NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a biografía do trobador Afonso Eanes do Cotón

O poeta e músico medieval Afonso Eanes do Cotón foi o autor de numerosas cantigas de amor, de amigo e de escarnio e maldicir. Contemporáneo dos mestres da lírica medieval compostelá, “destacou polo atrevido das súas composicións, sobre todo cargadas de sátira, erotismo e rexouba”, subliña Xosé Amancio Liñares Giraut. El é o autor da entrada que incorporamos ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Afonso Eanes do Cotón viviu desde finais do século XII ata arredor do ano 1250 e, malia a pouca documentación que se conserva, son varios os autores e autoras que sinalan o seu vínculo coas terras barcalesas. “Puido formar parte dunha familia da baixa nobreza dos séculos centrais da Idade Media”, apunta Xosé Amancio Liñares na súa entrada. Porén, despois dun período inicial en Galicia, trasladouse aos “territorios da Península Ibérica onde se daba o chamado proceso de Reconquista dos reinos cristiáns fronte aos musulmáns”, engade. De feito, sinálase a miúdo a súa participación na reconquista de Córdoba (1236), Xaén (1246) e Sevilla (1248).

Na traxectoria vital de Afonso Eanes, biógrafos como Xosé María Álvarez Blázquez ou Silvia Gaspar diferencian dúas etapas. A primeira alude á época en que estivo ao servizo das armas reais, inmerso nos ambientes das cortes —como a de Fernando III o Santo e Afonso X o Sabio— e ben relacionado con persoas relevantes da vida pública, artistas e soldados. A segunda ten que ver cun período de degradación e pobreza, marcado pola súa afección á bebida e ao xogo. Por mor dunha liorta, “finou a mans do seu discípulo Pero da Ponte”, quen o acoitelou “nunha taberna da Cidade Real manchega para lle roubar os seus versos”, explica Xosé Amancio Liñares. Esta circunstancia deuse “arredor do ano 1250, inda que hai quen a fixa con maior precisión en 1266”, apunta.

Con respecto á súa produción literaria, aparece divulgada en varios cancioneiros, un feito que, segundo explica o autor da súa biografía no Álbum de Galicia, era “habitual coas composicións dos trobadores da Idade Media que cultivaron a lírica galego-portuguesa”. Así, no Cancioneiro Portugués da Vaticana e mais no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa recóllense un total de vinte e catro cantigas vinculadas ao seu nome. Porén, Xosé Amancio Liñares fai alusión ás dúbidas que amosa Resende de Oliveira a respecto “da autoría dalgunhas destas estrofas como propias de Afonso Eanes, pero tamén sinala que o barcalés podería ser quen escribiu outros poemas considerados anónimos”. Ademais, “está aínda por determinar se outras dúas cantigas de amor, que forman parte do Cancioneiro de Ajuda (século XIII), poderían ser del”, subliña. Xunto coas cantigas de amor, entre as súas composicións poéticas destacan as cantigas de amigo e de escarnio e maldicir. Nestas últimas, as máis numerosas da súa produción, cultivou os principais tópicos do cancioneiro burlesco e tratou temas como os estamentos sociais, os colegas de profesión ou a homosexualidade.

A recuperación da figura deste trobador débeselle ao labor desenvolto por diversos especialistas. Entre eles, Xosé Amancio Liñares destaca na súa entrada ao escritor Xulián M. Magariños Negreira, cofundador do Seminario de Estudos Galegos e autor do traballo “Alfonso do Cotón, humorista”, publicado no número 33 da revista Nós (1926). Así mesmo, tamén chama a atención sobre a obra de Silvia Gaspar Libro dos Cantares de Afons´Eanes do Coton (1995) e sobre os traballos do profesor portugués José Joaquim Nunes, quen caracterizou a Afonso Eanes do Cotón “coma unha personalidade literaria extremadamente fascinante”.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 690 entradas, das cales as máis recentes son as de Eduardo Rodríguez-Losada, Pablo Pérez Costanti, Isabel Martínez-Barbeito e Manuel Soto Freire.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.