Nun só día e ao son da canción de Jose Afonso Grândola, Vila Morena, derrubouse a ditadura salazarista en Portugal. A Revolución do Caraveis, unha das máis emblemáticas do século XX, ten fíos e conexións co noso país: a canción fora interpretada por primeira vez en Santiago de Compostela dous anos antes, o 10 de maio de 1972, e a Galicia chegou en primeiro lugar o eco ibérico da Revolución dos Capitáns de Abril, cara a onde ollaran os movementos antifranquistas de esquerda, nacionalistas ou federais, desde comezos do século.
O programa
A xornada comezará co relatorio titulado “História e memória da Revolução dos Cravos”, a cargo de Manuel Loff, da Universidade do Porto. A continuación, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Ramón Villares afondará nas transicións ibéricas, explorando as dinámicas entre revolución e reforma. Deseguido, a profesora Sofia Ferreira, da Universidade do Porto, abordará o tema da esquerda radical portuguesa e as súas relacións internacionais. Após a súa intervención, o coordinador deste encontro, Xosé M. Núñez Seixas, examinará o nacionalismo galego e as implicacións do 25 de Abril e presentará reflexións sobre as os espellos e esperanzas.
Xa pola tarde, o xornalista Marcos Pérez Pena analizará a cobertura da Revolución dos Caraveis na prensa galega durante a Transición. Seguirá o profesor Emilio F. Grandío Seoane, tamén da Universidade de Santiago de Compostela, que buscará abrir un debate sobre o futuro incerto de España despois da era de Franco.
O evento rematará cunha mesa redonda ás 18:00 horas, moderada por Xosé Fortes Bouzán e coa participación de Margarita Ledo Andión e Arturo Reguera, na que se compartirán lembranzas galegas do 25 de Abril.


