NOTICIA

----

Un encontro debate sobre a cronoloxía e funcionalidade das 'rodas' da Idade do Bronce

En 2006 foi escavada a 'Roda de Barreiros', o primeiro dun conxunto de xacementos que abrían unha nova tipoloxía patrimonial e numerosos interrogantes sobre un período pouco coñecido da historia galega: a Idade do Bronce. Desde entón, a combinación de investigación científica e participación cidadá levou a descubrir cincuenta xacementos similares ao longo do país e á escavación de oito deles. O novo Encontro Monográfico co Patrimonio Cultural reúne por primeira vez o 4 de xullo a arqueólogos, responsables da Administración e comunicadores para debater ao redor da cronoloxía, funcionalidade e difusión destes xacementos.

O encontro 'As rodas do Bronce Final en Galicia: entre os mortos e para os vivos', que se celebrará no Consello da Cultura Galega o día 4 de xullo, reúne por primeira vez aos arqueólogos que están a participar, a través do traballo de campo e a investigación, na investigación ao redor destes novidosos xacementos. O encontro está coordinado polos arqueólogos Francisco Alonso Toucido, Xurxo Ayán Vila, Luis Cordeiro Mañón, Rodrigo Paulos Bravo e Pilar Prieto Martínez e organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega.

Un novo tipo de xacemento
As 'rodas' son uns círculos de diámetro reducido, ás veces cun foxo perimetral, cunha escasa cultura material ou arquitectura no seu interior. Ademais, a diferencia doutro tipo de xacementos, como as mámoas ou os castros, a súa memoria na tradición oral é tamén pequena. As oito intervencións realizadas ata o momento en diferentes 'rodas' de Galicia permitiu fixar a súa cronoloxía ao redor da Idade do Bronce e deu lugar a novas interpretacións ao redor do seu sentido, entre o funerario e o habitacional.

Para coñecer en detalle as diferentes achegas, o encontro conta cos arqueólogos que participaron en todas as intervencións de rodas ata o momento. Juan Carlos López falará sobre a primeira escavada, a 'roda de Barreiros', Diego Piay sobre o xacemento de Ventosiños (Coeses, Lugo), Santiago Nogueira e Pilar Prieto sobre a roda de Lavandeiras, Julián Bustelo sobre o recinto circular de Campo Redondo (Asados, Rianxo), Elena Taboada sobre Outeiro Grande (Bermés, Lalín), Eduardo Breogán Nieto Muñiz sobre a roda dos Castrullos (A Senra, Forcas, Parada de Sil), Rodrigo Paulos e Xurxo Ayán sobre o círculo de Vilarello (A Pobra do Brollón), Pilar Prieto, Luis Cordeiro e Francisco Alonso Toucido sobre o Corro dos Mouros (Adai, Lugo).

Os contextos das rodas
A maiores, diferentes intervencións achegarán contexto tanto arqueolóxico como administrativo ou social a estes xacementos. Luis Cordeiro e Pilar Prieto amosarán unha visión de conxunto sobre as rodas a partir dos achados dos últimos anos, amosando os padróns da súa distribución no territorio, e Pablo López Fernández e Guadalupe Castro González amosarán a súa reconstrución da paisaxe prehistórica luguesa comparando rodas e túmulos. O profesor Antoine Dumas, da Universidade de Bordeaux Montaigne falará das fórmulas funerarias no suroeste francés entre a Idade do Bronce e da Idade do Ferro, con interesantes paralelos co caso galego. O encontro pechará con dúas achegas ao redor do impacto social destes novos xacementos arqueolóxicos. O seu tratamento e presenza nos medios de comunicación e nas redes a cargo de Manuel Gago, do Consello da Cultura Galega ,e a visión deste tipo de xacementos por parte da Administración galega, a cargo de Roberto Pena, do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia.

O encontro 'As rodas do Bronce Final en Galicia: entre os mortos e para os vivos' está aberto ao público, con inscrición libre e gratuíta no web do CCG. Suma o número 47 dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega ao redor de temas de actualidade e reflexión en relación ao patrimonio cultural galego.