector creativo e a cultura profunda (a de cada pobo), xera fluxos económicos que son medibles con diferentes variables. A cultura supón o 2,5 do PIB en España, un 3,5 se engadimos os dereitos de autor, supón o 4% do emprego e ten un aporte relevante” apuntou. Engadiu tamén que é un sector procíclico, que se axusta ben aos cambios, máis resiliente e que contribúe á innovación e á cultura. “O que está detrás da creatividade é técnica e cultura” apuntou e marca tamén unha diferencia entre territorios. Con todo, na súa opinión, os grandes desafíos da cultura pasan, entre outros, por fixar unha definición da cultura. “Creo que temos unha inflación cultural, onte todo é considerado cultura e iso está provocando un exceso que é difícil de soster con cartos públicos” apuntou. Cómpre unha maior previsión na intervención e política cultural e puxo enriba da mesa numerosos estudos. Entre eles, un que analiza o gasto medio en cultura. “Vimos que hai diferencias entre Cataluña, Madrid, Euskadi... que gastan máis que a media en cultura, cando fomos mirar outros indicadores, descubrimos que a variación non ten que ver coa renda, senón co desenvolvemento económico, é dicir, coa concepción da cidadanía de que é un ben de primeira necesidade” apuntou. Explicou que canto máis desenvolvida é unha comunidade, máis gasta en cultura porque o considera un ben de primeira necesidade e non un luxo.
Nesa idea afondou tamén Josep Ramoneda, xornalista, filósofo e director da revista La maleta de Portbou e mais da Escola Europea d’Humanitats de Barcelona, que no seu relatorio tamén reivindicou a cultura como un ben de primeira necesidade. Segundo explicou, trátase dun instrumento indispensable para dotar de fitos referenciais o espazo social e tamén para desenvolver o espírito crítico da sociedade, ademais de constituír un factor de benestar social. Malia isto, “a cultura non é garantía de nada”, apuntou, dado que “pode ser un factor de emancipación ou un instrumento de dominación salvaxe, pero unha persoa culta ten máis recursos que unha que non o é e ten máis opcións para enriquecer a súa experiencia vital”.
Após esta reflexión, profundou nos elementos catalizadores da actitude cultural e en como, na era da cultura dixital, “a perspectiva, a esixencia, a paixón e o recoñecemento son necesarios se non queremos que a cultura se converta nun factor de des-socialización”. Tamén subliñou que o mundo dixital leva consigo “a construción de novas formas de dominación”, pero tamén “de control social e de banalización cultural”.
Chamou tamén a atención de que “a conduta consumista devora ou liquida o obxecto de desexo”, polo que “facer da cultura un simple obxecto de consumo é unha maneira de banalizala”.
Pola tarde, a investigadora Diana Fernández Méndez; o director de Econcult, Pau Rausell Köster, e Mara Rey, catedrática do Departamento de Empresa da Universidade da Coruña e investigadora de Ecobas, mantiveron un debate arredor da relación entre a economía e a cultura no momento presente.
A sesión emitiuse en streaming e os vídeos están dispoñibles para consulta na canle de Youtube da institución.






