NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega pecha a colección Papés d'emprenta condenada con 69 novos textos do século XIX en lingua galega

O Consello da Cultura Galega presentou esta mañá o volume Papés d'emprenta condenada (III). Novos textos, reflexións finais, co que a institución pecha un ciclo de vinte e cinco anos en que se foron editando os textos, impresos e manuscritos cos que a lingua galega entrou no século XIX durante o prerrexurdimento. Os tres volumes editados supuxeron a incorporación de 69 novos textos en lingua con respecto aos que se coñecían a finais da década de 1980. Na presentación estiveron Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Xosé López García, catedrático de Xornalismo da USC e promotor da colección Papés d'emprenta condenada, e os autores da publicación, Ramón Mariño Paz, catedrático de Filoloxía da USC, e Damián Suárez Vázquez, profesor de ensino secundario. A presentación coincide coa celebración o 7 de febreiro do Día dos Medios en Galego.
O Consello da Cultura Galega pecha a colección Papés d'emprenta condenada con 69 novos textos do século XIX en lingua galega

"O contexto para estes textos é o desmantelamento do Antigo Réxime. Aí é onde xorde a lingua galega na prensa, como un instrumento útil para a loita partidista entre absolutistas e liberais", explicou Ramón Mariño Paz, aludindo ao marco temporal (1796-1846) no que se insiren os textos publicados. As facilidades da dixitalización de arquivos en todo o mundo e o seguimento das liñas de investigación posibilitaron que os dous autores puidesen finalizar o proxecto con este volume, no que se achegan 34 documentos, algúns impresos e outros manuscritos, e que enriquecen a diversidade de voces, temáticas e obxectivos dos textos producidos en galego en datas tan temperás. "Outro dos datos de interese é que 22 dos 105 textos totais para o período foron publicados fóra de Galicia, en lugares como Madrid ou Sevilla", explicou Mariño, conectando este fenómeno coas loitas políticas do momento.

Entre os textos publicados nesta ocasión, Damián Suárez destacou algúns exemplos singulares, como un sermón sobre o Apóstolo Santiago de 1801, o impreso orixinal dun chamamento en galego para a loita contra os franceses de 1808 e 1809, un entremesiño do Antroido de 1813 escrito na cadea de Santiago por Antonio Benito Fandiño, a primeira colaboración en lingua galega publicada nun medio (1812), tamén de Antonio Benito Fandiño. O libro inclúe unha cronoloxía final dos textos que permite comprender a evolución interna do propio período.

Unha orixe interdisciplinaria
Durante a presentación, Xosé López, coordinador da Sección de Comunicación nos inicios do proxecto na década do 2000, explicou que os Papés d'emprenta condenada "naceron dunha necesidade compartida entre os investigadores de comunicación, de filoloxía e de historia por coñecer as orixes da presenza do galego na prensa. Desde o xornalismo nós non podiamos analizar esa presenza sen entender como era esa lingua e as súas características".

O final dunha colección
Este volume pecha unha colección que o Consello da Cultura Galega iniciou no ano 2008. Ao primeiro libro, da autoría de Ramón Mariño, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Rosa Aneiros, Papés d’emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846 (I), seguiu en 2012 unha nova entrega Papés d’emprenta condenada (II). Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea, a cargo de Ramón Mariño e Damián Suárez. Con todo, os autores non descartan a aparición de novos documentos aínda sen localizar en arquivos e bibliotecas de todo o mundo.

O libro pode descargarse de balde desde o web do Consello da Cultura Galega.