----

O foro participativo propón un modelo educativo piloto e voluntario co galego como lingua vehicular

Unha medida piloto que posibilite unha liña de ensino voluntaria na que o galego teña máis presenza, que se desenvolva con carácter experimental, de modo voluntario e consensuado entre todos os axentes implicados (familias e centros) coa finalidade de ser implementada para compensar a menor presenza social do galego. Esta é unha das ideas centrais que se propuxeron no marco da xornada “Educación e socialización”, coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) puxo en marcha o proceso Un país coa súa lingua. Foro participativo. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na inauguración que “abrimos un debate para propiciar consensos no marco do noso labor asesor e consultivo e pedimos que todo o país estea unido en favor da súa lingua”. Pola súa parte, a vicepresidenta do CCG e coordinadora do proceso, Dolores Vilavedra, explicou que “en outubro teremos un documento final con propostas concretas de aplicación inmediata”. O foro continúa o 20 de marzo, cunha mesa coordinada por Alba Nogueira e co título “Administración, xustiza e servizos públicos”.

A primeira mesa do foro apuntou á implantación dun proxecto piloto de enriquecemento lingüístico co galego como lingua vehicular. A iniciativa parte do obxectivo compartido de que o ensino debe garantir a adquisición de competencias lingüísticas -e, polo tanto, posibilidades de usos- equivalentes en galego e castelán, algo que non se estaba a producir segundo as últimas cifras publicadas na Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego realizada polo Instituto Galego de Estatística. Ana Iglesias, experta e docente en conciencia lingüística e didáctica da lingua, indicou que “os expertos sinalan que experiencias previas noutros lugares e as escasas aplicadas en Galicia, dan resultados moi positivos, tanto desde o punto de vista lingüístico, coma no rendemento académico”. A medida piloto proposta tería carácter experimental, implantaríase de modo voluntario e consensuado nos centros de ensino que acorden poñelo en marcha e só para as familias que voluntariamente queiran participar nel. Deste xeito, outórgalles aos centros maior autonomía e ás familias a posibilidade de escoller como se educan os nenos e nenas. Aos 3 ou 4 anos avaliaríanse os primeiros resultados de adquisición de competencia e posibilidade de usos lingüísticos, para así facer unha valoración obxectiva de vantaxes, desvantaxes, fortalezas, debilidades… deste modelo. A medida permite canalizar a demanda de familias que desexan un modelo que mellore as competencias lingüísticas bilingües ou un maior peso do galego no ámbito educativo tal e como figuraba na recente enquisa promovida pola Xunta de Galicia sobre “Percepción social do galego”.


Formas de participación
A participación en materia educativa non se esgota nesta mesa. A sesión foi gravada, queda a disposición da cidadanía na canle de Youtube e no web da institución onde hai habilitadas diferentes fórmulas para achegar novas propostas. Hai un cuestionario en liña que estará aberto durante todo o proceso co que se poden enviar propostas relativas a calquera das áreas de análise. Por último, no peche do proceso, no outono, celebrarase un foro aberto á cidadanía, onde se presentarán as primeiras conclusións que recollen as propostas de cada mesa máis as chegadas polas diferentes canles que se debaterán co público asistente para arrequentar o documento final de propostas.


Continuación do foro
A segunda das mesas abordará a lingua da administración, da xustiza e da formación do persoal público. A terceira mesa, “Sanidade, ciencia e servizos sociais”, reflexionara o 23 de abril sobre a atención a colectivos vulnerables, servizos sociais, inclusión lingüística en contextos de apoio comunitario e contextos académicos e científicos. Está moderada por Iolanda Casal. Marta Veiga coordina a mesa Comunicación, cultura e acción exterior, na que se abordarán os medios de comunicación públicos e privados, a creación cultural e industrias audiovisuais e a difusión do galego en plataformas dixitais. Na quinta mesa, Economía, turismo e deporte, baixo a moderación de Jackson R. Rodriguez Soares, reflexionarase sobre o uso do galego no comercio e nas empresas, o turismo cultural, a comunicación corporativa e a vida económica e social. “Sociedade, crenzas e participación comunitaria” é o título da última mesa (8 de xullo), moderada por Rosalía Fernández Rial, na que se analizarán temas coma as asociacións e redes comunitarias, a sensibilización lingüística en colectivos sociais ou a cohesión interxeracional.

Ademais, no outono, celebrarase un foro aberto á cidadanía, onde se presentarán as primeiras conclusións que se debaterán co público asistente para arrequentar o documento final de propostas. Como peche redactarase un documento de propostas concretas, co obxectivo de identificar medidas prioritarias para a normalización do galego.

Outras propostas
No marco da xornada tamén se abordaron outras propostas como a recuperación do programa “preescolar na casa”. Ademais púxose énfase en reforzar a presenza do galego en ámbitos escolares non lexislados polo decreto, que son competencia das asociacións de nais e pais (ANPAS) como o plan madruga, o comedor escolar, as saídas académicas, as actividades extraescolares e as asociacións deportivas. Unha campaña publicitaria positiva que permita ver os beneficios de criar en galego, mellorar notablemente as condicións e o orzamento dos equipos de dinamización da lingua dos centros de ensino, así como coordinar a súa xestión e ofrecerlles formación específica son outras das medidas concretas que se achegaron no marco desta sesión. Estas propostas xurdiron ao fío de iniciativas que Rosa Moreiras, Ana Iglesias ou Alberto Pombo expuxeron ao inicio da sesión, como “Aquí tamén se fala”, o proxecto Apego, ou “Modo Galego, Actívao!” que están a funcionar con éxito en Galicia.