NOTICIA

----

A pioneira da química, Aurora Sampedro, entra no Álbum de Galicia

Aurora Sampedro Piñeiro (San Pedro de Bemquerencia, Barreiros, Lugo 1913-1996) foi unha destacada química que dedicou a súa carreira investigadora aos campos da nutrición e da automoción. As súas aportacións ao estudo dos oligoelementos de orixe animal e as aliaxes de materiais valéronlle o recoñecemento da Real Academia de Doutores de España como Correspondente de Ciencias Experimentais. A súa entrada, asinada por Manuel Rivero Pérez, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia, colección dixital de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG).

A entrada salienta o perfil multidisciplinar e pioneiro de Aurora Sampedro Piñeiro no eido das ciencias prácticas. Nas súas investigacións, incorporaba as artes para achegar flexibilidade cognitiva, pensamento crítico e creativo. Particularidade que se adiantaba corenta anos ao paradigma STEAM (Science, Technology, Engineering, Mathematics and Arts).

A química amosou grandes aptitudes para a ciencia dende unha idade temperá. Impulsada pola súa mestra na escola de Canteiro na súa aldea natal, preparou os exames de bacharelato elemental por libre no Instituto de Lugo. Ao rematar, mudouse a estudar a Madrid, onde entraría en contacto coa Residencia de Estudantes, o Instituto Cervantes e a Universidade Central. Entidades que lle aportarían a educación e os medios materiais e humanos para desenvolver e impulsar as súas inquedanzas académicas, profesionais e persoais. Nesta etapa comeza a estudar Maxistero e traballar na súa tese de doutoramento no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) sobre os oligoelementos de orixe animal. Un tema que centraba o interese dos laboratorios da época, e que compaxinou coa docencia en Boal e Vegadeo.

O texto percorre a carreira académica e investigadora de Aurora Sampedro Piñeiro, que estivo vencellada a catro Centros de Referencia: IQF Gregorio de Rocasolano, Esteban Terradas Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), Juan de de la Cierva e o Laboratorio Central de Renfe. Espazos onde desenvolveu liñas de investigación e avances centrados nas aliaxes de materiais e o comportamento dos metais en diferentes condicións. Aportacións que lle levaron a representar ao CSIC en múltiples congresos de prestixio nacional e internacional. A entrada ademais da súa biografía académica e profesional, inclúe as listaxes das publicacións que realizou e congresos aos que asistiu ao longo da súa vida.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 720 entradas, das cales as máis recentes son as de Tuto Vázquez, Xaquina Trillo e a de José Luís Pensado Tomé.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.