Rente ao couce, Asociación Ser, a cooperativa A Carqueixa, Fademur… son só algúns exemplos das diferentes iniciativas que se abordaron no marco desta cita encamiñada a pór en valor boas prácticas sociais, culturais e económicas que se fan desde o diálogo co territorio. “A Carqueixa é unha cooperativa que leva moito tempo traballando na explotación de carne de xeito tradicional que son un exemplo sobre como manter a paisaxe, as formas de vida tradicional cun coñecemento que lles foi herdado pero adaptado ás tecnoloxías de hoxe” apunta Olimpia Pérez, coordinadora desta cita. A carqueixa é un dos preto de dez exemplos da comarca dos Ancares que traballan baixo esta premisa pero hai máis: Rente ao couce, colectivo creado para dinamizar o retal; a asociación “Teitos de Piornedo” que se dedica á preservación dos teitos das pallozas; ou a Asociación Ser, promovida polo recoñecido cineasta Óliver laxe para desenvolver iniciativas vencelladas aos sectores agroganadeiros, turísticos, sociocomunitarios, culturais e ambientais na zona. “As asociación culturais teñen unha actividade en toda a bisbarra e o lecer da propia sociedade, que axudan a valorar o propio e son un exemplo” explica a coordinadora desta cita.
A xornada deu voz tamén aos responsables políticos dos concellos e das comarcas da zona que abordaron as dificultades que teñen no ámbito do patrimonio e as posibles solucións. Cos testemuños de todos eles, expertos en distintas áreas elaborarán un documento propositivo en materia de patrimonio no ámbito rural. Ese documento abordará desde a situación da normativa legal, a arqueoloxía, a paisaxe, a memoria a actividades como o turismo no que participan Cristina Sánchez Carretero, Xosé Manuel Santos Solla, Carlos Amoedo, Antonio de Vega, Fran Alonso e Uxío Novo.
Cita en Vilalba co patrimonio inmaterial
No marco das actividade programadas para o Día do Patrimonio o Consello Cultura Galega (CCG), en colaboración co Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), organiza a I Xornada de Patrimonio Inmaterial que abordará o patrimonio oral, ritual e cultural. A xornada comeza esta tarde cos relatorios de Almudena Falcón, profesora de ensino secundario no concello vilalbés, ademais de regueifeira, que tratará o tema “A improvisación oral en verso: patrimonio inmorredoiro”, no que participarán as rapazas do Club de Regueifa do IES Basanta Silva. O enxeñeiro técnico agrícola e licenciado en ciencias biolóxicas Xosé Mouriño Cuba, que falará sobre “O zahorismo, entre realidade e escepticismo”. E o doutor en ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela e artesán especializado na fabricación de instrumentos musicais tradicionais galegos Pablo Carpintero, coa temática “O patrimonio inmaterial como proceso”.
O sábado 16 de novembro (a partir das 11:00 horas) tomará a palabra, primeiramente, a antropóloga e arqueóloga da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Noia, Ana Isabel Filgueiras Rei, co relatorio “Cerimoniais florais galaicos, unha herdanza sagrada”; despois será a quenda do campaneiro Xosé Andrés Barreiro Garrido, Andi, que disertará sobre “As campás, o son do camiño”. Pechará este segundo día de xornadas o arquitecto e presidente do Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, Carlos Henrique Fernández Coto, coa intervención “A cara oculta da arquitectura”. O evento rematará cunha ofrenda floral no monólito conmemorativo da constitución das Irmandades da Fala en Vilalba.
Un espazo dixital
Ademais, o CCG puxo en rede unha pequena escolma de contidos dixitais que convidan a pensar nas diferentes facetas do patrimonio cultural como vertebrador de identidades, de desenvolvemento e de territorio. Desde el pódese acceder ao documental de Aitor Rei “A última viaxe do afiador”, á exposición "Olladas #EMPC. Olladas #INSITU" que serve de mostra das propostas desenvolvidas desde a Sección de Patrimonio e Bens Culturais que coordina Teresa Nieto. Inclúense tamén os resultados do “Foro Patrimonio e Sociedade”.