Este informe aborda dúas cuestións: dunha banda, analiza a porcentaxe aproximada da actividade ou volume de negocio das entidades que se debe á produción de bens ou servizos en galego; da outra, afonda nas percepcións sobre que acontecementos ou medidas serían necesarios para incrementar a demanda de bens ou servizos culturais en galego.
Actividade en galego
O 7 % das entidades enquisadas (a mostra era de 1018) non emprega nunca o galego. Son menos que as que realizan todo no noso idioma, que segundo este estudo chegan ao 17,8 %. A produción media en lingua galega sitúase no 52,7 %, un punto menos que en 2020, pero, segundo confirman desde o Observatorio, “o período non resulta suficiente para constatar unha evolución” e haberá que agardar a futuros anos para ver unha tendencia real.
Departamentos de cultura das administracións públicas (87,5 %), museos e actividades relacionadas co patrimonio cultural (77,2 %), música e educación cultural (academias, escolas de música, artes visuais, baile, teatro…) están á cabeza dos ámbitos máis galeguizados. Resulta destacable tamén o feito de que as bibliotecas e arquivos teñen tamén unha das porcentaxes máis elevadas, próxima ao 65 %.
O tamaño das entidades e o lugar en que se sitúan son tamén ámbitos que teñen relación co uso do idioma. Así, “obsérvase unha maior presenza de galego nos núcleos máis pequenos e descende nas cidades”, asegura o informe. Nos concellos de menos de 10 000 habitantes a produción en lingua galega sitúase no 63 % e nas poboacións de 50 000 habitantes ou máis a porcentaxe, malia que é considerable, é sensiblemente menor (49,1 %). Así mesmo, o uso do galego é maior nas provincias de Lugo e Ourense que na Coruña e, especialmente, que en Pontevedra. O tamaño das entidades tamén é outra variable en que se aprecia unha relación co idioma. Afirma o informe que “producen algo máis en galego as entidades con cifras máis modestas”. Aínda que as diferenzas non son moi destacadas, o galego é máis empregado naquelas empresas cun nivel de facturación máis baixo (case o 60% das actividades das entidades que facturan menos de 50 000, fronte a case un 47% naquelas que facturan 500 000 euros ou máis). Con todo, cando o que se mide é o número de empregados da empresa, o informe asegura que se percibe un maior uso do galego cantos máis máis traballadores hai. Esta aparente contradición, segundo o Observatorio, débese a que hai entidades con moitos empregados e orzamentos relativamente baixos, como as entidades sen ánimo de lucro ou a Administración que fan un uso moi elevado do galego nas súas actividades.
Ámbitos de mellora
Promover o consumo de cultura desde a infancia (51,6 %), aumentar a presenza da lingua e a cultura en medios de comunicación, redes sociais e plataformas (42,2 %) e aumentar as subvencións e axudas para fomentar a valorización do idioma (27,1 %) son as tres medidas máis demandadas polas entidades enquisadas. A opción do bono cultural para reducir o custo do acceso á cultura en galego só ten un 15,8 % de apoio. Con todo, o Observatorio destaca que eses datos varían en función de quen conteste: aquelas entidades que empregan acotío o galego na súa produción consideran que para impulsar o idioma debe facerse accións en todos os eidos (57,8 %), incrementar o apoio das institucións con máis subvencións e axudas económicas para o sector (56,5 %) e impulsar a presenza de figuras de referencia que prestixien o uso do galego (55,7 %). Pola contra, as que o empregan menos coidan que se debe ampliar e mellorar a oferta cultural en galego (49,4 %) e implantar un bono cultural (44,2 %).
Antecedentes
Este informe sitúase nunha liña de traballo continuada da institución de buscar aproximación a indicadores culturais tanto desde variables cualitativas como cuantitativas. Un dos estudos máis destacados con respecto do idioma foi O valor económico do galego. Aquel estudo, do ano 2023, concluía que o impacto total sobre a economía galega das actividades vinculadas á nosa lingua representa un 3,4 % da produción da economía e un 4,8 % do emprego. Unha gran cantidade das actividades realizadas en lingua galega son de tipo cultural, por iso resulta interesante coñecer cal é o uso desta no ámbito cultural.