Nesta primeira fase póñense a disposición da cidadanía 231 epístolas procedentes dunha trintena de autores. Destacan as abondosas cartas con Celso Emilio Ferreiro, embaixador da revista Papeles de Son Armadáns en Galicia; con Isaac Díaz Pardo; coa Fundación Rosalía de Castro, así como as relacionadas coa tradución ao galego de La familia de Pascual Duarte entre as que se inclúe o manuscrito do prólogo de Otero Pedrayo e as misivas sobre a tradución que realizou Vicente Risco; ou as cartas co seu gran amigo, o escritor, xornalista e guionista, Mariano Rodríguez Tudela. Aínda queda moito epistolario por desvelar neste espazo web que irá medrando coa colaboración das distintas entidades, autores, intelectuais e artistas galegos cos que Cela mantivo relación e que permite coñecer máis de preto o sentimento de galeguidade que acompañou ao premio Nobel ao longo da súa vida e obra.
Anxo Lorenzo destacou a importancia desta iniciativa “para poñer en valor outras facetas do escritor máis alá da súa obra literaria e achegarnos á súa figura a través do contacto que mantivo cos persoeiros da intelectualidade galega do momento”. Deste xeito, engadiu, “teño o convencemento de que será un portal de referencia para coñecer máis de cerca o sentimento de galeguidade do Premio Nobel”.
“A súa obra zumega Galicia. En primeiro lugar, coas súas novelas ambientadas na terra galega; en segundo lugar, cos milleiros de personaxes galegos que aparecen nas súas obras e, en terceiro lugar, coas súas excepcionais obras de bibliófilo de afamados ilustradores e pintores galegos” asegura Covadonga Rodríguez no artigo contextualizador que se inclúe co epistolario.
A presentación deste espazo é froito dun protocolo de colaboración que o CCG e a Consellería de Cultura asinaron en 2018 para a dixitalización do fondo epistolar do escritor padronés relativo á súa correspondencia con intelectuais galegos.
Proxecto Epístola
En 2014, o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o seu proxecto Epístola. Inseríase no marco da Colección Arquivos Particulares, que está constituído por máis de 25.000 documentos (cartas, postais, tarxetas de visita, manifestos, apuntamentos...) orixinais ou copias. O proxecto, que segue criterios arquivísticos, naceu para ofrecer á cidadanía a correspondencia de figuras senlleiras da nosa cultura. Posibilítase así un mellor coñecemento de remitentes e de destinatarios, ao tempo que se abren novas perspectivas de coñecemento sobre a época da escritura e os seus contextos, e facilita a comprobación de datos e de circunstancias. No marco desta iniciativa púxose en rede unha importante colección de arquivos persoais, que arrincou con Luís Seoane e se acrecentou con Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Rosalía de Castro ou Manuel Rodríguez Lapa, entre outras figuras.
A colección epistolar de Cela
O epistolario conservado na Fundación Pública Galega Camilo José Cela abrangue desde 1942, ano da publicación da primeira novela do autor, La familia de Pascual Duarte, ata o 17 de xaneiro de 2002, data do seu pasamento.
A colección completa está composta por máis de 95.000 cartas correspondentes con case 13.000 persoeiros da vida social, política e cultural da segunda metade do século XX e constitúe un fondo documental de gran valor.