NOTICIA

----

Especialistas analizan o papel social das igrexas nos fluxos migratorios na Europa da posguerra

Asistencia humanitaria, actividades de lecer, tramitación de documentación... a asistencia social prestada polas diferentes confesións relixiosas durante os movementos migratorios producidos en Europa após a II Guerra Mundial tivo múltiples formas. Sobre elas afondaron especialistas de Italia, Francia, Portugal, Suíza e España na xornada Migracións, asistencia social e igrexas na Europa da posguerra organizada polo Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que se celebrou durante os días 23 e 24 deste mes de maio. Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración Galega (AEG), subliñou na inauguración a atención que “dentro do CCG sempre se prestou á diáspora galega”. As intervencións pódense consultar desde o web da institución.

A xornada arrincou coa intervención de Matteo Sanfilippo, da Università della Tuscia (Italia), quen profundou no labor da Santa Sé durante a II Guerra Mundial e os anos inmediatamente posteriores. En 1943, chegaron “á cidade de Roma unha masa de fuxitivos impulsados polo avance dos aliados e dos romanos, que viron os seus fogares destruídos polo bombardeo da capital”, explicou ao comezo do seu relatorio. Segundo os datos oficiais, na primavera de 1944 había 70 000 persoas refuxiadas en Roma, aínda que os funcionarios “descobren que a cidade acolle polo menos a 200 000”, unha cifra que aumenta ata os “300 000, tal vez incluso 500 000, entre 1945 e 1946”. Tras afondar neste fluxo migratorio, Sanfilippo explicou o modo en que, a partir de 1943, a Santa Sé “afrontou o problema dos refuxiados na súa propia cidade para logo exportar as solucións atopadas a toda Italia e ao resto de Occidente”. Neste labor, foi esencial o “traballo desenvolto xunto a organismos italianos e internacionais interesados no mesmo problema”, recalcou.


A asistencia prestada pola Santa Sé e a Igrexa de Xerusalén aos refuxiados palestinos desde o ano 1948 foi o tema central sobre o que tratou Maria Chiara Rioli (Università degli Studi di Modena e Reggio Emilia), após a que interveu María José Fernández Vicente, da Université de Bretagne Occidentale. No seu relatorio afondou no “papel que desempeñaron as misións católicas españolas na asistencia á colonia de españois emigrados en Francia durante os chamados Trinta Gloriosos”, un período que comprende de 1945 a 1975. Fernández Vicente comezou explicando a configuración e as características da colonia migratoria en Francia para, posteriormente, centrarse en como se xestou o labor asistencial da Igrexa católica española no país galo. As diferentes tarefas asistenciais prestadas pola rede de Misións Católicas existente na Francia destas décadas, os principais obstáculos cos que se atoparon e as estratexias que buscaron para solucionalos foron os eixes principais do seu relatorio. Así mesmo, analizou as relacións destas misións “coa trama asistencial vinculada á política migratoria franquista posta en marcha polo Instituto Español de Emigración”.


Xa na sesión da tarde, José Ramón Rodríguez Lago e Luís Domínguez Castro pronunciaron o relatorio “Igrexa e migración a Europa na Galicia dos anos cincuenta”. Rodríguez Lago centrouse en explicar “o proceso de adaptación da Igrexa española ás institucións internacionais emerxidas da posguerra en Europa”. Ademais, achegou o “papel protagonista que tiveron algúns eclesiásticos galegos nesta cuestión”, como Fernando Quiroga Palacios, Benjamín Arriba y Castro ou Ignacio Cambeiro. Mentres, Domínguez Castro centrouse na Obra do Apostolado do Mar, que tivo en Vigo e, concretamente, na diocese de Tui, “o seu principal centro de acción en España”.

