O orzamento do Consello da Cultura Galega para o vindeiro ano ascende a 3.333.267 euros, o máis alto da historia da institución, e supón un 3,95% máis que en 2024. Con ese orzamento, a presidenta perfilou as liñas de programación de actividades que a institución aprobou en sesión plenaria o pasado 23 de outubro. A relación entre o turismo e a cultura será unha das accións prioritarias para o vindeiro ano. Realizará unha diagnose cualitativa e cuantitativa da situación actual desde diferentes sectores na que se prestará atención á imaxe que se quere proxectar de Galicia, así como os límites e posibilidades dos novos modelos turísticos. Outra das liñas de acción é a relación entre a artesanía e a industria, na que se abordará a sostibilidade da cultura tradicional, adaptada aos novos tempos, e o aproveitamento industrial dos nosos recursos.
A situación da lingua, o estado actual da arquitectura galega e o impacto da intelixencia artificial (IA) sobre a creación cultural serán obxecto de análise e reflexión.
No ámbito expositivo, en 2025 inaugurarase unha mostra centrada no papel desempeñado polas mulleres na emigración, tradicionalmente invisibilizadas. Ademais, están previstas novas itinerancias nacionais e internacionais das exposicións que o CCG mantén activas.
En 2025 conmemórase o 75 cabodano de Castelao, unha efeméride que a institución xa está a preparar en colaboración con outras entidades. Tamén se prestará atención á música de tradición oral, en consonancia co Día das Letras Galegas, dedicado en 2025 ás cantareiras e á poesía popular do canto. O patrimonio inmaterial será obxecto dun ciclo de actividades por todo o país no que se abordarán diversas manifestacións xeradas polas comunidades tradicionais.
Ademais, seguindo fiel á liña de traballo habitual da institución, para 2025 están programados unha serie de informes encamiñados a avaliar o sistema cultural. O Barómetro da Cultura Galega e as Conxunturas realizadas polo Observatorio da Cultura Galega complementarán os informes de impacto ambiental, os preceptivos para os bens de interese cultural (BIC) e está previsto un estudo amplo sobre o sector musical. Tamén se continuará prestando atención ao fomento da cultura científica, tecnolóxica e ambiental.
A actividade de 2024
Para o conxunto do ano 2024, entre as actividades realizadas a día de hoxe e as previstas ata final de ano, realizaranse 97 actividades, un 20% máis que en 2023 e o 40% tiveron lugar na sede institucional. Houbo xornadas, presentacións, foros, ciclos e mesas de debate nos que se prestou atención á realidade cultural. Entre as novidades deste ano destacou un ciclo encamiñado a analizar a situación actual da arte contemporánea na voz dos seus protagonistas. Luisa Villalta, homenaxeada no Día das Letras Galegas desta edición, estivo presente nas liñas de programación, cunha publicación de homenaxe, o tradicional Concerto das Letras Galegas, un recital poético e a través de varias xornadas que permitiron afondar no seu legado.
Neste ano desenvolvéronse 8 exposicións en 31 itinerancias. En materia de asesoría, realizáronse 29 informes de impacto ambiental, tres informes para a tramitación de ben de interese cultural (BIC) e catro mais: un deles sobre arquitectura indiana; outro de recomendacións para as administracións sobre iluminación pública, outro sobre o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas en Palas de Rei e outro sobre o anteproxecto da Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual. O Observatorio da Cultura Galega realizou o Barómero da cultura e 8 documentos de traballo. Catro deles, de próxima publicación, atenderán a situación do galego en relación con outras linguas en España; un monográfico sobre os museos, unha nova conxuntura estatística máis un estudo dos orzamentos das entidades locais galegas dos últimos vinte anos.
En acción exterior desenvolvéronse 22 actividades de diferente formato en Brasil (Curitiba, Salvador de Bahía, Londrina e Vitória), Portugal (Lisboa, Braga, Vilanova da Cerveira), Italia (Padua e Boloña) e no resto de España (Barcelona, Madrid e Castelló). Ademais, desde a institución realizáronse outros proxectos, como os últimos capítulos da serie “Memoria do teatro galego na Transición” ou o documental “Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición”.
A acollida dos grupos parlamentarios
Na quenda de intervención dos grupos parlamentarios, estes destacaron o traballo en materia de asesoramento aos poderes públicos, así como os proxectos desenvolvidos neste ano pola institución.
Armando Ojea do Grupo Mixto destacou o labor do CCG en prol da cultura científica desde a súa creación. Unha visión na que coincidiu o grupo parlamentario dos socialistas de Galicia que, na intervención de Paloma Castro, tamén destacou a orixe estatutaria da institución e o traballo de documentación e de investigación. Mercedes Queixas, do Grupo do Bloque Nacionalista Galego incidiu no labor e a programación nos catro arquivos, nas seis seccións e nas preto de vinte comisións técnicas activas a día de hoxe.
Por último, Jose Luis Ferro Iglesias, do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, recoñeceu o traballo da institución que definiu como un faro da preservación da nosa cultura. Lembrou que outro 30 de outubro, pero de 1920, arrincaba en Ourense a revista Nós e citou o editorial dese primeiro número para insistir na importancia da colaboración institucional.