O labor asistencial de cuáqueros, capeláns e relixiosas
Xunto con José Ramón Rodríguez Lago e Luís Domínguez Castro, na sesión da tarde interviñeron tamén Gemma Caballer Albareda, da Universitat de Barcelona, e mais Ana Ponce Nieto, doutora pola UNED. No caso de Caballer, o seu relatorio estivo centrado na asistencia humanitaria que despregaron os cuáqueros en 1939 e tamén nos anos da II Guerra Mundial. Neste sentido, comezou contextualizando que é o colectivo cuáquero e cal foi a súa traxectoria desde o século XVIII en tres ámbitos fundamentais: “axuda humanitaria, conflitos bélicos e desastres naturais”. Ademais, subliñou que esa aposta “polo antibelicismo e a solidariedade fíxoos merecedores do Nobel da Paz en 1947”. Tras esta primeira aproximación, centrouse na complexidade das accións que desenvolveron en Francia, un lugar “onde os españois non estaban moi ben vistos” e onde “o colectivo de refuxiados proveniente deste país acabou invisibilizado e eclipsado polo desastre dos miles de refuxiados doutras zonas que chegaron a Francia” durante a II Guerra Mundial. As dificultades provocadas por este conflito bélico fixeron que “o colectivo cuáquero acabase contra as cordas”, concluíu Caballer.


Pola súa banda, Ana Ponce Nieto explicou o papel que desempeñaron capeláns e relixiosas no contexto migratorio da Europa de posguerra. Ademais de apuntar cales foron as súas diferentes tarefas dentro das misións católicas, Ponce centrouse en analizar o xeito en que desenvolveron esas funcións desde unha perspectiva de xénero. Así, comparou diversos elementos que, “malia ser comúns a ambos os protagonistas, deron lugar a unhas consecuencias diferentes no marco do contacto que os uns e as outras estableceron coa emigración”. Por último, subliñou a importancia de “poñer o foco sobre estes factores”, xa que facelo “contribúe a explicar a desigual atención que desde a investigación se lles dedicou aos capeláns e ás relixiosas”.

As misións católicas e o movemento Juventud Obrera Cristiana
A análise sobre a axuda que prestaron as diferentes confesións, nomeadamente a Igrexa católica, a exiliados e refuxiados en países como Francia ou Suíza continuou na sesión matinal do día 24 coas intervencións de Victor Pereira, Xosé Luís Pastoriza, Luis Calvo Salgado e María José Esteban Zuriaga.

Victor Pereira (Universidade Nova de Lisboa e Université de Pau) foi quen abriu a quenda de relatorios, cunha intervención na que explicou o desafío que supuxo “a emigración de 900 000 portugueses a Francia durante os anos 1957 a 1974”. Esta vaga migratoria representou un reto “para a ditadura liderada por Salazar e, máis tarde, por Caetano”, pero tamén “para a Igrexa católica, que temía que os portugueses emigrados perdesen a súa fe nun país onde unha parte importante da poboación xa non ía ás igrexas”, indicou. Neste contexto, “a emigración foi vista como unha ameaza aos valores cristiáns que compartía a ditadura”, motivo polo cal “a finais dos anos cincuenta se decidiu enviar misioneiros portugueses a Francia para que acollesen aos emigrantes”, remarcou.

A continuación, Xosé Luís Pastoriza (Universidade de Santiago de Compostela) construíu un relato da emigración europea nos católicos galegos dos anos sesenta, mentres que Luis Calvo Salgado (Universität Zürich) destacou a importancia que tiveron as misións católicas españolas en Suíza para a comunidade galega e española emigrante naquel país. “As misións ofrecían servizos pastorais aos emigrantes de España en castelán e, ao mesmo tempo, atendían os labores de asistencia social e organizaban ofertas de tempo libre”, apuntou. A orixe xeográfica e social daqueles misioneiros e as actividades que levaban a cabo foron os puntos centrais do seu relatorio, no que tamén destacou como estes misioneiros “pronto se viron obrigados a tomar partido nos conflitos laborais e políticos” ante os problemas sociais aos que tiñan que facer fronte os emigrantes. “O período de finais do franquismo e comezos da Transición foi especialmente rico neste tipo de compromiso social e político”, concluíu.

A xornada pechouse coa intervención de María José Esteban Zuriaga, do Centro Universitario de la Defensa de Zaragoza, quen falou sobre “a actividade da Juventud Obrera Cristiana (JOC) entre os traballadores emigrados españois en Europa entre os anos 1950 e 1970”. Esteban Zuriaga explicou a estrutura e extensión desta organización no estranxeiro, os seus obxectivos e os medios que empregou para acadalos. Por último, e “sen poñer en dúbida a unidade do movemento JOC”, tal e como ela mesmo indicou, apuntou as trabas e dificultades “que xurdiron para realizar unha acción especificamente dirixida aos emigrantes”.